fbpx
ColaboradoresCompostelaCulturaDe librosEntrevistas

Mercedes Corbillón, autora de ‘Verano en A Toxa’: “O luxo está en ter tempo para mirar”

Mercedes Corbillón, coa súa obra ‘Verano en A Toxa’. Foto: Iván Barreiro

Mercedes Corbillón (Pontevedra, 1969) é, ante todo, un personaxe clave na vida literaria compostelá actual. Primeiro libreira en Cronopios e agora escritora -aínda que non lle gusta este termo aplicado a ela mesma- foi quen de crear nas redes a súa propia reprodución: ‘Señora de Provincias’; elegante, melancólica, culta, ás veces canalla e sempre aventureira.

Un personaxe así tiña que recalar dunha ou doutra forma nun lugar como a Illa de A Toxa, lugar de veraneo chic por excelencia.

Así nace ‘Verano en A Toxa’, un conxunto de deliciosos relatos oníricos e brumosos ilustrados pola man de Maru Godás. O libro pertence á colección ‘Illadas’ de El Patito Editorial.

Afondemos un pouco mais nesta viaxe máxica de Mercedes Corbillón.

Como naceu a idea deste libro?

A editora Gemma Sesar de El Patito Editorial coñecíame das redes. O proxecto ‘Illadas’ está dentro dunha colección sobre as Illas Atlánticas. Este é o segundo título. O primeiro foi de Ons.

Este é un proxecto de editora. Creo moito na labor da figura da editora. Pareceume un luxo participar nesta serie. Creo que o libro quedou precioso coas pastas duras e a beleza das ilustracións de Maru.

Gústame moito viaxar soa, en plan contemplativo e a sitios que xa coñezo. Por tanto, este caderno de viaxe ten moito que ver coa forma na que me gusta viaxar.

A idea de Gemma é que cada libro da colección sexa dous en un. Un conta a perspectiva dun artista plástico e outro a de alguén con palabras.

Ao final Gemma logrou que confluíran ambas perspectivas. Os textos acompañan ás ilustracións.

O tempo compartido en a illa con Maru comendo e bebendo porque chovía moito e non podíamos saír demasiado (risos) serviu para que as miradas se mesturaran.

Fálanos da túa colaboración con Maru…

Paréceme que A Toxa vista por ela é fermosísima, que ten uns xogos de cores, de verdes e de rosas, que algunhas non parecen reais. Parece unha fantasía, pero a min iso gústame, porque creo que iso tamén é a arte, que cando escribes tampouco estás a relatar a realidade exactamente.

Creo que, a pesares do título, o libro non se escribiu nun só verán…

A primeira vez foi verán e a segunda, primavera. Principio del formularioO primeiro ano era o da pandemia, non parou de chover. De feito xa ves que hai moita zona escura nas ilustracións, e ten que ver coa choiva. Entón volvemos ao seguinte ano.

Á parte, eu estiven en máis ocasións pola miña conta. Metinme no personaxe e no estar nun lugar gozando do tempo, o cal cambia de perspectiva.

Se tes tempo, que é o que ten a xente con cartos que vai á Toxa, todo cobra unha dimensión diferente. É un lugar fermosísimo, porque tes esa cousa de illa onde todo se detán, onde non hai ruído, aínda que entran os coches, pero en realidade é moi silencioso.  Se estás no Hotel Louxo ou no Gran Hotel son lugares absolutamente silenciosos. Aí está esa sensación de sanatorio.

Ten un punto onírico todo o que contas.

Claro, porque é verdade que coincidiu así. Os lugares están sempre moi marcados polo clima e animado polas circunstancias. Coincidiron os anos duros da pandemia. Tamén coincidiu o tempo moi chuvioso, aínda que era verán. Xa sabes como é o verán en Galicia; chove, pero de súpeto tamén sae o sol e fai calor, co cal tamén che podes meter nas augas completamente transparentes que realmente son fermosísimas. Entón tes toda esa mestura de cores que eu creo que Maru deixou tamén reflectida.

Que hai de real e de ficción? Hai un personaxe que recorda ao cabaleiro de Muerte en Venecia…

Creo que teño pouca imaxinación. Penso que todo é unha realidade un pouco deformada, pero como facemos sempre que contamos as cousas. Cando contamos algo do que nos sucedeu, deformámolo un pouco consciente ou inconscientemente, e neste caso, obviamente a narradora son eu, unha copia miña, porque é unha muller que está na Toxa facendo un caderno de viaxes que lle encargaron.

O luxo está precisamente en ter todo ese tempo diante para mirar. Nese mirar constante, eu si vin a ese home vestido de traxe e pantalón branco con sombreiro Panamá e bastón paseando pola illa. Imaxínome que estaría aloxado alí. E empezas a pensar quen será este señor e cal será a súa historia. Obviamente hai cousas que espero que sexan verosímiles, pero que non necesariamente sucederon na miña estancia, polo menos.

Como foi pasar de libreira a escritora?O título de libreira marabíllame, non creo que sexa escritora para nada. Tamén levo un par de anos escribindo en prensa todas as semanas.  O feito de escribir semanalmente en prensa satisfaime e creo que tamén aí se pode facer literatura. Faise moita literatura na prensa.

Cal é o teu próximo proxecto literario?

Teño un proxecto dunha novela en Espasa. A proposta veu tamén dunha editora a raíz de lerme nas redes como ‘Señora de Provincias’. En principio ía ser un diario dunha señora de provincias, inspirado nun libro similar dunha muller dos anos 20 do pasado século. Ao final mandeille un texto que xa tiña. É unha historia de desamor, un tema que sae moito en ‘Señora de Provincias’, sobre unha muller que está en Venecia. Espero que vexa a luz en abril de 2023.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.