fbpx
CompostelaGastronomíaNovasReportaxes

A dos Capelo, unha carnicería da granxa á túa casa

Darío Capelo (no centro) xunto coa súa nai, María José Arán, e os dous carniceiros Ismael e Pablo. Foto: Iván Barreiro
Darío Capelo (no centro) xunto coa súa nai, María José Arán, e os dous carniceiros Ismael e Pablo. Foto: Iván Barreiro

Despois de máis de 30 anos no sector gandeiro, ocupándose de alimentar e coidar aos becerros da súa granxa situada en A Pereira (Santa Comba), a familia Capelo acaba de poñer en marcha a súa primeira carnicería de venda directa ao público. E está aquí, en Compostela, no lugar dedicado ao produto fresco e de proximidade por excelencia da nosa cidade: o Mercado de Abastos.

E non ocupan un espazo calquera, non! Tomaron as rendas do local que deixou Esteban Martínez despois de toda unha vida. Unha carnicería que se fixo moi coñecida polos seus chourizos afumados e rixóns. Dous produtos que continúan á venda nesta nova etapa cos Capelo á fronte. “Levabamos un mes e medio buscando baixos en Santiago pero era tremendamente difícil porque non estaban adaptados. E no medio desta busca, un día abro Twitter (agora X) e sáltame a noticia de que Esteban se xubilaba. Chamei a meu pai e díxenlle: “Papá, aquí está a nosa!”. Dous días despois vimos falar con el”, conta Darío Capelo.

Durante as seguintes semanas a súa nai, María José, traballou co propio Martínez no obradoiro para poder continuar vendendo estes dous produtos que están moi bos e teñen moito éxito. Así como para explicar á clientela que se ía producir o traspaso. “Para nós foi fundamental esa transición. Desde que abrimos estannos acollendo moi ben”, explica Darío.

Produto sostible

Foi Pedro Capelo, pai de Darío, quen con 14 anos empezou a traballar comprando becerros polas casas veciñas e levándoos a vender, coa axuda do seu tío, cada martes ao Mercado de Amio. Tempo despois, tras regresar a súa nai de Alemaña -a matriarca que aínda segue axudando de cando en vez!-, fixeron unha casa cunha pequena loxa que foi crecendo co paso dos anos, ata chegar ás entre 100 e 120 cabezas coas que contan hoxe en día. 

Alí traballan diariamente coidando as súas reses para que chegue á Praza a mellor selección de pezas. Da granxa á túa casa. Sen intermediarios. “A tenreira criámola nós. Así sabes o que comes. Velamos polo coidado dos animais para poder ofrecer o mellor produto de forma sostible”, destaca Darío.

Con esta primeira tenda propia a familia cumpre ademais cun obxectivo que levaban perseguindo moito tempo. “Con este proxecto poñemos en valor o noso porque despois de trinta anos dedicándonos ao criado vacún, viamos que sempre se aproveitaba dese traballo un terceiro. Agora meu pai encárgase da explotación, miña nai é a responsable do posto no Mercado de Abastos e eu ocúpome da comercialización e marketing”, sinala.

Coa hostalaría local

Ademais da veciñanza e do turismo que visita diariamente a Praza, A dos Capelo dispón tamén dun servizo de entrega para outros negocios, fundamentalmente hostaleiros. “Aquí en Santiago hai unha hostalaría de moitísima calidade. Xa nos están comprando os do Carrilana, de Vitoria, de Mamá Peixe, Benedita Elisa, o chef con Estrela Michelín Áxel Smyth do Simpar... o restaurante O Secadeiro, en Outes... E, claro, tendo en conta que acabamos de abrir, estamos moi agradecidos pola súa confianza!”, admite Darío.

O seu obxectivo é tamén atraer a máis xente nova a mercar á Praza. Por iso están a facer diferentes campañas a través das redes sociais, como sorteos na súa conta de Instagram
(@adoscapelo) Por alí tamén anunciarán as propostas que lanzarán neste Nadal, como unhas bonitas caixas para que poidas levar produto cárnico de agasallo ás comidas e ceas destas Festas nun soporte ben coidado. “Sempre estamos inventando cousas!”, confesa entre risos. E nós, encantadas e encantados de seguilos!

Darío e María José no seu posto no Mercado de Abastos de Santiago. Foto: Iván Barreiro
Darío e María José no seu posto no Mercado de Abastos de Santiago. Foto: Iván Barreiro

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.