CulturaGalicia

Manuel Martínez Pan, delegado da ONCE na Galiza: “Lamas, unha persoa cega, foi pioneiro do xornalismo”

Por Patricia Villarino

O 1 de novembro, día en que naceu Valentín Lamas Carvajal, a ONCE dedicará o seu cupón ao 150 aniversario da publicación ‘O Tío Marcos d’a Portela’, o periódico que o escritor e xornalista ourensán impulsou en 1876 e que marcou un fito da prensa en galego. Manuel Martínez (Arteixo, 1970) sinala a relevancia de ambas as efemérides.

Como xurdiu a idea de dedicar o cupón da ONCE do 1 de novembro a Lamas Carvajal e a O Tío Marcos d’a Portela?

Sempre reparamos en motivos e efemérides significativas para os cupóns, somos proactivos nese senso desde a ONCE na Galiza. O Consello da Cultura Galega convidounos a finais de 2025 a unhas xornadas previas ao 150 aniversario de O Tío Marcos d’a Portela, un evento que decorreu en febreiro deste ano. Como non daba tempo material para termos o cupón para ese 150 aniversario, escollemos para lanzalo este 1 de novembro, coincidindo co día en que naceu Lamas Carvajal. Dámoslle así visibilidade a esta conmemoración pola significación que ten Lamas, unha persoa cega, e tamén porque O Tío Marcos d’a Portela considérase o primeiro xornal en galego, é unha cuestión de primeiro nivel para darlle visibilidade a través do noso cupón.

O cupón destaca a relevancia de O Tío Marcos d’a Portela e de Lamas, foi un exemplo?

Por suposto, Valentín é a demostración de que as persoas cegas tamén podemos ser escritoras, xornalistas ou creadoras de contidos. Ademais permite vincular toda unha tradición cultural de transmisión oral de preservación do patrimonio cultural da Galiza, daqueles cegos cantores que ían polas feiras falando de noticias, contaban historias e esa tradición preservada de forma oral, completouse cos chamados pregos de cordel, esas mesmas historias impresas como vehículos de información. Lamas Carvajal a través de O Tío Marcos d’a Portela falaba na linguaxe do pobo, para o pobo e no idioma da xente. Lamas Carvajal traslada esa oralidade ao papel, conectando coa xente do común. Por iso moitos autores falan de que Valentín non tivo a visibilidade que merece desa época do Rexurdimento, cando foi o primeiro en facer edicións periódicas en galego.

Son accesíbeis os medios para as persoas cegas?

Eu empecei a ler prensa cando tiven acceso a internet, até ese momento non puiden, é inviábel que unha publicación en papel, que caduca ás 24 horas, se poida transcribir ou adaptar, salvo que naza xa accesíbel, e isto permítenolo a tecnoloxía. A tecnoloxía fainos menos discapacitados. Se a unha persoa con deficiencia visual coma min, dáslle unha web dun xornal accesíbel e ben feita, eu co meu teléfono móbil adapto ese entorno. Non somos discapacitados para ler o xornal. Hai discapacidade cando o entorno supón unha barreira que eu non podo superar, sempre hai algo que levar a cabo para mellorar e facer accesíbel o entorno.

A ONCE naceu hai 88 anos. Cal é o labor xeral que leva hoxe a cabo como o valorar?

Hai 21.459 vendedores e vendedoras de cupón da ONCE en todo o Estado, na Galiza hai 896. Son todos homes e mulleres con discapacidade que están nas rúas de todas as vilas desde hai 88 anos. É unha vía de normalización da visibilidade da discapacidade, algo que non sucede noutros sitios.

Que implantación ten o labor da ONCE na Galiza?

A nosa fonte de financiamento son fundamentalmente distintos produtos de xogo. A ONCE foise adaptando ás circunstancias do mercado, somos 5% do xogo legal público e privado do Estado, o ano pasado tivemos unha facturación global de 2.927 millóns. Temos equipos intermultidisciplinais que tratan de abranguer todas as necesidades dunha persoa cega desde que nace.

En todo o itinerario vital a ONCE fornece dos recursos necesarios para que esa persoa se mova con autonomía e lograr a inclusión que procuramos. 100% dos nosos ingresos destínase a labor social.

Primeiras estatais con voto en Braille

Entre os retos conseguidos, destaca o delegado da ONCE na Galiza, Manuel Martínez, que o vindeiro 29 de novembro será “a primeira vez” que as persoas cegas poderán exercer o seu dereito ao voto nas eleccións estatais sen precisar axuda para identificar as papeletas. Manuel Martínez xa solicitou o ‘kit de voto Braille’ que chegará á súa vivenda identificando cada unha das papeletas, “tamén para o Senado, no que teremos unha plantilla para marcar a nosa elección como todo o mundo”. Onde “non sei se chegaremos a tempo”, afirma, é nas eleccións municipais e maio de 2027, “son máis de 8.000 concellos en todo o Estado e a día de hoxe materialmente nunca foi posíbel”. Noutros eidos, como a etiquetaxe dos alimentos, as cidades accesíbeis ou o transporte segue habendo sitios onde as persoas cegas atopamos falta de accesibilidade”, afirma.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.