fbpx
CompostelaCulturaNovas

Curtocircuíto arrancará a súa vixésima edición coa estrea en Galicia da película O Corno

O Festival Internacional de Cinema Curtocircuíto celebra o seu vixésimo aniversario cun programa comprometido coa igualdade e cunha ampla representación internacional. Entre o 3 e o 8 de outubro, a cidadanía compostelá e os amantes do cine poderán gozar dunha ampla selección de películas procedentes de máis de 16 países, así como dun cartel con destacados shows AV e actividades especiais, que amosa de novo a vontade da organización por ofrecer un programa que transcenda a experiencia tradicional de visionado de filmes nunha sala de proxección.

Ao longo dos seis días do festival, os aficionados e aficionadas ao cine terán a oportunidade de visionar un total de 49 filmes a competición procedentes de 16 países, que foron seleccionados entre as máis de 2.000 películas que se presentaron a esta última edición para competir na Sección Oficial Cosmos, en Planeta GZ e Supernova. En total, máis do 50% destes filmes contan cunha muller na dirección, o que, sen dúbida, é unha mostra do auxe paulatino da muller no cine e do compromiso coa igualdade do equipo de Curtocircuíto, que aposta por reivindicar a capacidade de liderado da muller e por dar visibilidade ás producións lideradas por mulleres.

En rolda de prensa, a concelleira de Capital Cultural do Concello de Santiago de Compostela, Miriam Louzao; o director de AGADIC, Jacobo Sutil; a deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividad González, e o director artístico de Curtocircuíto, Pela del Álamo, presentaron o programa completo e desvelaron os dous grandes nomes desta edición: o fotógrafo francés Antoine D’Agata e a cineasta catalana Elena Martín Gimeno.

Antoine D´Agata presentará en Curtocircuíto o seu filme Atlas, unha proxección que conlevará a reflexión sobre como o fotógrafo marsellés traza un delicado fío entre a súa vida e a súa obra e como aborda a linguaxe cinematográfica dende a práctica fotográfica. De novo, o Festival porá o foco na importancia das figuras que trascenden as disciplinas artísticas na procura dun camiño persoal que permita a evolución da linguaxe creativa.

Antoine D´Agata (Marsella, 1961) é un reputado fotógrafo membro da Axencia Magnum dende o 2004. Estudou fotografía baixo a tutela de Nan Goldin e Larry Clark no Centro Internacional de Fotografía de Nova York. D’Agata ten publicado máis dunha ducia de libros e cinco películas. A súa obra exhibiuse en numerosas ocasións. Algúns dos seus fotolibros máis coñecidos son Insomnia, Vortex, Stigma, Psychogéographie, Ice ou Anticorps, polo que recibiu o Premio ó Mellor Libro de Autor dos Rencontres d´Arles.

Por outra banda, unha das grandes protagonistas da temporada cinéfila neste 2023, Elena Martín Gimeno (Barcelona, 1992) será unha das convidadas especiais desta edición. A directora, guionista e intérprete vén de estrear Creatura, un filme sobre a represión do desexo feminino que xa se alzou como gañadora do premio á mellor película europea na Quincena de Cineastas de Cannes. A directora atoparase en Curtocircuíto co público galego e abordará nun coloquio a feminidade e o conflito da muller coa súa propia sexualidade. Martín Gimeno tamén realizará no programa de Curtocircuíto unha sesión especial na que proxectará o traballo doutras compañeiras para, a partir desta selección de filmes, reflexionar sobre as súas orixes cinematográficas e como se conformou a súa identidade como creadora.

Elena Martín comezou a súa carreira como protagonista da película Las amigas de Ágata (2015) antes de graduarse en Comunicación Audiovisual en 2016 na Universidad Pompeu Fabra. O seu traballo sempre se articulou entre o cine e o teatro experimental, entre a interpretación e a dirección. O seu primeiro traballo como directora chegou en 2017 con Júlia ist (2017) e destaca especialmente o seu papel protagonista na multipremiada curta Suc de Síndria (2019).

O pistoletazo de saída a esta nova edición darao a estrea en Galicia da película O Corno, de Jaione Camborda, que chegará directamente da súa estrea estatal na Sección Oficial do Festival Internacional de Cine de San Sebastián e anteriormente do Festival Internacional de Cine de Toronto -onde foi a primeira película española que compite na sección Platform-. O filme está facendo historia por ser o primeiro de produción galega e en lingua galega que aspiraba á Concha de Ouro. Como explicou o director artístico de Curtocircuíto, Pela del Álamo, en rolda de prensa: “É un orgullo que o festival conte con esta estrea galega e, por suposto, reafirma o noso interese por manter un espazo de visibilidade e de apoio para o cine realizado en Galicia. O Corno é o filme galego do ano e segue os pasos de O que arde ou Lúa Vermella, que tamén tiveron a súa estrea galega na inauguración de Curtocircuíto”.

Shows AV e actividades especiais

O programa deste vixésimo aniversario presenta un cartel de shows AV encabezado por Panda Bear & Sonic Boom e Niño de Elche, con espectáculos nos que imaxe e música se fusionan para ofrecer experiencias en directo nas que se afonda na creación audiovisual. Reset é o primeiro lanzamento conxunto de Panda Bear & Sonic Boom, no que fan unha selección e deconstrución de sons doo-wop e rock and roll clásicos acompañados coas visuais de Studio Sparks. Niño de Elche presentará un show rupturista a través da composición en directo de música para dous filmes surrealistas.

Outro dos pratos fortes deste ano é a estrea mundial da performance de José Venditti e a galega Marta Verde, Espectro dorado AV. A ucraína Katarina Gryvul xunto ao artista visual peruano Alex Guevara e Rapapawn con Pantis completan o cartel de espectáculos audiovisuais desta edición.

Curtocircuíto inclúe, ademais, a proposta de varios encontros e mesas redondas entre destacados profesionais de distintos eidos. Ramón Andrés, María Sánchez, Elena López Riera, Pedro Maia, Anneke Necro, Rapapawn e Niño de Elche son os nomes propios do ciclo de charlas desta vixésima edición e que, a través das súas propias experiencias, promoverán espazos de reflexión sobre os procesos de creación artística na actualidade.

Outra das grandes novidades desta edición é que, tras varios anos, Curtocircuíto recupera no seu vixésimo aniversario a mítica Noite Malandra: un torrente de sátira e humor. Esta vez da man dun dos colectivos de programación audiovisual máis interesantes do panorama estatal: Mediadistancia. Noite Malandra é unha sesión que recrea a experiencia delirante de quedar durmido facendo scroll infinito no medio das ruínas do tardocapitalismo.

Partimos da curta Whatremains, Génesis, de Lou Fauroux, pero a proxección abarcará todo tipo de formatos: desde reels de TikTok e outras RRSS, publicacións surrealistas con pouca calidade, videoxogos imaxinados, vídeos fetichistas ata animación creada por IA; unha sesión bizarra e divertida que agocha un forte discurso político sobre a identidade, a representación dos corpos e a sexualidade.

Compromiso con Galicia e Compostela

Nesta edición, Curtocircuíto renova a colaboración co Cineclube de Santiago de Compostela para unir forzas e recuperar o patrimonio inmaterial da cidade compostelá e de Galicia. Nesta ocasión, xuntos lanzan a sección paralela na que se renderá tributo á figura do dramaturgo, director de escea e actor Roberto Vidal Bolaño, cuxa vida e obra están intimamente ligadas á historia cultural de Santiago. Nesta sección, o público terá a oportunidade de descubrir os proxectos audiovisuais máis descoñecidos do creador compostelán.

E tamén neste 2023, Curtocircuíto lanza #OutraCompostela, a actividade que xurdiu coa vocación de educar ao redor do cine, e que en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, co apoio de Santiago Turismo e da Santiago de Compostela Film Commision lanzan un concurso universitario que se desenvolverá a través das redes sociais.

Os máis pequenos e pequenas tamén terán o seu espazo para gozar do cine en Curtocircuíto coas seccións Teenage Riot e Criaturas, nas que se realizou unha coidada selección de filmes en función das súas idades.

Finalmente, destaca a sesión especial Terra, dedicada este ano a Arancha Brandón, artista visual e fotógrafa procedente de A Guarda. Considerada un dos novos talentos máis destacados do panorama galego e cuxo traballo abarca dende o cine ata a experimentación visual. A residencia de Curtocircuíto tamén está dedicada nesta edición a esta cineasta e fotógrafa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.