Crusat & CostasGaliciaGastronomía

Crusat e Costas: Golpe a golpe tinto 2020

Un rebelde con causa

Por Lorena Costas @lorena_costas

Non se me ocorre mellor xeito de comezar o ano que presentarvos a un elaborador que estou segura de que cando rematedes de ler os nosos textos estaredes desexando coñecer e, sobre todo, beber os seus viños!

Falamos de Roberto Fuentes, creador de Adegas Golpe a Golpe baixo o precioso lema de ‘Viño en Rebeldía’, apelando ao seu xeito de facer viño e ao seu afastamento de todo corpiño imposto polas Denominacións de Orixe.

A historia de Roberto comeza coa forte crenza de que se pode vivir da terra, desoír o que se di moitas veces de que “o campo non ten futuro”. Decantouse pola viticultura por tradición familiar, posto que a familia materna e paterna sempre tivo tradición vinícola.

Enxeñeiro Técnico Agrícola pola Escola Politécnica Superior de Lugo e Licenciado en Enoloxía pola Universidade Rovira y Virgili de Tarragona, comezou traballando “para os demais” tanto en varias adegas de Cataluña, ata que chegou a crise de 2012 e volveu á casa, xa que o traballo comezou a escasear. Xa de volta, traballou en varias adegas máis; mentres cos cartos que xuntaba ía mercando maquinaria para a adega que quería montar. Comezou elaborando pequenas tiradas do seu viño favorito: o escumoso.

A medida que ía desencantándose de traballar para outros e de non sentirse valorado, foi collendo confianza en si mesmo e no 2016 deu o paso de crear a súa propia adega: a adega da súa familia, pero adaptada aos tempos actuais. Está situada en Tremoedo, Vilanova de Arousa, onde traballa con variedades moi diferentes, algunha delas non autorizadas polas denominacións; pero precisamente niso consta a marca ‘Golpe a Golpe’; e tentar reflectir as características das castes locais pero aportando o selo persoal de Roberto, pouca intervención pero control de todos os procesos.

Neste caso falamos de Golpe a Golpe Tinto 2020, elaborado con Caíño tinto e Espadeiro, do que vos falará Crusat no seu texto. Un viño de innegable carácter atlántico e frescura; algo ao que moita xente aínda non está afeita a ver nun viño tinto, pero que cada vez ten máis aceptación entre os que se inician agora neste marabilloso mundo do viño. Pouca gradación, trago fácil, salino e balsámico, que invita a beber; e, sabedes que? Que vai perfecto cunha pizza de champiñóns e olivas negras. Saúde!

 

O viño coma a min me peta

Por José Crusat @choumimx

O proxecto de Roberto Fuentes ‘Viño en Rebeldía’ consta de varias elaboracións sen máis normas que o seu parecer e o seu saber, sen directrices marcadas por outros. Así pois, a pesares de atoparse dentro da zona xeográfica da DO Rias Baixas, non traballa baixo o seu paraugas, é libre para facer como lle peta, golpe a golpe.

De momento o proxecto consta de dous viños brancos (Albariño, Loureira Branca), dous espumantes (Albariño, Caiño Tinto), un rosado (Espadeiro, Caiño e Albariño), un viño doce (Albariño) e un tinto que e o que vos presentamos desta vez.

Este Golpe a Golpe Tinto é un viño mestura de uvas caíño e mais espadeiro. As proporcións en canto á uva son variables dependendo do ano, sendo este 2020 de preto dun 50% de cada, pero se atopades o 2021 nese caso a maioría corresponde con espadeiro, xa que foi un ano moi malo para o cultivo do caíño.

En canto á elaboración desde viño, partimos da uva depalillada (quitámoslle o cangallo), e fermenta de xeito espontáneo (sen lévedos engadidos) en toneis de madeira abertos, para despois pasar a barricas grandes de 500 litros onde remata a fermentación alcohólica, e fai a maloláctica. Posteriormente faise unha trasfega para pasar e criárense en tinallas ou ámboas de barro de 350 litros ata o comezo do verán cando pasa a ser embotellado.

Coma notas de cata, atopámonos cun viño limpo, de cor vermello picota e capa media-baixa. No nariz ao comezo aparece cunha lixeira redución, que abre rapidamente, dando pasos a notas de froita vermella fresca tipo grosella e framboesa, flores tipo violeta e mais balsámicos. Na boca é un viño fresco estruturado cunha boa acidez, volvendo a atopar esas notas que xa descubriramos no nariz previamente.

E imos pois meterlle algo no corpo para asentar o bandullo. Estas datas son tempo de entroido, de fartura de carne de porco e doces antes da penitencia imposta, polo que a maridaxe está moi clara. Propoño un cocido con ben de cachucha, grelo (repolo para algúns) e chourizos variados, ou senón, por que non meterlle unha boa androlla. En canto a unha elaboración máis revirada, propóñovos uns ovos rompidos cun rulo de friame de pés de porco para darlle o aporte de lípidos necesarios para toda comida ben equilibrada.

 

FICHA TÉCNICA:

Adegueiro: Roberto Fuentes – Adega Golpe a Golpe

D.O.: Sen DO

Variedades: 70% Caíño Tinto e 30% Espadeiro,
nesta colleita

Grao: 11,5º

Colleita: 2020

Prezo: Sobre 17€

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.