fbpx
#decomprasOído, artesanía!Rebeca Munín

Artesanía no Prato, unha década de maridaxe da gastronomía coa artesanía

Fotos cortesía da Fundación Pública Artesanía de Galicia.

Foi no ano 2013 cando se iniciou o proxecto Artesanía no Prato, no marco da segunda edición do ‘Corazón da Artesanía. Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia’, en Agolada, coa intención de xerar unha interrelación entre artesanía, deseño e gastronomía. Unha década despois, e tras desenvolver catro xornadas profesionais e recibir  varios recoñecementos, Artesanía de Galicia lanza unha publicación que recolle o traballo conxunto entre 12 restaurantes e 31 obradoiros profesionais galegos.

Desde o seu nacemento, Artesanía no Prato buscaba presentar a alta gastronomía en soportes de Artesanía de Galicia. Deste xeito, o proxecto tiña por obxectivos estratéxicos darlle a coñecer a artesanía ás cociñeiras e cociñeiros máis destacados da nosa comunidade; buscar novos nichos de mercado; poñer en valor da artesanía no campo da gastronomía e a restauración; servir de xermolo de novos deseños de produtos e apostar pola calidade, a innovación e a creatividade no seu sentido máis amplo.

Así, a partir dese momento no verán de 2013, a Fundación Artesanía de Galicia actuou como intermediaria entre profesionais da artesanía e da gastronomía para incorporar pezas de Artesanía de Galicia nos seus restaurantes. Ademais leváronse a cabo diferentes iniciativas de promoción e simbiose destas disciplinas en cidades como Bilbao, Santander, Salamanca, Valladolid, Ponferrada, Xixón, Madrid ou San Sebastián; e tamén no estranxeiro, en países como Italia, Arxentina, Uruguay, México ou Portugal. O proxecto chegou incluso á televisión participando en programas como ‘Desafío nos fogóns’, na TVG, ou Masterchef, en TVE.

Entre os recoñecementos que recibiu Artesanía no Prato nesta década cabe destacar ser finalista en dúas ocasións (nos anos 2019 e 2020) nos Premios Nacionais de Artesanía e ser incluída como exemplo de boas prácticas no programa europeo Crafts Code (orientado a mellorar a competitividade das PEMES no sector), así como ser seleccionada na plataforma de políticas formativas de Interreg Europe, como modelo para os sectores artesáns doutras rexións europeas para vincular a artesanía con outros sectores e crear sinerxías.

Xornadas profesionais

Nestes dez anos de historia de Artesanía no Prato, a Fundación Artesanía de Galicia ten organizado catro xornadas profesionais co obxectivo de crear un espazo de encontro entre profesionais da artesanía, da gastronomía e do deseño, no que se evidencia o potencial do valor da artesanía no ámbito da hostalería, da restauración, da decoración de interiores e proxectos ligados ao contract.

As primeiras Xornadas Profesionais Artesanía no Prato celebráronse en 2017 na Cidade da Cultura de Galicia (Santiago de Compostela), as de 2019 tiveron lugar en Expocoruña (A Coruña), a terceira edición desenvolveuse no ano 2021 na Cidade da Cultura de Galicia (Santiago de Compostela), e as cuartas xornadas tiveron lugar os días 19 e 20 de novembro de 2023 tamén en Expocoruña (A Coruña).

Beneficios por ambas partes

Como resultado de todo este traballo, son cada vez máis frecuentes as colaboracións entre cociñeiros e artesáns que poñen en común os seus coñecementos para mergullar os comensais nunha sensación envolvente na que se fusionan os cinco sentidos. Son os casos, por exemplo, das pezas de Alberto Lista ou Susana Anta no restaurante compostelán A Maceta; de Idoia Cuesta, no Estrela Michelin A Tafona de Lucía Freitas; de Armaior, Celso Ferreiro e Xaime Piñeiro no tamén restaurante con Estrela Michelín Casa Solla; ou de Laura Delgado, no coruñés Bido. Todos eles forman parte do libro ‘Artesanía no Prato’, ata sumar 12 establecementos e 31 obradoiros de Artesanía de Galicia.

O grupo de artesáns que se sumaron a esta iniciativa son os grandes beneficiarios desta colaboración e nalgúns dos casos especializáronse nesta liña de traballo. As pezas cerámicas contemporáneas compleméntanse coa olería tradicional, cos téxtiles, coas madeiras, cos coitelos e uniformes, combinando pezas de artesanía tradicional e contemporánea.

Pero é que ademais, os beneficios para os restauradores son numerosos. A gastronomía consegue personalizar a presentación das súas creacións en pezas que achegan distinción e enxalzan o produto vestíndoo de gala. Poténciase o deleite visual dos aromas, dos sabores e das texturas. A artesanía outórgalle á gastronomía personalidade, un toque de exclusividade e autenticidade.

O consumidor percibe as melloras derivadas da aplicación de soportes exclusivos e non industrializados e valora consumir os produtos dunha empresa que aposta pola calidade e pola excelencia integral do seu servizo.

En definitiva, a da artesanía coa gastronomía resulta unha maridaxe perfecta como demostran estes dez anos de éxitos deste proxecto de Artesanía de Galicia.

Onde mercar o libro Artesanía no Prato?

O libro ‘Artesanía no Prato’ é unha nova iniciativa no marco do proxecto Artesanía no Prato impulsado pola Xunta e foi presentado durante a celebración das IV Xornadas Profesionais Artesanía no Prato, celebradas en novembro de 2023 na Coruña.

Nesta publicación inclúese unha escolma de fotografías —obra de Stephane Lutier— de pratos realizados por 12 restaurantes galegos nas que se amosan pezas de 31 obradoiros de Artesanía de Galicia.

Se queres conseguir un exemplar da publicación ‘Artesanía no Prato’, poderás atopala á venda en tres localizacións en Santiago de Compostela: Boles (Ruela de Altamira, 3), Creativas Galegas (Caldeirería, 36) e a Libraría do CGAC (Rúa de Ramón de Valle-Inclán, 2). Tamén en Ao Domini, en Ourense (Alejandro Outeiriño Rodríguez, 11); Stoupa, en Cee (Campo do Sacramento, 23); D-Due, en Rianxo (A Barraca s/n Asados) e Cocol, en Madrid (Cost.ª de San Andrés, 18).

Restaurantes:

Adrián Felípez, Restaurante Miga (A Coruña)

Iago Pazos, Abastos 2.0 (Santiago de Compostela)

Xoán Crujeiras, Bido Restaurante (A Coruña)

Natalia Devesa, A Carrilana (Santiago de Compostela)

Pepe Solla, Casa Solla (Poio)

Javier Olleros, Culler de Pau (O Grove)

Jorge Gago, A Maceta (Santiago de Compostela)

Moncho Méndez, Millo Orzán (A Coruña)

María Varela, A Parada das Bestas (Pidre, Lugo)

Moncho Bargo e Javi Freijeiro, Pracer (A Coruña)

Héctor López, Restaurante España (Lugo)

Lucía Freitas, A Tafona (Santiago de Compostela)

Obradoiros de Artesanía de Galicia:

Alberto Lista. Buño, Malpica de Bergantiños. Olería

Alfarería Agustín. Niñodaguia, Xunqueira de Espadanedo. Olería

Alfarería Rulo. Buño, Malpica de Bergantiños. Olería

Armaior. Quiroga. Madeira

Arobe Cerámica. A Coruña. Cerámica

Arteviares. A Coruña. Vidro

Atalanta Madera. A Estrada. Madeira

Barreiros Artesanía. Nogueira de Ramuín. Cerámica

Branqueta. A Coruña. Cerámica

Carballo Estrela. Pontevedra. Madeira

Carlos San Claudio. Vigo. Cerámica.

Celso Ferreiro. A Fonsagrada. Forxa

Ceniza de papel. Lugo. Cerámica

Cerámica Creare. Buño, Malpica de Bergantiños. Olería

Elena Ferro. Merza, Vila de Cruces. Marroquinería e zocos

Fernando Porto. A Estrada. Cerámica

Fernando Vilariño. Mondoñedo. Cantería

Obradoiro Gorín. Buño, Malpica de Bergantiños. Olería

GSC Petrum. Cuntis. Cantería

Idoia Cuesta. Outeiro de Rei. Cestería

Laura Delgado Cerámica. Cambre. Cerámica

Lorenzo Design. Santiago de Compostela. Madeira

Ojea Studio. Cerámica

Raposiñas. A Pobra do Caramiñal. Cerámica

Regal. Viveiro. Cerámica

Susana Anta. A Coruña. Cerámica

Cerámica Suve. Cangas. Cerámica

Unzueta Cerámica. Brión. Cerámica

Verónica Moar. A Coruña. Cerámica

Witchneeds. Vigo. Cerámica

Xaime Piñeiro. Santiago de Compostela. Cerámica

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.