Fantastic Negrito, The Sheepdogs, Shannon & The Clams e The Jive Aces, no 14º Outono Códax Festival

Dende as primeiras edicións o Outono Códax acadou iso que é tan transcendental para un festival e que resulta tan difícil de conseguir como é o crédito a priori dos seus seguidores. Certo é que despois é preciso que o cartel estea a altura das expectativas e nesta edición a súa organización séntese completamente satisfeita e orgullosa xa que contará con visitas, en case todos os casos exclusivas en Galicia e noutros incluso en España, de artistas e bandas de renome internacional na escena das músicas de raíz afroamericanas, entendidas na súa máis ampla extensión: dende o blues ao soul ou dende o rock sureño ao swing, pasando polo rocksteady ou polo surf.
A presenza en Santiago de nomes tan destacados a nivel internacional como o gañador de dos Grammys ao mellor álbum de blues contemporáneo, Fantastic Negrito (23 novembro), os canadenses The Sheepdogs (9 novembro) que abren en Compostela a súa xira europea, ou a californiana Shannon & The Clams (21 novembro) é recoñecida e valorada mesmo polo público non especializado neste tipo de xéneros.
Aqueles que son máis afíns a esta escena aplauden ademais a presenza de figuras, se cadra non tan famosas pero de incuestionable calidade e moi difíciles de ver por estas latitudes, como The Jives Aces ou The Fuzillis (22 novembro) ou os encargados de abrir o festival, The Courettes (31 outubro no Riquela), “a formación de rock and roll de dúas persoas máis grande do mundo”, como os definiu a publicación británica The Next Big Thing.

A representación galega recae nesta edición en Mambas Negras (21 novembro), quinteto vigués formado por grandes músicos galegos amplamente recoñecidos e Madame Bird (23 novembro), a banda da gran voz da escena negra galega, Carla de Figueredo.
Dende Barcelona chegarán Los Tiki Phantoms, unha banda referencial do surf instrumental con tres décadas de traxectoria.
Os concertos desta edición do Outono Códax, que se celebrará entre o 31 de outubro e o 23 de novembro, volverán ter por escenario a Sala Capitol e o Riquela Club de Santiago.
Así pois, un ano máis e baixo o apoio e colaboración de Bodegas Martín Códax, o festival impulsado por Raíña Productions e A Reixa achegará a Galicia o mellor do xénero con nove citas que conforman unha coidada e exquisita programación na que, fiel á súa filosofía, priorízase a calidade e a variedade.
A programación do Outono Códax 2024 completarase coma sempre cunha ampla programación de actividades paralelas (catas, ceas musicais, ciclo de cine, exposición, etcétera) que se dará a coñecer nas vindeiras semanas.

ENTRADAS E ABONO
Os abonos e as entradas estarán a venda en Santiago en A Reixa Tenda-Matrioska e a través de salacapitol.com ou ataquilla.com a partir do martes 16 de xullo.
O prezo do abono para os 4 concertos da sala Capitol é de 55 euros (máis gastos de xestión), para os 50 primeiros compradores, y de 65 euros (+gx) para o resto.
As entradas por día para os concertos da Sala Capitol terán un prezo de 20 euros (+gx) en venda anticipada e 25 euros (+gx) na billeteira.
As entradas por día para os concertos que se celebren no Riquela Club terán un prezo de 15 euros (+gx) en venda anticipada e 18 euros (+gx) na billeteira, cun aforo moi limitado.
Ademais de en Compostela, as entradas tamén estarán á venda en Bonus Track (Ourense), Rock Box (A Coruña), Honky Tonk (Vigo).
