Viños para este Nadal por Crusat & Costas
NADAL 2023: A escolma
Por Lorena Costas @lorena_costas
Estaba lendo xusto agora… que levabamos dende agosto sen pasarnos por aquí. Dende agosto! A isto hai que poñerlle remedio, e non basta con falar dun viño, falaremos de moitos para compensar, e tamén por iso de que xa nos está tocando no ombreiro o Nadal e nunca vén de máis ter a man unha mini guía para ir en busca dun tesouro, como di Crusat, e campar nas mesas familiares.
Comezamos coas burbullas, camiñando polas liñas fronteirizas entre Galiza e Portugal, da man dos amigos de Quinta de Edmundo Val, e o seu Escumoso Ancestral, 100% Albariño, elaborado segundo o método Ancestral e amparado baixo a D.O. Vinho Verde (Monçao e Melgaço) aínda que eles están asentados na fermosa vila de Tui.
Continuamos cun albariño parcelario do noso amigo Ramón de Adegas CastroBrey, Sin Palabras F1982, colleita 2018, en homenaxe ao ano de fundación da adega, cepas de máis de 50 anos das fincas máis emblemáticas, elaborado en inox, coas lías finas de varias colleitas de Sin Palabras; un viño que non debedes de pasar por alto.
Imos agora a por un rosado, que cada vez conta con viños de mellor calidade, como este Rosa dos Ventos 2018, de José Luis Mateo, adega Quinta da Muradella (D.O. Monterrei): Bastardo e Mencía en chans de arxila vermella, fermentado en formigón e envellecido en barricas de carballo, unha delicia!
Non imos moi lonxe, ata Carballeda de Avia, no Ribeiro, para beber un dos meus viños favoritos: XanLedo 2020, de Viñedos do Gabián: 60% Caíño Longo, 40% Brancellao, con crianza en carballo; un viño cunha finura e elegancia extraordinaria, para beber e beber.
Non podía faltar a Ribeira Sacra neste tour enolóxico, co noso benquerido amigo Roberto Regal, figura sobresaínte por esas terras: traballador incansable, enólogo, empresario, creador incansable. Desta vez falamos de Neno da Ponte, a marca baixo a que elabora os seus viños bio. Quedamos con Horta da Cal: Mencía, Brancellao, Garnacha cunha pequena crianza de 8 meses en barrica. Tedes moitos “nenos da ponte” para beber, así que a que esperades?
Finalizamos, como non, co viño doce: Ouro Moído, elaborado con Branco Lexítimo e Agudelo pola adega Lorenzo Bescansa en Betanzos, vendima tardía con botrytis nobre, unha delicia que se serve en botella pequena, como as boas esencias.
Remato a miña escolma, agardando que aínda vos quede un oco para seguir cazando os tesouros que propón o Crusat! E bo Nadal e moito viño e saúde!!
NADAL 2023: A busca do tesouro
Por José Crusat @choumimx
O tipo ese de Vigo dixo que o Nadal xa esta aquí, ou sexa que imos aló. E tempo pois de luceciñas, comidas de empresa e familiares. Hai xente que odia o Nadal e outros aos que lle parece o mellor momento do ano. Pois ben, eu veño a propor o desfrute, aínda que haxa que aturar a Maria Carey nos altofalantes das rúas, de ir de compras, de planificar esa cea ou ceas de Nadal coa familia, e de gastar a manchea. Hai que tomalo coma un xogo, o xogo de atopar o tesouro.
Veño coa lista da compra dos viños destas festas, algúns deles difíciles de atopar pola pouca produción, pero todos eles que garantirán o desfrute da localización e se se atopan do pracer hedonistiño de bebelos. Tamén vouno acompañar dalgún prato, pero para que cociñedes vós mesmos, para que teñades ocupado o tempo de vacacións, non vaia a ser que quededes deitados no sofá e engordedes uns quilos de máis. Saíde á rúa, buscade, mercade, gastade produto da terra a ser posible.
Castro de Untía Escumoso Método Tradicional. Trátase dun viño elaborado co caste branco lexítimo en Betanzos, aínda que non amparado pola IXP, xa que os escumosos non están admitidos (cousas de papeis e de administracións). Simplemente cunhas ameixas babosas grandes da ría de Arousa, sen outra elaboración que abrilas, así en cru.
Baladiña Barro 2014. Si, si un albariño do 2014 que sae agora ao mercado. Trátase dun viño cunha longa crianza inicialmente en depósito de aceiro coas propias lías, que pasa despois 12 meses en tinalla de barro para o seu afinado e micro-osixenación. Excelente cuns longueiróns de Fisterra á prancha ou cun escabeche suave tailandés.
Namorado Clarete de Area 2019, mestura de viños tinto e branco. Por unha banda tinta femia ao caíño tinto e pola outra, albariño en máis espadeiro branco que é como chaman ao loureiro na zona do Morrazo. Todas a uvas proceden de fincas de areas localizadas no complexo dunar protexido de Barra. Imos coa raíña centola da ría de Aldán para acompañar este viño.
Castrobrey Distinto 2018 é un viño amparado na DO Rías Baixas, elaborado coa uva caíño tinto coa fermentación en depósitos de aceiro e unha crianza posterior en barrica, usada durante 6 meses, onde realizou a fermentación maloláctica que suavizou a acidez propia da uva. O resto do tempo repousou na botella. Propóñovos degustalo cun peixe e, que menos, para estas datas que o bacallau con pasas.
D’Pieiga Tinto Serodo 2021 ou 2020. Viño tinto da uva tinto serodo ou afroxeiro elaborado en Negueira de Muñiz. Crianza en barrica de carballo francés de seis meses, e afinado en botella polo menos 12 meses. Se ben este afinado é variable e segundo o requira o ano. Polo que saíu antes o 2021 que o ano 2020. Un guiso de galo celta ou capón de Vilalba acompañarían perfectamente a este viño.
Cazapitas 12 é un viño semi-doce elaborado coa uva albariño no Barbanza. Trátase de uvas de vendima tardía, nas que se interrompe a fermentación a medias para conservar azucre necesario. Boa acidez que equilibra o doce. Tomámolo ou coas sobremesas típicas do Nadal ou mellor, cun pouco de paté de parrulo.
Boa caza e gozade!.