fbpx
CompostelaDe baresGastronomíaNovas

Reaxendando o Nadal nas nosas vidas. Aleluia!

Celebrando o Nadal no hotel OCA Puerta del Camino. Foto: Iván Barreiro

Semella que este ano si… Que volve o Nadal! Que volven as bandulladas de empresa, as ceas baile con aturuxos, os guateques con amigos, as enchentes coa familia e demais bichería da contorna! Aleluia!! Porque a xente di que odia estas datas, pero o lerele vainos a case todos… E estabamos desexando xuntarnos, apertarnos, bailar, berrar, comer ben, brindar e estoupar algún globo! Aleluia!

Unha vez chegados a este punto de non retorno: que necesitamos para a operación non me pises que levo chanclasde tacón con brillantinas, en pleno decembro, no medio dunha cicloxénese explosiva e vou de troula por Santiago, malia que chova, trone ou arrelampajée?!!… Fácil!: Un local grande,  ben acondicionado, cun bo servizo, menús variados, algo de marisco e moito confeti!!! Viño, evidentemente e boa compañía… Ou non! Porque xa hai sitios nos que podes compartir con outros grupos una velada do máis entretida. Non faltan os pincha discos, animación variada, barra libre, chocolate con churros e outras lambetadas no medio da madrugada e xa se é un hotel, mellor que mellor para non coller o coche, durmir a mona! E tes brunch ata as doce do medio día, para non madrugar!

Porque no último mes do ano xúntanse familiares, amigos, compañeiros de traballo, de clase, a virxe de Guadalupe, a Constitución, os nenos de San Ildefonso, Noiteboa, Nadal, Noitevella, os santos inocentes e ata os Tonechos, se te descoidas!

Hai moito que festexar, moita xente que che quedou sen lamber, outra que non viches, as uvas que non comiches, o amigo ou prima que non veu ou eses compis que non puideron botar un golpe de cadeira contigo, ata hoxe.

Chegou o día e chegou a romaría! As opcións son tantas como formas de ser e de estar temos as persoas humanas. Imos empezar pola non tan típica cea baile nun hotel do máis acolledor! Lalo Crespo engalana o seu hotel OCA Puerta del Camino todos os anos cun acendido de Nadal solidario, que este ano foi en favor da Asociación Galega de Persoas Afectadas por Transplantes Medulares (ASOTRAME). “Nesta casa encántannos estas datas, máis aló da ideoloxía de cada un ou de como as celebremos. Hai unha cousa neste equipo que nos une e son as boas causas. Non só os composteláns acoden cada ano para apoiar a una entidade que procura o mellor para colectivos desfavorecidos ou para colaborar con distintas organizacións que axudan nunha causa, todos os traballadores do hotel e moitos de OCA Hotels participan, todos traballan a reo ese día e os previos. E así todo o Nadal!”

Porque é evidente que neste hotel picheleiro, como no hotel Los Abetos, na Aldea de Sestelo e outros establecementos que organizan todo tipo de eventos e ‘saraos’ como ceas colectivas de empresa ou de xente do mundo; nestas datas é todo un alboroto, unha morea de festexos, ledicia e manxares deliciosos. Se nunca fuches a un dos que se monta en Los Robles non es ninguén! Unha desas memorables e miña nai unha que vai comprobalo, outra vez!

Pero a ver logo, que imos atopar de especial no OCA Puerta del Camino para pechar 2022? “A resposta varía en función do cliente. O que buscan é personalización. Poder liberarse da xestión e da organización. E ter distintas opcións onde meter un estilo concreto ou varios para a mesma ocasión. No hotel OCA Puerta del Camino ofrecemos un todo. Non só un espazo para un determinado evento, senón a restauración, a organización e as estancias. Ao gusto do consumidor. Dependendo do que necesiten, pero, insisto, esa versatilidade e funcionalidade é a que fai que o cliente estea cómodo, liberado, seguro e confiado. As salas e estancias do OCA Puerta del Camino funcionan igualmente para xuntanzas de amigos, aniversarios, comuñóns, vodas ou cócteles. Todo está disposto para organizar exactamente a túa cea de empresa e que quedes satisfeita, emocionada e que a ocasión que se celebre sexa completamente especial, para iso está o noso equipo! Menús personalizados, distintos salóns panelables, cuxa capacidade total é dunhas 500 persoas”.

Foto: Iván Barreiro

Dende ceas baile conxuntas a eventos do máis privados, íntimos e coidados ata o último detalle. Iso di o director do hotel, pero que di a xente de OCA? Cre que aquí se montan boas festas? Que están a altura de todos os gustos? Pois só hai que velos!! Cada un é de seu pai e de súa nai, pero nisto coinciden.

-“O servizo é o mellor. Sabemos que a comida está moi rica”.

-“Coñecemos a personalidade dos nosos compañeiros. E sabemos que os de cociña traballan moi ben. Somos os primeiros en probar. Non só nas festas. Algúns comemos aquí todos os días!”. Risas.

-“Teño que dicir que tamén levei arroz para a casa, nunha paellera, que non tes que devolver, todo preparadiño e quedei moi ben cos meus convidados. Tamén levei pokes, baos ou os tacos!! Ata as pinsas están boas!”.

-“Eu trouxen a varios amigos e regalei algún bono regalo, para que viñeran probar”.

– “A verdade é que case todos participamos polo menos unha vez nas festas que se organizan durante o ano. Está a festa ibicenca do verán e hai máis eventos noutros hoteis OCA. Se temos oportunidade, sempre queremos probar! Senón non podemos vendelo!” Gargalladas limpas de todos. Eu aquí vexo vicio, xa!

Pero organizariades una cea de Nadal aquí onde traballades? “Claro, claro”, di unha con sorna. E rimos todos. Hai algún con reparos: “Non me fío dos meus colegas. A ver se van facer algunha desfeita e me botan!”. Morro! (Pero eu tamén o penso, non quero nomear a ninguén…)

-“Temos compañeiras que se casaron aquí”.

-“O xefe celébralle os aniversarios dos fillos aquí, será por algo”.

-“É que sabemos como traballa o equipo OCA!”.

Inchan o peito, xa vedes. Moito barrer para a casa, todos… Mirade que son escéptica e xa case me convencen.

-“Hai estes salóns súper íntimos, como no que estamos agora. Onde non tes que aguantar a outra xente. Porque estamos cansados xa!”… Risas ata chorar.

-“Pero é verdade que outros prefiren a ‘vidiña’, por ese ambiente de compartir con máis grupos”.

-“Si, pero tes a opción de ter un espazo máis privado”.

-“Pero o mellor é o persoal!”.

-“Si! Sempre atentos a se che gusta, a se comiches suficiente. (Risas). Aínda Lalo recomendounos onte o arroz con zamburiñas e pulpo. Seguimos a recomendación e estaba súper rico”.

Así que xa vedes: Son as cobaias! Rin, pero din que lle pasan informe ao director de se lles gusta ou non o que comen, sobre todo se lles encanta. Cando Lalo lea isto, saberá a verdade sobre os seus compañeiros de cadea… “Claro, claro!”, repite a do fondo. (hahaha)

Sexa pois… Aleluia!!! Benvido sexa o Nadal e as festas de gardar nas nosas axendas, de novo… Aleluia!!!

Porque os compis das batallas do traballo son moitas veces a razón de que sigamos nesa guerra. Por todas elas e todos eles: Os que arriman o ombreiro, os que choran os teus fracasos contigo e se alegran das túas vendas. Os que che explican que significa <ce, a, uve, a>: “bebida con burbullas, Jessi”. A-LE-LUIA!!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.