fbpx

A Coruña: Un Nadal moi noso

When:
4 Decembro, 2023 – 6 Xaneiro, 2024 all-day
2023-12-04T00:00:00+01:00
2024-01-07T00:00:00+01:00
Where:
A Coruña

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presentou a programación de actividades do Nadal 2023-24, que se prolongará ata o día 6 de xaneiro e chegará aos centros cívicos, mercados municipais, o Centro Sociocultural Ágora, o Fórum Metropolitano, os Museos Científicos Coruñeses, a Oficina Municipal de Información ao Consumidor (OMIC) e tamén ao Palacio Municipal de María Pita.

Neste sentido, xa están en marcha desde o pasado venres os obradoiros infantís que se levan a cabo nas instalacións da Casa dos Xoguetes, na OMIC, ideados para nenas e nenos de 4 a 10 anos. Haberá obradoiros ata o día 5 de xaneiro. O acceso é de balde, con inscrición previa na propia OMIC 15 minutos antes de comezar cada actividade.

Ademais, o vindeiro luns 11 de decembro abrirase o prazo de solicitudes para participar nos obradoiros infantís e as festas de Papá Noel que se levarán a cabo nos centros cívicos municipais de Feáns, Castro de Elviña, Artesáns, Pescadores, Visma, Sagrada Familia, A Silva, Santa Lucía, Labañou, Cidade Vella, Castrillón, San Diego, Monelos, Os Rosales, Mesoiro, Monte Alto, Eirís, Os Mallos, Novoboandanza, Palavea e Elviña.

En paralelo, e tamén entre os días 11 e 13 de decembro, habilitarase o prazo para solicitar praza nos obradoiros de cociña infantil de Nadal que terán lugar nos mercados municipais de Durmideiras, Elviña, Monte Alto, Eusebio da Guarda, As Conchiñas e San Agustín. Están pensados para nenas e nenos en idade de 7 a 12 anos.

A estas actividades, todas elas de balde, con inscrición previa, complementan a posta en marcha dos Campamentos de Nadal para os que o Concello da Coruña ofertou un milleiro de prazas. “Desta forma, buscamos facilitar ás familias unha ferramenta de conciliación no contexto das vacacións escolares”, sinalou Inés Rey.

Ademais das festas de Papá Noel nos centros cívícos, tamén está previsto que os Reis Magos se acheguen ao Palacio Municipal de María Pita desde o día 2 de xaneiro. Desta forma, as nenas e nenos poderán visitar ás SSMM os días 2, 3 e 4, en horario de 11.00 a 14.00 horas, e de 16.30 a 21.30 horas.

A este respecto, Inés Rey apuntou esta mañá que, como xa é habitual, a cidade gozará da Cabalgata de Reis o día 5 de xaneiro, en horario de tarde. O punto de partida, así como o percorrido previsto e os horarios aproximados, notificaranse nos vindeiros días.

Xogos en familia na biblioteca de Durán Loriga e actividades nos museos

Ás actividades específicas de Nadal súmase unha programación de continuidade que se levará a cabo na Biblioteca Municipal de Durán Loriga, os tres museos científicos e o Palacio Municipal de María Pita.

No caso de Durán Loriga, haberá xogos en familia, para nenas e nenos desde 8 anos, ata o vindeiro 23 de decembro. Será de luns a venres (10.00 a 19.00 horas) e tamén os sábados (10.00 a 14.00 horas).

Por outra banda, no Aquarium Finisterrae, desde o 23 de decembro, haberá coloquios informativos sobre as focas do acuario, e tamén se levarán a cabo os talleres experimentais ‘Tiburóns á vista’. Na Domus, entre o 23 de decembro e o 7 de xaneiro ofreceranse proxeccións de dúas das iniciativas gañadoras dos últimos Premios Prismas: ‘Maa-Yiem. La extraordinaria historia de Jordi Sabater Pi’ e ‘La mujer que soñaba con números’. E na Casa das Ciencias, tamén do 23 de decembro en diante, haberá proxeccións e sesións en directo sobre a Vía Láctea.

Luisa Villalta será a protagonista desta edición do Belén Municipal

Inés Rey tamén avanzou esta mañá que a escritora coruñesa Luisa Villalta será a gran protagonista desta nova edición do Belén Municipal, que se inaugurará este martes 5 de decembro (18.00 horas) no Palacio Municipal de María Pita.

“Coa inclusión de Luisa Villalta nas figuras do Belén rendémoslle homenaxe a unha muller que foi fundamental á hora de trenzar a identidade da literatura galega entre as décadas dos 80 e os 90. E, ademais, imos abrindo camiño aos actos conmemorativos que temos previsto celebrar na Coruña o ano que vén, coincidindo coa celebración do Día das Letras Galegas na súa lembranza”, expuxo a alcaldesa.

O Belén Municipal estará aberto ata o día 6 de xaneiro, exceptuando os días 25 de decembro e 1 de xaneiro, cando estará pechado. Os horarios de apertura serán de 12.00 a 14.00 horas, e de 17.00 a 21.00 horas, exceptuando os días 24 e 31 de decembro, cando só estará habilitado ás visitas pola mañá.

As Tanxugueiras e Carlos Núñez, entre os concertos previstos nestas datas

Durante o Nadal, a cidade tamén acollerá concertos e espectáculos que chegarán ao Teatro Colón, o Teatro Rosalía de Castro, o Coliseum e o Palacio da Ópera.

Desta forma, nas vindeiras datas, na Coruña actuará Ana Mena “e teremos o inmenso pracer de contar con artistas da nosa terra que son referentes internacionais, como as Tanxugueiras e Carlos Núñez”, subliñou a alcaldesa. Ademais, tamén actuarán a Banda Municipal de Música da Coruña e a Coral El Eco, nun concerto conxunto que terá lugar o 17 de decembro no Teatro Colón (12.15 horas).

Xa en xaneiro, tamén no Teatro Colón, están previstas as actuacións do Coro de Nenos e Nenas e o Coro Xove da Orquestra Sinfónica de Galicia (día 4, ás 19.00 horas) e o Concerto de Reis da Orquestra de Nenos da Orquestra Sinfónica de Galicia (día 5, 13.00 horas).

Descontos especiais para a pista de xeo da praza de María Pita

Inés Rey tamén anunciou que o Concello impulsará unha campaña de apoio ao comercio local, mediante a que se repartirán 20.000 tíckets con descontos na pista de xeo de María Pita para todas aquelas persoas que merquen no pequeno comercio da cidade, que pagarán dous euros menos.

O horario de apertura da pista de xeo, que estará habilitada ata o 7 de xaneiro, variará en función do período do mes: en período escolar a apertura será de luns a xoves de 16.45 a 21.30 horas, os venres de 16.45 a 22.15 horas e os sábados, domingos e festivos de 11.00 a 23.00 horas; durante as vacacións de Nadal o horario será de luns a domingo, de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 23.00 horas e os días 24 e 31 de decembro será de 11.00 a 18.00 horas e o 25 de decembro e o 1 e 6 de xaneiro, de 18.00 a 22.45 horas.

Para centros escolares o prezo é de 3,5 euros, patíns incluídos. Ademais, a rapazada con praza nos Campamentos Municipais de Nadal terá acceso gratuíto.

Reforzo no transporte público durante a Noitevella

A alcaldesa tamén notificou esta mañá que o Concello ten previsto dispor un reforzo no transporte público durante as festas de Nadal. Concretamente, no servizo nocturno que se habilitará durante a Noitevella, co autobús-moucho. Haberá dous autobuses, e a quenda de servizo comezará ás 00.30 horas, con frecuencias de media hora ata as 7.30 horas do día 1 de xaneiro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.