A gastronomía galega celebra o seu talento nos II Premios da Cociña Galega

A diversidade da cociña galega e o traballo dos profesionais que a manteñen viva protagonizaron os II Premios da Cociña Galega, unha iniciativa que conta co apoio da Deputación da Coruña e de Turismo de Galicia. O deputado Xosé Penas participou na gala, que se celebrou no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, xunto a Flavia Ramil, Directora Xerente en Turismo de Santiago de Compostela, e Xosé Manuel Merelles, director da Axencia de Turismo de Galicia.
Nesta segunda edición, a iniciativa da Asociación Amigos da Cociña Galega e a Fundación A Muiñeira distinguiu 17 establecementos en 19 categorías dedicadas a receitas e produtos representativos da gastronomía do país. O certame concedeu tamén catro recoñecementos especiais a Lucía Freitas, Casa Gaibor, Begoña Vázquez e La Viuda. Os premios reuniron nun mesmo palmarés elaboracións como os callos, a empanada, as filloas, o cocido e o polbo á feira, xunto con receitas de peixe, carne e marisco. A segunda edición reivindicou así a riqueza culinaria de Galicia e o labor dos establecementos que a preservan, a interpretan e a ofrecen cada día á súa clientela.
O deputado Xosé Penas puxo en valor durante a súa intervención inaugural que a cociña galega “que vive un momento extraordinario a nivel nacional e internacional”, e o traballo do sector, “responsable dun traballo colectivo que une produto, territorio e identidade deste o noso pais”. Penas dirixiuse aos restauradores participantes, sinalando que “nos vosos pratos está a historia deste noso país, as das persoas do agro, as dos mariñeiros, as dos cociñeiros e en definitiva a de todo o persoal que forma parte desta inmensa rede comprometida cun modelo de traballo baseado na sustentabilidade e a calidade, esa calidade que vos fai únicos e referente mundial”. “Un referente”, engadiu, “que ao mesmo tempo permite a difusión e posta en valor dun país como o noso, doutro modelo de turismo e de promoción territorial, ese modelo que ve como en Galiza hai outra forma de coñecer e disfrutar, un modelo que se promove a través dunha estratexia como “A paisaxe que sabe” dende a nosa institución”.
Xosé Merelles destacou que a gastronomía é “todo un pilar do modelo turístico galego”,asentado na autenticidade na que xira a Estratexia de Turismo de Galicia 2030. Nestesentido, destacou o labor dos profesionais que conservan as receitas tradicionais, osprodutos autóctonos e os coñecementos culinarios transmitidos de xeración enxeración.
Propostas premiadas
La Molinera recibiu o premio ás mellores filloas; La Empanada Viajera, á mellor empanada galega; Pazo de Santa Cruz de Mondoi, aos mellores callos á galega; Cabanas, ao mellor cocido; e Fuchela, ao mellor polbo á feira. O palmarés recoñeceu tamén a carne ao caldeiro de O Dezaseis, a orella de porco de Bar Orellas (Teatro Principal) e o raxo de O Secreto, entre outras especialidades. A Mundiña e Rocamar obtiveron dous galardóns cada un. A primeira foi distinguida pola mellor caldeirada e pola mellor receita con pescada; o segundo, polo mellor salpicón de marisco e pola mellor receita de marisco crustáceo. Casa Gaibor sumou ao premio á mellor receita con lura o recoñecemento especial a Casa de comidas.
Ademais das 19 categorías, a gala dedicou un espazo aos catro premios especiais desta edición: Pratos esquecidos, que recibiu Lucía Freitas pola recuperación da receita de salazón; Casa de comidas, concedido a Casa Gaibor; Novos talentos, para Begoña Vázquez; e Senlleiros de Galicia, que distinguiu a La Viuda. Estas distincións completaron o recoñecemento ás receitas cunha homenaxe ás persoas e aos establecementos que contribúen á continuidade e á evolución da gastronomía galega.
O xurado pasou de preto de sesenta profesionais na primeira edición a máis de 100 nesta segunda convocatoria. A organización ampliou a súa composición coa vontade de reforzar a representación do conxunto de Galicia e incorporou melloras nas ferramentas de votación e na definición das categorías.