Os Quinindiolas regresan para homenaxear a Fran Pérez na gala do Premio Narf

A gala final do Premio Narf celebrarase este sábado 24 de outubro no Salón Teatro de Santiago ás 20.00 horas. Na presentación deste acto participaron a deputada de Cultura, Natividad González; Xelís de Toro, de Os Quinindiolas; e a comisaria do Premio, Rocio Castro.
González sinalou que vai ser unha xornada “entrañable” poñendo en valor a figura de Fran, “un músico cunha personalidade artística extraordinaria, que soubo construír unha linguaxe propia, mesturando estilos, explorando sonoridades e levando a música galega moito máis alá das nosas fronteiras. Fran foi un creador libre, curioso, comprometido coa nosa cultura e aberto ao mundo. E creo que esa é precisamente unha das mellores maneiras de lembralo: mantendo vivo un premio que aposta pola creación, pola diversidade musical e polo talento que existe no noso país”.
A deputada apuntou que o Premio Narf ocupa “un lugar moi especial dentro da nosa política cultural, tanto polo que representa para a música galega como pola figura da persoa á que lle dá nome”. Nese sentido, afirmou que supón “unha oportunidade para que novos proxectos musicais poidan darse a coñecer, compartir escenario e chegar a novos públicos”.
A gala do Premio Narf deste ano lembrará de xeito especial o artista que lle dá nome, dado que se cumpren dez anos do seu pasamento. Alén das actuacións dos finalistas, todos os contidos da gala remitirán ao legado de Narf, incluído o regreso da mítica banda Os Quinindiolas, da que formou parte Fran Pérez, que volve coa idea de homenaxear o seu membro unha década despois do seu pasamento.
Os Quinindiolas de 2026 son Xelís de Toro, Marcos Teira, Pepe Sendón e Mon Orencio. Esta banda de rock en galego estivo activa entre 1988 e 1992 e estiveron na vangarda da música naquel momento. Ademais a gala comezará co tema “Mercedes” de Narf interpretado por Marcos Teira, e os efectos visuais -responsabilidade do artista Xavier Belho- remitirán a diferentes momentos da vida artística de Fran Pérez.
A gala acollerá as actuacións de 15 minutos das tres bandas finalistas (Raposa, Sofía Espiñeira e Abril) e o xurado (formado polos músicos Mercedes Peón e Ramón Bermejo, os xornalistas Javier Becerra e Ana G. Liste, e a programadora Noemí Vázquez) decidirá o gañador, que levará 4.000 euros; o segundo clasificado 2.000 e o terceiro 1.500.
Durante a súa deliberación, os asistentes poderán disfrutar da actuación de Os Quinindiolas. A final será presentada polo xornalista Luís Pardo, e aos mandos dos efectos visuais estará o artista Xavier Belho.
Bandas finalistas
As bandas que resultaron finalistas entre os máis de 30 candidatos que se presentaron ao XVIII Concurso Fran Pérez “Narf” para grupos e artistas musicais son:
RAPOSA: A banda pontevedresa integrada por María Villanueva e Rubén Abad fai unha aposta que sobrevoa paisaxes batuxados por música clásica, jazz, músicas do mundo, canción protesta ou pop, nunha execución desbordante de matices e delicadeza. Deles o xurado destacou a súa “proposta musical exquisita, cuns arranxos impecables e unha voz delicada, fermosa e con dinámica”.
SOFÍA ESPIÑEIRA: Artista multidisciplinar, tamén actriz, acróbata e bailarina, esta cantora de Mugardos publicou o seu segundo disco, ‘Xeografías’, un relato que fala de travesías utópicas, de raíces, de fronteiras e éxodos. Dela o xurado salientou que é “unha compositora inquieta e con personalidade e cun discurso propio e arranxos moi coidados”.
ABRIL: Claudia Abril (voz e percusións) e Marina Carpente (violín e voz) integran este proxecto no que melodías tradicionais galegas e ibéricas son adaptadas a sonoridades actuais con certa intimidade, personalidade e frescura. Abril é unha proposta de folk contemporáneo na que instrumentos de música tradicional como a pandeireta, o pandeiro ou o violín folk dan lugar a un coidadísimo repertorio que contribúe a poñer en valor a música tradicional galega sen deixar de lado a modernidade. O xurado definiunas como “dúo que recolle o legado dunha cosmovisión colectiva, cunhas composicións contemporáneas liderado por unha voz exquisitamente ornamentada”.


