A CoruñaGastronomíaJessica PintorOído, artesanía!

Borja Canedo, de Red Ram Forge “Gústame experimentar antes de facer o coitelo final”

Fotos cortesía da Fundación Pública Artesanía de Galicia.

Curioso, perfeccionista, humilde e arriscado, Borja Canedo sube no carro dunha nova xeración de artesáns, de mozas e mozos, que redescubren os oficios en Galicia e os elevan de novo ao lugar que lles corresponde. Está disposto e corre riscos, mesmo o de compartir, previo proba/ erro, a súa experiencia, o seu coñecemento. “Como artesán sempre estás empezando”, asegura. Cun camiño infinito por diante, poñemos sobre estas páxinas unha nova carta: o ás dos coitelos! Barallando e forxando dende Red Ram Forge.

Como aterraches neste oficio?

Comecei por curiosidade. Con 14 anos entroume o interese polos oficios. Pero no metal é moi difícil empezar. En Galicia, en xeral en España, hai moito segredismo que é o que mata aos oficios... Ocultar a información! Aprendín proba/erro, investigando, buscando en internet, lendo, sobre todo en inglés... Primeiro fixen carpintería e o superior de deseño e amoblamento e posteriormente decidín estudar soldadura. Combinei os estudos da Formación Profesional cun pequeno taller que fun montando na casa, dándolle tempo, polas tardes… Con proxectos de carpintería, de forxa artística, ata que fun entrando en coitelaría.

Deixei o traballo de soldador hai algo máis de dous anos e tomeime uns meses  para pensar que facer e dediqueille máis tempo ao meu taller. Xa sacara algunha peza de calidade, pero case foi por casualidade. É moi difícil comezar… Xestouse a idea e púxenme traballar de forma máis seria: vendo canto tempo leva, que materiais se empregan, cálculo de prezos, onde podes traballar... E a partir de aí vou indo, pouco a pouco...

Cando soubeches que era o momento de arriscar e apostar pola coitelería?

Nos primeiros meses non o tiña nada claro eu non confiaba en absoluto... Parecíanme pezas caras, hai moi poucos artesáns en coitelería, en Galicia e en España. Hai determinados países nos que se cotiza máis o traballo. Ao principio estás para aprender... Aprendín máis en catro ou cinco meses traballando a xornada completa, que en todos os anos anteriores. Aí vin potencial, vin que podía mellorar! Ensinei en redes o que facía, estábame poñendo a proba a min mesmo, sen vender. A xente consultábame, vin interese...

Ao ver que me buscaban e lles encaixaba o meu traballo, dinme conta que tiña un sitio e dinme de alta! Fun crendo neste proxecto... Chegas a xente máis interesante, pídenche cousas máis especiais, un paso máis alá dentro do oficio... Ao haber máis confianza por parte dos clientes foi o que máis confianza me deu a min! Precisamente polas reaccións logo de recibir os meus produtos... A partir de aí xurde o obradoiro Red Ram Forge.

Descúbrenos o proceso dunha peza especial.

Dentro deste oficio da coitelaría, eu traballo con aceiros ao carbono que permiten realizar patróns, sóldanse diferentes tipos de aceiros, en quente, case hai que fundilos, fórxanse e forman debuxos na folla. Hai traballos moi simples e traballos máis complexos, dentro de que é unha folla, de que é un coitelo igual, simplemente cambia o debuxo... Pero cambiar un debuxo implica xa non as horas que invistes, senón que aínda por riba ten unha porcentaxe de erro.

Ti fas aceiro para tres follas e é moi probable que dúas saian mal e teñas que tiralas, entón perdes moito tempo polo camiño, que tampouco é parte da peza final, pero é tempo de traballo.

A xente demanda patróns complexos, técnicas descoñecidas. Polo tanto, hai que experimentar con cada técnica! Hai que dedicarlle unha serie de repeticións, para poder facela sen complicacións, para chegar a dominala! Cando piden algo novo hai que facer todo un proxecto de experimentación ao redor, para desenvolver o traballo. Ao principio, de feito, para sacar unha peza, perdía moito tempo, porque me gusta experimentar antes de facer o coitelo final.

É verdade que si que hai técnicas que despois de repetilas varias veces, xa son parte do taller, vólvense máis simples. Pero cada vez que probo un material novo, teño que ver que funcione ben, desenvolver a súa capacidade para ver como se vai traballar posteriormente, axilizar o proceso, que resulte máis económico...

Un cliente ponse en contacto comigo, dime o que precisa, fago un deseño e a partir de aí miramos materiais, elementos da folla, espesores... A xente é moi puntillosa con traballos así.

Onde podemos atopar os teus coitelos?

Traballo por encargo e nos entretempos aproveito os procesos para facer máis pezas, que anuncio nas miñas redes, e teño os produtos á venda nunha plataforma dixital, en Etsy, que ten tráfico internacional.

Que supón para ti pertencer a Artesanía de Galicia?

Mirei o de meterme en Artesanía de Galicia con axuda de miña irmá, que tamén é artesá e axudoume no proceso. Ao principio non o tiña moi claro, non estaba familiarizado coa entidade. Despois de cubrir os papeis e falar con xente de dentro, moi contento, a verdade, dan un apoio incrible! Non nos damos conta de todo o traballo que fan organizando os contactos para poder falar con artesáns de toda España, os eventos... Ou simplemente con todo o que fan para mover os oficios!

Que hai do mañá? Tes algún proxecto a curto prazo?

Persoalmente, considero que aínda estou nunha fase moi temperá no oficio, comparando o meu traballo con outros artesáns de recoñecemento na coitelaría. Entón, estou moi centrado na aprendizaxe. Ao ser un oficio práctico non é simplemente ler como se fai, senón que hai que executalo e facelo varias veces para que quede ben. Non teño moi claro o futuro. Penso seguir na mesma liña, evidentemente mellorando moitas cousas.

Pero si que me gustaría facer algo de formación, porque ao final a min custoume moito aprender, hai pouca xente que traballe nun nivel elevado de coitelería que te poida formar. Non digo para agora, porque me parece difícil, pero nalgún momento, porque este oficio é moi práctico e xa ves, como artesán sempre estás empezando.

“Traballo con aceiros ao carbono que permiten realizar patróns”

Fotos cortesía da Fundación Pública Artesanía de Galicia

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.