Marcos Waldemar: “Que melloren unha rutina túa é o mellor que lle pode pasar a un mago”
Por Ana Romero
A Marcos Waldemar (1997) dedicarse á maxia vénlle paradoxicamente de nacemento, xa que naceu o día do Patrón dos magos, San Xoán Bosco.
Hai anos que substituíu o seu orixinario apelido Gayoso polo do seu antepasado, o Doutor Manuel Rodríguez Saa, Conde de Waldemar e tío do seu avó. E por que? Porque del herdou a súa paixón e profesión.
O Conde percorreu o país demostrando a súa calidade nesta disciplina, o que lle fixo converterse nun dos magos máis importantes do século pasado, tanto que até Alfonso XIII o denominou “O mago dos reis e rei de magos”.
O noso entrevistado coñeceu esta historia cando tiña 12 anos, levando xa case 8 estudándoa e descubríndoa, e é entón cando entende que “non podía ser doutro xeito, o meu era a maxia”.
Se tiñas tan claro que a maxia che encantaba, preparácheste para iso dende o principio?
Xa sabes, nas familias sempre che din que é mellor que estudes algo por se acaso. Eu fixen dous anos de Arquitectura porque sempre fora moi curioso, pero deixeino para facer e rematar Enxeñaría de deseño industrial e Desenvolvemento de produto. Axudoume moito nos meus primeiros pasos na maxia porque eu mesmo deseñaba os produtos que logo ía vender a outros compañeiros. Aos 18 anos xa comercializara o meu primeiro xogo de maxia. Vendíase en todo o mundo, era un xogo no que unha mosca atopaba a carta elixida e saía voando.
E a ti quen che ensina esas cousas?
Fun un pouco autodidacta como todos, grazas a libros de Tamariz, milleiros de vídeos de Youtube, grandes referentes como René Lavand… pero no meu caso, quen o cambiou todo foi O Mago Antón. Coñecino aos 14 anos a través da miña familia, xa que el viñera aprender do Conde á nosa casa. El abriume as portas da súa casa. Recomendábame de todo, ensinábame outros magos, levábame ás xornadas de maxia de preto e turismo rural…
E como o comunicaches na casa?
Non houbo o típico momento da conversa de “Mamá, papá, vou ser mago”. Empezas a ver uns ingresos e decides dedicarlle todo o teu esforzo, vai xurdindo, aínda que obviamente hai un punto de inflexión que é a xira nos Estados Unidos.
Como consegues arrancala?
Un dos mellores magos do mundo, Jeff McBride, compra o meu xogo da mosca o ano pasado e mostra moito interese por coñecerme, xa que o quere usar no seu show de Las Vegas. Aproveito e para venderme un pouco envíolle tamén xogos novos, o meu libro... Véxoo e ofréceme ir dar unha conferencia alí. Obviamente aceptei. Ao mes recibo de parte del un itinerario de 2 meses pasando por Miami, Las Vegas, Orlando, Nova Iorque, Chicago… fíxenme o 70% do país!
Imaxino que ocorrerían algunhas cousas que recordarás toda a vida...
Si, puidemos ver todos os shows de alí, incluso o de David Copperfield, velo a el e coñecer ao seu equipo, pasar tempo con Jeff, facer amizade cun outro mago de San Luis que despois veu vernos aquí… Temos ata unha historia case de terror.
Nun motel de estrada?
Si! (risos). Alí as distancias son enormes e ás veces pilla a noite en plena estrada e en medio da nada. Estabamos en Texas, vimos unha cadea de moteis nos que xa durmiramos, pero ningún como este, dende logo. O recepcionista xa tiña un cristal blindado. Cando chegamos á habitación había manchas de sangue e buratos de balas. Foi unha xira de contrastes, tan pronto durmiamos en hoteis de luxo como no aeroporto ou en lugares como este.
Entre magos parece que hai boa onda porque comprades os trucos entre vós. Pero non existe tamén a rivalidade?
Hai de todo. Nós ensinamos e facemos que a xente aprenda. Iso será o mellor que lle poida pasar á maxia, que alguén mellore a túa información. É como se o músico tivese medo de que ao ensinar a guitarra a outro, ese lle quite o sitio. Cada un ten que crear unha obra súa e persoal.
Respéctase o segredo?
Estamos nunha época que se prostitúe moito, nun momento no que se consomen moitas cousas, pero se esquecen rápido. Por exemplo, os vídeos de TikTok. É un aprendizaxe baleiro, non é a vía para aprender, pero non creo que faga un dano excesivo á maxia.
A familia abusa da túa arte en reunións familiares?
Si (máis risos). Xa están educados e saben que non me poden facer revelar nada. Custa quitarse o traxe de mago.
E para ligar, funciona?
É certo que funciona, pero porque xa tes unha vía fácil de romper o xeo e vas estar na posición de ser o centro de atención, accedes máis eficaz ao teu público obxectivo. Unha vez que pasas a barreira é contraproducente, como quitarlles constantemente moedas das orellas ás rapazas.
Os Talent Show como Got Talent, no que te vimos, dan visibilidade?
Notas repercusión na rúa, fálame máis xente ou en redes aparecen máis consumidores… O outro día en Media Markt recoñeceume a caixeira! (gargalladas).
Que é a maxia para Marcos Waldemar?
Hai unha definición que me gusta moito: “É crear un recordo inesquecible de algo que realmente non aconteceu”. A base para min é o control da atención.
E se queremos verte en acción?
Grazas ao meu show ‘Inherente’, que estreei en ‘La llave encantada’, na Coruña. Vai de maxia 100% orixinal, ata con cheiros. Nas miñas redes subo o cartel.
“Aos 18 anos comercialicei o meu primeiro xogo de maxia, no que unha mosca atopaba a carta elixida e saía voando. Vendeuse en todo o mundo”
Detalles da tenda e escola ‘La llave encantada’, na Coruña, onde Marcos fai espectáculos e dá clases. Foto: Iván Barreiro