Loaira Pérez, de Cerámica Raposiñas: “As nosas pezas fan referencia á aldea e ao mar”
Por Silvia Castiñeiras
Formando parte da casa da súa avoa, onde viviu de pequena, Loaira Pérez conseguiu fai catro anos poñer en marcha o seu propio obradoiro de cerámica. Foi rematar os seus estudos e ter moi claro o seu camiño no mundo da artesanía. Tan claro como tamén tivo o seu nome, Raposiñas, na honra das mulleres que garda nos seus recordos da infancia na Rúa Raposiños da Pobra do Caramiñal. E na honra delas mesmas, as que fan realidade este obradoiro.
Como foron os teus comezos co obradoiro?
Estudei Belas Artes e chamoume moito o eido da cerámica, polo que comecei a especializarme cun mestrado. Xa entón fixen o traballo final sobre un plan de negocio para crear un obradoiro. Foi rematar os estudos e comezar a facelo realidade. Conseguín axudas de fondos europeos e no 2019 xa estaba funcionando o meu propio taller.
Cal é o balance destes catro anos?
Creo que estes catro anos servíronme de aprendizaxe do oficio. A miña formación era basicamente artística e no obradoiro no día a día aprendes sobre o manexo real dos fornos, investigas máis sobre os materiais… Méteste de cheo nas cousas prácticas.
Que tipo de pezas destacan no teu obradoiro?
Caracterizámonos polo emprego de moldes. Facemos modelados en barro ou de forma dixital e despois a partir de aí sacamos moldes de xeso para producir pezas coa técnica da colada, con barbotina (arxila líquida) que se verte sobre o molde. É unha técnica que se emprega en Sargadelos. Desta maneira producimos pezas de gres con vidrados que facemos tamén no obradoiro.
As pezas están encamiñadas á restauración?
Si, temos unha colección de pezas utilitarias, ‘Lomba’, con boles, vasos, cuncas… Son creacións que remiten a formas cóncavas e convexas e que fan referencia á nosa aldea. Son pezas xeométricas que nacen da síntese da natureza, a partir da casa, a horta, o mar…
Tamén temos outra liña que é ‘Mersé’. Neste caso son pezas realistas a escala aumentada ou diminuída. Inclúen cunchas, embarcacións tradicionais como as dornas e, en definitiva, temas moi relacionados co mar. Algunhas incluso se poden usar tamén para uso culinario, para empratar. Estou pensando, por exemplo, nas cunchas.
Que che supón pertencer a Artesanía de Galicia?
Para os artesáns galegos é unha sorte contar cunha fundación pública preocupada porque os profesionais medremos, nos formemos e se xeren lazos laborais e proxectos. É un orgullo pertencer a Artesanía de Galicia xunto cos compañeiros artesáns.
Onde se poden mercar os teus produtos?
No mesmo obradoiro, na Pobra do Caramiñal, que se pode visitar. Tamén na miña propia web raposinhas.com e na tenda gastronómica Casa Carmela, en Santiago (Rúa do Vilar).
Fotos cortesía da Fundación Pública Artesanía de Galicia.