fbpx
CompostelaCulturaDe libros

Ana Cabaleiro: “As cidades empezan a parecerse aos non lugares”

 | Ana Cabaleiro presentou hai uns meses o seu último libro, ‘Xa vemos palmeiras’. Foto: Iván Barreiro
Ana Cabaleiro presentou hai uns meses o seu último libro, ‘Xa vemos palmeiras’. Foto: Iván Barreiro

Ana Cabaleiro (Saídres, 1974) é unha xornalista compostelá de volta á nosa cidade cun libro baixo o brazo: ‘Xa vemos palmeiras’, un relato dunha viaxe a Marrocos cuxa principal meta era pasar unha Noitevella diferente, baixo as estrelas do deserto. Cando comezou o proxecto, Ana cría que unha narración deste tipo sería algo “doado” de facer, aínda que ao final descubriu que nada máis lonxe da realidade.

No futuro, Ana quere retomar un proxecto de novela longa, aínda sen data. De momento, para este Nadal quedamos con este regalo de viaxe polo deserto.

Que te motivou a escribir este libro de viaxes?

Encántame a literatura de viaxes. Quería elixir unha viaxe fácil de narrar e que me quedara no recordo como a que fixen a Marrocos. Pero logo dinme de conta que non era fácil escribir un libro así. Como pasaran 15 anos, aproveitei para facer unha reflexión sobre que se aprende nas viaxes e entendín que a reflexión necesaria é sobre como viaxamos.

Recoñezo que existen formas masificadas de viaxar e que todos e todas as practicamos algunha vez ao longo das nosas vidas. A partir de aí xurdiu unha conexión entre o pracer de viaxar e unha responsabilidade cos lugares que visitamos

Cal é o teu mellor recordo desa viaxe a Marrocos?

Buscaba unha meta que era pasar o fin de ano no deserto. A experiencia que ofrecía a axencia de pasar a noite no deserto ao raso vendo as estrelas quedou como mito persoal, como momento emocionante da miña vida ao que recorro ás veces.

Que che amosou esta viaxe en relación con viaxes posteriores?

Non sei se nese momento me amosou moito, pero naquela época viaxei moito (Siria, India…) e o que máis lembro é o afán por coñecer mundo, a outras persoas e realidades. 

Que diferencia hai entre viaxar e facer turismo?

Hoxe en día o concepto de viaxe é diferente de antigamente. Antes a xente quedaba a vivir nos sitios ou pasaba moito tempo, pero a maioría das persoas non nos podemos permitir estar longas tempadas nun lugar para empaparnos desa cultura. Para min hoxe en día o concepto de viaxe está moi desvirtuado. Realmente imos a sitios, pero viaxar no sentido cultural e de intercambio está moi complicado.

Eu recoñezo que vou como turista. Está todo medido, predeseñado, hai pouca marxe para a aventura e é unha pena. O concepto viaxe como entendo de poder desfrutar de tempo nun sitio para min é inexistente.

Poderías dar algún consello sobre turismo responsable?

Creo que está moi asumido socialmente que hai que viaxar doutra maneira. Por exemplo, en Compostela en certos momentos e lugares estamos moi masificados e pode chegar a ser molesto. Entón, cando nós imos a outros lugares temos que ser conscientes do molestos que podemos resultar. Ademais, debemos tentar buscar aquelas cousas que identifican o lugar. Depende da ansia que ten cada un de non reproducir padróns que non aportan nada. É como ir a París e comer nas mesmas cadeas de restaurantes que hai en calquera lugar. É importante interesarse pola oferta que haxa nese lugar, o famoso “actuar local e pensar global”.

Para ver as mesmas cousas en todas partes, case mellor non moverse.

Parece que todas as cidades agora son iguais, non si?

Hai unha cousa que para min é moi definitoria: se ti vas a un aeroporto, hai unha serie de indicadores que son comúns a todos os aeroportos do mundo. Pois coas cidades comeza a ocorrer o mesmo. Sabes intuitivamente onde está zona de compras, de ocio… As cidades empezan a parecerse aos non lugares.

Como ves o turismo en Compostela?

Son adoradora dos Camiños de Santiago. O turismo non vai desaparecer, pero hai que convivir con el doutro xeito. En Santiago hai espazo suficiente para o turismo e para a veciñanza. Ao mellor o turista ten que vir con máis tempo para ver outros lugares, que non sexa só a catedral, e que se diversifique a tempada.

Nós como veciñanza temos que ser capaces de atopar recursos para que as persoas que veñan camiñen por outros sitios como as Brañas do Sar, comprar noutro tipo de tendas…

É a materia pendente das cidades receptoras e de nós coma turistas.

En canto ás queixas polo ruído, temos que ir cara unha cultura do sosego. Somos ruidosos, pero non só como turistas senón como grupos cando nos xuntamos.

‘Xa vemos palmeiras’Autora: Ana Cabaleiro Editorial: Xerais Ano: 2023 Páxinas: 135
‘Xa vemos palmeiras’ Autora: Ana Cabaleiro Editorial: Xerais Ano: 2023 Páxinas: 135

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.