fbpx
CompostelaGastronomíaNovas

O Revera Vinum despediuse tras dúas xornadas poñendo en valor o viño galego

Profesionais e afeccionados ao mundo do viño déronse cita no San Francisco Hotel Monumento para asistir á última xornada do Revera Vinum, un encontro ao redor dos viños galegos promovido pola Asociación Hostelería Compostela e organizado por Escenoset, co patrocinio da Xunta de Galicia e o Concello de Santiago, que pretende difundir o potencial vitivinícola galego e achegar as referencias máis novas a comerciais, distribuidores e prescritores a través de catas, maridaxes e debates.

Tamén de gran interese foron as actividades propostas pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), unha serie de catas comentadas de viños e augardentes e licores tradicionais de Galicia, harmonizadas con outros produtos con indicativo de calidade, ás que sumaron a súa participación no Túnel do Viño, con máis de 80 adegas das DO e IXP.

A última xornada, que arrincou co relatorio de Cecilia Fernández ao redor das Castes tintas en crianza, falou moito da relación entre gastronomía e viños, a través de dúas catas maridaxe, unha ao redor das harmonías gastronómicas de embutidos curados e carne madurada de vaca, con Miguel Núñez e Adrián Lage, e outra cos viños de Ponte da Boga, con Dominique Roujou de Boubée e Queco Arias, así como un taller básico de interaccións entre viño e comida, con Jorge Vila e David Martín, nun programa que se completou cun debate sobre a Añada histórica de 2015, con Iria Otero, Juan Chamorro, David Rial, Pablo Vidal, José Luis Bouzón e Andrea Obenza.

Distinción Revera Vinum

Pero sen dúbida, o momento máis especial foi a entrega da Distinción Revera Vinum a Francisco Rego, todo un referente no mundo da viticultura en Galicia, especialmente na comarca do Ribeiro, e un home moi querido no sector.

Xubilado tras máis de corenta anos dedicado ás viñas, Rego traballou no Servizo de Extensión Agraria de Ribadavia e na Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA). Defensor sen concesións das castes autóctonas, na aposta pola calidade dos viños galegos e na recuperación do respecto pola viticultura tradicional galega, conta con varios galardóns, entre eles o Premio Mágnum Honorífico 2016 Vinolvidable, outorgado por Ingavi polo seu traballo a favor do viño galego.

Distinguido polo “seu traballo de campo e investigación ao largo da súa prolongada carreira profesional, que deu como resultado unha decisiva contribución ao coñecemento e recuperación das castes autóctonas galegas, un dos elementos destacados da personalidade diferenciadora dos viños galegos”, tal e como destacou o xurado, Rego recibiu onte unha figura conmemorativa realizada exprofeso polo escultor Francés, de mans de Javier Míguez, director técnico do Revera Vinum, entre os cálidos aplausos de todos os asistentes.

Precisamente con este acto, no que Míguez aproveitou para agradecer a patrocinadores, distribuidores e adegas a súa “aposta polo evento, que xa se está consolidando no panorama galego”, e a “dedicación e apoio dos relatores”, púxose fin á segunda edición do Revera Vinum.

Galicia en Copas

As actividades do Revera Vinum continuarán ata final de mes coa acción Galicia en Copas, un roteiro por 27 establecementos que comezou o psado día 17 e que levará a cabo ata o 31 de marzo (incluído) para reforzar a relación entre adegas, distribuidores, hostaleiros e clientes, que dispoñerán dunha tarxeta na que ir selando a visita ao local no que consuman, entrando así no sorteo de diferentes agasallos, entre eles cinco estancias en casas de turismo rural do Clúster de Turismo de Galicia, seis experiencias Ponte da Boga, con visita, cata e degustación en adega, dez experiencias Regina Viarum con visita e cata en adega, e seis experiencias Martín Códax, así como varios lotes de viño facilitados polas D.O. galegas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.