Manuel Burque: “En Galicia hai grandes proxectos e moito talento”
Por Ana Romero
Cando tiña algo máis de dous anos, Manuel Burque chegou á Coruña para quedarse. Fíxose deportivista, amante da comida local e para nada forasteiro da cidade de cristal.
Se puidera facer a entrevista en Coruña, citaríame na esquina da rúa Sol con San Andrés, onde está a típica tenda de vestidos de noiva de toda a vida, xa que é onde queda cos seus amigos antes de decidir a onde ir. Sen dubidar, responde que para sorprender a alguén á hora de comer levaríao a Árbore da Veira, para gozar comendo e coas impresionantes vistas. Con ton melancólico recoñece que un non valora tanto o que ten no día a día, referíndose ao mar, ao verde... É cando chegas a Madrid e non podes gozar disto cando comezas a entender a sorte que tes ao estar nun sitio así día tras días. Ao tour turístico engadiríalle unha visita á Torre de Hércules e unha guía do seu pasado, os seus recunchos, as súas vivencias, os seus colexios, Eusebio e Santa María do mar, ou cruzaría ata Santa Cristina «para impresionar aos foráneos».
Ademais de coruñés, deportivista ata a medula, non?
Si, vivino moito e fun ao estadio dende pequeno. Era socio e agardábaos na porta do hotel cando se xuntaban para asinarme un autógrafo. É certo que vivín un pouco de fartura do fútbol en xeral, co fútbol dos cartos, cando cheguei a Madrid, ata esta última etapa. Sufrín moito en determinados momentos. Un amigo meu tiña razón cando nos dixo «lembra isto porque non o imos volver a experimentar». Marcoume, aínda o recordo e vívoo todo, como cando estabamos en semifinais co inxusto cartón vermello de Andrade, o penalti de Djukic, a remontada ante o Milan... Outras afeccións non saben como é tocar o ceo como gañar a liga, ou o Centenariazo, e baixar despois ao inferno. Non deixa de ser un gran club, un club histórico.
E o baloncesto?
Encántame, son moito máis afeccionado ao baloncesto que ao fútbol. Tiven a sorte de estar na Coruña os días nos que tanto o Dépor como o Basket Coruña ascenderon.
E en canto a cultura e proxectos audiovisuais, cres que vai gañando terreo?
Si, creo que hai grandes proxectos alí e hai moito talento. A TVG formou moita xente, xurdiron grandes produtores e guionistas. Galicia ten unha contorna cultural e xeográfica moi popular. Está moi ben descentralizar as películas, marchar de Madrid.
Teño un proxecto editorial enfocado en Galicia. Téñolle respecto, para contala ben hai que meterse a fondo, vivila. As primeiras curtas que escribía situábaas sempre en Galicia.
E tes anécdotas con algún actor ou actriz paisana?
Podo dicir que actuei con Luis Zahera! É unha persoa incrible. Tiven a sorte de actuar con el en ‘Buscando el norte’, convivimos durante moito tempo en Berlín para esta serie. Despois entrevisteino no meu podcast, Dentrísimo.
Na túa biografía de Instagram dis que es «Guionista e outras cousas», en que te formaches?
Sempre quixen facer películas. Fixen Comunicación Audiovisual en Salamanca, pero entrei no teatro dende o principio. Fixemos curtametraxes, contaba historias, a miña afección era escribir. Cando me mudei a Madrid xa fixen a especialización de guión e moitas outras cousas: Dirección Fotográfica, Dirección de actores, Interpretación, Montaxe, Escenografía... 12 anos despois de estudar xa fixen a miña primeira película. Aconteceu un pouco todo á vez. Como guionista non teño síndrome do impostor, pero nos demais si. Coñecer a Leticia Dolera tamén foi un momento moi importante para min, coincidimos en ‘Requisitos para ser unha persoa normal’. Viume traballar, encaixamos ben e a partir de aí fixemos Vida Perfecta xuntos.
Con ‘Requisitos’ era a primeira vez que actuabas profesionalmente.
Si. Tiven que gañar 15 quilos, foi unha responsabilidade moi grande, fun novo en todo. Sentinme moi ben e tamén conseguín unha candidatura aos Goya.
E hai algún proxecto máis especial que outro?
Radio Gaga foi tremendo como momento vital, podendo dar voz aos temas máis sensibles. Pero tamén Vida Perfecta ou Detrísimo, onde sentía que estaba dando todo en todos os sentidos.
Cando tiña 25 anos escribín unha obra de teatro para facer nós mesmos, que se chama ‘Esperando al Ruso’ e gañou o premio nacional Enrique Llovet, de Málaga.
Que consello lle darías a alguén que quixese dedicarse a este mundo?
Buscar máis plans. Eu tiven moita sorte, meus pais apoiáronme, protexéronme... Foime ben escribindo, pero tamén fun confiando no resto das miñas profesións nos momentos críticos. Tes que ter un plan A, B e C... Apoiar o teu futuro nun soño dende os 13 anos é moi difícil, non tes solidez emocional. Que lle dediquen tempo, que se formen, pero sen a presión de ter fallado se non sae. É un privilexio dedicarse ao teu soño. A sorte é moi importante. Ao final, esta carreira está moi relacionada coa clase social, algo que habería que cambiar. Como vas pagar as escolas, que son tan caras, vivir nas cidades nas que están ou parar seis meses a facer unha curtametraxe? A maioría dos artistas son persoas moi privilexiadas.
Chamáronte para falar en escolas?
Si, hai unha escola de animación en Carral onde fan grandes producións, chámase Amiga Space Academy, situada nunha antiga escola. Alí coñecín a Xosé Zapata, produtor da película de animación ‘Los demonios de barro’. O día que fun era a Festa do pan. Os nenos estaban a vender pan na praza mentres eu daba a charla sobre Tadeo Jones 3 (risos).
Haberá Tadeo Jones 4?
Si! Grazas á incrible experiencia facendo a 3, puidemos facelo. Estréase en 2026. Traballar en animación é incrible, é colectivo, entras moito na gravación, colaboras moito á hora de arranxar todo, reescribes todo o tempo, para un guión está moi ben. Galicia ten cousas de animación moi chulas.
Soños por cumprir?
Gustaríame dirixir, un episodio dunha serie, unha longametraxe... Tíñao enaltecido desde os 18 anos... Ao final o feito de dirixir era máis importante que a propia experiencia. Agora, por sorte, téñoo menos mitificado, sei que é moi duro e agora quero vivir ben, tranquilo, cómodo e sen estrés.
Sénteste querido?
Si, teño un público moi indie, non son o máis popular do país e sinto que o público que teño está moi conectado comigo. Moi próximo e moi cariñoso.