Laura Delgado e Lucía Freitas, ceramista e chef traballando xuntas para crear pratos con alma
Laura Delgado e Lucía Freitas, no obradoiro da primeira. Foto: Adrián Baúlde
A Lucía Freitas, recoñecida chef compostelá que acaba de recibir o premio Sol Sostible da Guía Repsol e propietaria dos restaurantes Lume e A Tafona, cunha Estrela Michelin, gústalle coidar cada mínimo detalle do seu traballo. Por iso é tan importante para ela contar con pezas de Artesanía de Galicia como as que elabora a ceramista Laura Delgado. A relación coa gañadora do Premio Artesanía de Galicia 2022 comezou hai anos nunha das primeiras edicións das xornadas Artesanía no Prato, un proxecto que acaba de facer unha década dando a coñecer a nosa artesanía ás cociñeiras e cociñeiros máis destacados da nosa comunidade.
Como comezastes a traballar xuntas?
Laura: Coñecín a Lucía nunha das primeiras edicións de Artesanía no Prato. Eu acaba de arrancar co meu taller, cun obxectivo bastante claro que era participar nas feiras internacionais de Artesanía de Galicia. Pero uns meses despois, chamáronme e pedíronme uns pratos para Artesanía no Prato. Eu non tiña e foron os primeiros que fixen. Foi unha colección que se chamaba ‘Landscape’. Alí participaba Lucía cun showcooking, gustáronlle moito e comezamos a traballar.
Lucía: Laura é unha artesá coa que enganchei dende o primeiro momento. Elena soubo que iamos encaixar moi ben, porque nos parecemos moito, cada unha na súa profesión. Sobre todo porque ten unha liña moi xaponesa, e para min é un estilo que me volve tola, que me gusta moitísimo.
Laura: Si que me din moito que teño un estilo moi xaponés, aínda que non é a miña intención. Eu o que trato de facer é que as pezas sexan o máis sinxelas posible. Ti cando vas a un restaurante o que queres é comer. Están moi ben que o prato acompañe e aporte cousas á comida que vas tomar. Creo que unha peza de liñas sinxelas axuda a resaltar a comida.
Lucía, é así? Os clientes dos teus restaurantes cambian a súa percepción segundo o prato no que presentes as túas creacións?
Lucía: Si, si, si, por suposto! Non é o mesmo unha vaixela que non diga nada que unha que poñas na mesa e o cliente ‘flipa’. Cada un elixe como investir os seus medios. Eu prefiro investilos en xente que vou axudar a crecer, facer país, consumir con conciencia.
Laura: Para min cando vexo as miñas pezas montadas dentro do seu entorno final é brutal! É un plus que ti nunca lle poderías dar na casa ou no obradoiro cando o vendes a unha persoa e perdes a trazabilidade do prato. Nos restaurantes segues con esa peza e ves como a completan, porque un prato sen comida enriba é só unha cousa máis. Eu traballo para que as pezas se usen.
Entón Lucía, cantas pezas de artesanía galega tes nos teus restaurantes e por que?
Lucía: Moito. O 90% do que teño é de dúas ‘Amas da terra’ (proxecto social e gastronómico de Lucía que pon o foco nas mulleres produtoras galegas, percebeiras, praceiras, artesás etc). Unha é Laura e outra, Susana Anta. Non entendo que un restaurante con cociña propia, con elaboracións que saen dun chef, non redondee esa preparación cunha peza de alguén que lle puxo o mesmo amor, a mesma paixón, e que coas súas mans fixo algo especial para ese prato.
A min paréceme unha aberración que moitos cociñeiros busquen o mellor produto e non valoren como está feita a súa vaixela. Non me entra na cabeza! Para min o coherente é que estea todo pensado. Que teña unha alma ese prato, que cada peza sexa diferente. O que máis lle sorprende ás artesás coas que traballo é que cando me din “É que non me quedou moi ben” para min é perfecto! Encántame na súa imperfección! Se quixera un prato de molde, non estariamos falando de artesanía.
Laura, como é o proceso de traballo con Lucía?
Laura: Hai un pouco de todo. Ás veces teño pezas que di: eu quero esa! E outras, ela mándame fotografías ou pezas que atopa nas súas viaxes e aquí facemos unhas adaptacións. Porque moitas veces as pezas de artesanía tradicional de determinados países, sobre todo de América do Sur e África, son cerámica de baixa temperatura, que non ten moi bo resultado en canto a resistencia. Entón o que facemos é adaptala para un uso para hostalaría, con resistencia abrasiva, aptas para lavalouza... Todo o que temos que ter en conta para traballar para a restauración.
Lucía, ti que viaxas moito e coñeces outras cociñas, restaurantes por todo o mundo... Como ves a artesanía galega?
Lucía: A artesanía galega vai mil veces por riba doutras deste país. Todo o apoio que dá Artesanía de Galicia non ten nada que ver co que fan outras institucións noutros lugares. Non hai cor. Sempre digo que é por esa ‘alma máter’ que teñen que é Elena Fabeiro (xerente), que está en todo. Somos a envexa!
E que opinión tendes do proxecto Artesanía no Prato?
Laura: Paréceme xenial! As feiras de Artesanía no Prato son preciosas, nas que se coida ata o último detalle. A min encántame. Sobre todo para a xente nova, que está arrancando no mundo da artesanía, é un escaparate moi bo.
Lucía: E hai que facer máis libros! A publicación de Artesanía no Prato ten unha calidade fotográfica incrible, coas imaxes de Stephane Lutier, que é o mestre das fotos gastronómicas, e todas as pezas de Artesanía de Galicia que son marabillosas.
Onde mercar o libro deArtesanía no Prato?
O libro ‘Artesanía no Prato’ é unha nova iniciativa no marco do proxecto Artesanía no Prato impulsado pola Xunta. Inclúe unha escolma de fotografías -obra de Stephane Lutier- de pratos realizados por 12 restaurantes galegos nas que se amosan pezas de 31 obradoiros de Artesanía de Galicia. Os textos son de Macarena Navarro-Reverter, xornalista e consultora de artesanía.
Se queres conseguir un exemplar da publicación ‘Artesanía no Prato’, poderás atopala á venda nestas localizacións en Santiago de Compostela: Boles (Ruela de Altamira, 3), Creativas Galegas (Caldeirería, 36) e a Libraría do CGAC (Rúa de Ramón de Valle-Inclán, 2). Tamén en Ao Domini, en Ourense (Alejandro Outeiriño Rodríguez, 11); Stoupa, en Cee (Campo do Sacramento, 23); D-Due, en Rianxo (A Barraca s/n Asados) e Cocol, en Madrid (Cost. de San Andrés, 18).