fbpx
A gorida do artistaCompostelaCultura

Celia Pía: “Considérome unha persoa  poliamorosa en canto á linguaxe artística”

Por Inés Silvalde

Celia Pía
Celia Pía

Arrastrada por unha onda de mar dende a costa de Ortigueira, chega nos anos 90 Celia Pía á cidade de Santiago. O seu acometido nese momento era moi diferente ao que despois xurdiu. 

Tras un ano na cidade, descubriuse o manto para mostrar a verdadeira vocación que a acompañaba dende nena: as artes. 

Comeza deste xeito os estudos de Belas Artes en Pontevedra e remata en Barcelona na especialidade de pintura. Pero as mans de Celia non só manexaban pinceis, os seus dedos sabían latexar sobre as teclas do piano. Foi alí, na cidade Condal, onde rematou os estudos superiores de piano.

E agora que? Unha gran pregunta que moitos dos que estudamos artes nos fixemos no momento de rematar os estudos. Para moitos e moitas, unha grande experiencia vivencial pero que, en ocasións, é difícil enfilar no ámbito laboral. 

Xorde nela entón unha grande inquedanza que a levará a experimentar en diferentes escenarios como a televisión. Trasládase a Madrid onde desenvolve diferentes labores de edición, maquetación e creatividade no ámbito televisivo.

Nesas datas nace o seu fillo, acontecemento que a fai retornar a terras compostelás. Comeza a traballar nunha escola dando clases extra escolares de debuxo e piano. Posteriormente incorpórase ao corpo de profesores de secundaria e actualmente exerce como profesora no conservatorio de Santiago de Compostela. 

Entro no seu fogar. As paredes están arroupadas por decenas de obras. Lenzos que nos levan a outras latitudes e nos fan sentir os pés na terra seca, fóra da humidade de Santiago. As cores transpórtanos concretamente a Senegal, país que tamén corre polas veas do seu fillo e que marcou unha época na creación artística. Cadros cheos de luz, que encarnan escenas cotiás do país africano, como encontros familiares, mercados típicos ou paisaxes. 

Centro a mirada noutras composicións pictóricas das que destaco o emprego de elementos simbólicos para narrar algún acontecemento. A figura humana e os animais soan como nota común en todos os traballos. Destaca Celia que, a súa inspiración é a vida e o ser humano con todas as circunstancias polas que atravesa. As inxustizas e as diferenzas son outros dos temas que a conmoven para transportar ao pincel, ás partituras, ás verbas… 

A música e a pintura son os gardiáns da alma. Acudindo baixo urxencia e de forma cíclica para expresar e comunicarse a través das notas e dos trazos. 

Existen, dentro do poliamor que vive coas linguaxes artísticas, outros ámbitos das artes nos que exterioriza os seus pensamentos: a performance e a poesía. En canto á performance, destacarei a peza representada no escaparate do Mercado Galego da Creatividade: ‘Pigmalión, Golem y Galatea’.

A poesía tamén a podemos atopar recollida no libro ‘Sucesos, dudas y algún poema’. Pero o amor sen límites polas distintas disciplinas artísticas fai que os acrílicos tomen volume axudados do papel maché. Tomando como protagonistas o nariz e as orellas, vemos algunha obra representada sobre soportes planos ou sobre a curvatura das tellas. 

Alén e eu despedímonos para volver ás chuviosas rúas de Santiago. Na nosa memoria queda a area e o aire cálido das pinceladas de Celia. Tamén queda xa gravada na miña memoria, o chorro de voz firme, potente e doce que sentín ao escoitar a súa voz nalgunha das súas composicións musicais. Pero, perante todo, queda no meu pensamento que aquela moza que veu arrastrada por unha onda de mar dende Ortigueira, saíu da resaca do océano para tocar terra cun paso firme, sendo libre de bicar á música, á pintura, á poesía, á escultura cando e como queira.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.