fbpx
666rpmCompostelaCulturaMúsica

Psicofónica de Conxo: A Vidente do Terceiro Milenio

Por César Varela de Plástico Elástico 

Falando da Compostela Subterránea coa que me fun culturizando nisto das artes sonoras; se Los Miserables, Nicho Varullo ou The Tombstones eran das miñas bandas de cabeceira, outra das formacións que retumbaban nas pedras da cidade do Apóstolo nos últimos anos da década dos 90´s, principios do 2000, que máis fascinado me tiñan eran A Psicofónica de Conxo. Unha factoría musical e creativa que desenvolveu todo tipo de proxectos relacionados coa música escénica (libretos e bandas sonoras para teatro, ópera, performance, producións multimedia, etc.). Ademais do traballo de composición musical e literaria de espectáculos, os seus membros mantiñan unha presenza constante nos escenarios ao estaren integrados en diferentes formacións musicais e teatrais. Asemade, os membros da Psicofónica, ligados durante anos ao grupo de teatro Chévere, participaron na creación da Sala Nasa, centro pioneiro na produción da arte independente e marco habitual das súas producións. Dentro da programación da Nasa, propiciaron distintas iniciativas encamiñadas a fomentar a escena musical galega e o intercambio entre artistas nacionais e internacionais. Formaron tamén a Banda da Nasa, que funcionou como banda residente da sala, participando no cabaret de nome xenérico “Ultranoite”, cun repertorio propio e multixenérico e dando cobertura musical a numerosos artistas.

Todas estas experiencias permitiron aos membros da Psicofónica desenvolver novos conceptos de composición e produción musical que logo se sintetizaron na proposta do grupo: un achegamento á música popular claramente diferenciado dos xéneros tradicionais como o rock e o pop, e aínda remitíndose a eles como inspiración básica, a Psicofónica incorporou neste sentido técnicas e motivos procedentes da música contemporánea e a poesía de vangarda xunto a elementos doutras disciplinas artísticas coma o teatro, a performance ou a vídeo-creación, ofrecendo unha nova perspectiva de entretemento nos seus espectáculos.

Foto: Encarna Teira
Foto: Encarna Teira

‘Psicópolis’ foi o nome do espectáculo inaugural, tomando como referencia a literatura fantástica (dende Swift e Rabelais ata Jarry, Kafka ou Topor). O espectáculo propoñía unha fantasía contemporánea na época da realidade virtual e as autovías de información. O cerebro humano concibíase como a terminal dunha inmensa rede de comunicación: Psicópolis, a cidade mental. Un calidoscopio de sons, imaxes e sensacións encefálicas que daban conta dunha aventura extraordinaria a través desta singular metrópole. A vida cotiá de Psicópolis, a cidade mental, era unha sucesión ilimitada de entresoños, esquicias, metamorfoses, regresións infantís, desdobramentos de conciencia, delirios hilarantes, euforia e desequilibrios sinápticos. As pezas do quebracabezas psicofónico descubrían ao espectador un universo onde o fantástico e o real se mesturaban sen solución de continuidade e onde a sátira da sociedade contemporánea alcanzaba o delirio electroacústico. A Psicofónica era o encefalograma musical da sociedade contemporánea, o rexistro mecánico das harmonías neuronais que sacudían os cerebros no amencer do terceiro milenio.
A Psicofónica foi o resultado de centos de colisións acústicas na sociedade de consumo, a nova partícula musical enxendrada tras o choque electrolítico no interior dos nosos cerebros. Da ópera e o rap, do rock e o trance, da muiñeira e a poesía fonética, do reggae e o techno-samba, do flamenco e o trash metal, do son cubano e a psicodelia, e do pop e o dodecafonismo.

Elenco: Carlos Santiago (voz), Fran Pérez (guitarras, harmónica e voz), Suso Alonso (piano, teclados, cello e acordeón), Xavier Olite (baixo, programacións), Marcos Teira (guitarras), Pepe Sendón (batería, octapad, vibrafonette, percusión e voz) e Antonio Vázquez (produtor e técnico de son).

Discografía:

Psicópolis (2000 - Fortes & Rangel) & Extramundi (2002 - Madame Mir).

FOTOS: Encarna Teira

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.