fbpx
CompostelaEntrevistasGastronomíaSilvia Castiñeiras

Moncho Fernández: “O que é difícil en Santiago é comer mal”

Moncho Fernández falando con Silvia Castiñeiras

Por Silvia Castiñeiras

Fotos: Iván Barreiro

Que Moncho Fernández é o adestrador do Obradoiro xa case a ninguén se lle escapa na cidade. Incluso que vaia cumprir 13 tempadas dirixindo a un equipo da máxima categoría do baloncesto español é unha información que dominan ata as persoas menos interesadas neste mundo do deporte. Por que? Porque estamos na casa, porque Moncho é simplemente casa. Máis alá do seu papel no Obra, é un home de Compostela, de barrio, de vida na cidade, e non fai falta máis que pasar uns minutos con el para ver a súa relación coa veciñanza: as súas confianzas co dono do Hotel Costa Vella —en cuxo xardín quedamos para charlar— porque se coñecen da xuventude de xogar ás cartas nos bares; ou o seu ‘colegueo’ co responsable do aparcadoiro porque foron xuntos ao colexio. Amizades e contactos que perduran, sexa quen sexa cada un neste mapa da vida compostelá.

“Coñezo a moita xente, non só polo baloncesto. É máis, ao final persoas que coñeces nun ámbito despois acabas coincidindo noutro círculo. Xente do colexio que atopas noutras partes ou mesmo teño que dicir que coa maioría dos xornalistas que cobren o tema do Obradoiro xa tiña outros vínculos anteriores”, afirma Moncho (aínda que non é o meu caso, pero encantada de atoparnos dende que algún día cubrín ao Obra).

E nós… coñecemos a Moncho Fernández? A ese home que non pensa todo o tempo en baloncesto? Se a súa personalidade sería outra de non se ter dedicado ao que se dedica non se sabe, porque ao final un tamén se constrúe como persoa segundo os camiños que toma na vida, e o laboral —máis se o tomas como unha paixón— é parte importante nesa forma de ser. Polo de agora, intentaremos coñecer algo máis sobre Moncho, imos sacalo da súa cancha e levalo ao noso terreo, ao da gastronomía e a cultura.

De bo comer

Isto non vai de fichaxes nin de información de última hora. Quedamos con Moncho Fernández para unha charla informal tomando algo nun bar, onde o mesmo falas da roupa que levas enriba (que el nunca deixa ao azar), da serie que estás vendo, dun tema de actualidade ou mesmo de como che gusta a tortilla. “A tortilla é ovo e patacas, non soporto que teña cebola”, di rotundo. E haberá algo máis que non lle guste?, pregúntome despois de ter compartido mesa e mantel en varias reunións con el e outros compañeiros de profesión e nunca ver que rexeitara nada. “A min é fácil conquistarme coa comida, salvo que me ofrezas tortilla con cebola ou repolo, non podo co caldo de repolo. Todo o demais vaime gustando”, aclara.

A min cónstame que Moncho é de bo comer, desas persoas que gozan cun bo prato e tamén cun bo viño.

Paixón pola cultura do viño

Continuamos pois a conversa polo eido gastronómico. Así, reflexiona: “a min máis ben habería que preguntarme que é o que non me gusta, porque me gusta practicamente todo, o marisco e o peixe, a carne, a cociña tradicional e a elaborada… A gastronomía sempre é unha mostra da cultura dos pobos”. E non dubida en poñer en valor esa gastronomía galega cando apunta que “quizais non foi de ter na súa historia receitas moi elaboradas, pero porque a materia prima en si é dunha calidade enorme. O cocido, un peixe ao forno, un marisco que é auga e sal, unha carne á brasa que non necesita máis”.

E que tipo de restaurantes lle gustan? Moncho responde: “gústanme os restaurantes de todo tipo porque me gustan os sitios onde se come ben”, e a partir de aí, prosegue, “hai de todo, podo ir ao local máis tradicional e auténtico do mundo ata locais de cociña máis elaborada. E neste sentido a oferta hostaleira de Santiago é amplísima e sería complexo elixir. O que é difícil en Santiago é comer mal, teste que equivocar moito”.

Basta compartir mesa nalgunha ocasión con el para saber que o da maridaxe, esa arte de combinar comida e viño, é algo que lle entusiasma. Así é que confesa ter feito “algunha cousa relacionada co viño” aínda que prefire resaltar que le moita literatura sobre o tema. “Esta afección empezou dende bastante novo, ese gusto polo que significa o mundo do viño, non só polo sabor, as texturas e todo iso, senón como arte efémera. Saber que cando abres unha botella hai un proceso de creación, moitas veces con historias moi chulas detrás, pais que empezaron con algo pequeno, alguén que o deixou todo por empezar con iso… Sempre penso que hai alguén que puxo moito agarimo e paixón en facelo. Por iso me gusta tanto, á parte do que é beber viño propiamente, claro!” (rimos).

Nada de ‘brunch’.
Sobremesa despois de comer

Moncho Fernández é home de facer sobremesa, ten unha arte especial para facer que non te movas do asento para leriar, aínda que teñas que estar coa alerta activada en cada frase porque é un tipo moi retranqueiro, deses aos que llas serves en bandexa e non deixan pasar un rebote.

“Eu son de quedar máis cos amigos para comer, ben nun restaurante ou na casa, sobre todo porque despois quedas na mesa a charlar, iso que chaman polo sur o tardeo, gústame moito. Pásoo moi ben nos faladoiros de sobremesa. Comer, falar, beber un bo viño…”. Así o expresa con verdadeira cara de felicidade para apuntar despois que “o de ir tomar as cañas ou os viños pola noitiña tamén está ben, pero só no tempo de vacacións, porque despois é difícil que non estea ocupado nesas horas. E para quedar a cear, cada vez menos porque xa temos unha idade e hai que durmir”. Iso si, os novos costumes aínda non figuran na súa axenda… “non, non, a min esas cousas do brunch nada, aínda non caín niso”.

A unha boa sobremesa hai que darlle contido e do que menos fala Moncho, segundo nos sinala, é de baloncesto. Afirma que “excepto que esteamos xente do mundo do baloncesto, non falo diso. Prefiro outros temas… falar da actualidade, da vida, de política, de cine, das series que ves, dos libros que estás a ler… Contar un conto, penso que son unha persoa con boa conversación, non son só un adestrador de baloncesto”.

Lectura, teatro, xadrez

Entre partido e partido, adestramentos, os desprazamentos, outras actividades relacionadas co traballo, a familia e mesmo os faladoiros de sobremesa… é difícil ter oco para as afeccións ou os plans culturais, pero Moncho non perde de ler un libro ou ver unha serie. “Gústame moito a lectura, sobre todo a novela, o ensaio. Ler é fundamental e case todos os días intento atopar un momento para ler. Tamén me gustan moito as series, de todo tipo”, explica. “Non son de facer maratóns pero véxoas nun curto período de tempo. O que me amola é comezar unha serie que non está aínda completa”.

Pero se hai algo que lle apaixona a Moncho Fernández son dúas cousas: o teatro e o xadrez. Por un lado lamenta non ter “moito tempo para facer plans culturais, é complicado atopar o momento”. Por iso incide: “quixera facer máis do que fago. Por exemplo, ir ao teatro é algo que me gusta moitísimo e na tempada pasada fun tres veces como moito. Tamén me gusta a música pero non son de ir a concertos, festivais e iso, prefiro o teatro”.

E que hai do xadrez?… Confésame que non se lle dá nada mal, aínda que el, como en outras tantas cousas, prefire non darlle demasiada relevancia. “Cando era máis novo gustábame xogar e perdín un pouco o contacto co mundo do xadrez, agora estou a retomalo. Gústame ler literatura relacionada con isto, non só técnica, literatura sobre ese mundo, que me parece moi apaixonante. Agora xogo online e esas cousas, estou retomando esa afección que deixei atrás hai moitos anos”, relata.

Unha ollada a Santiago

“Antes de traballar en Santiago vivín noutras cidades de Galicia e de España e o primeiro que facía cando volvía aquí nas vacacións era madrugar moito para ir eu só a dar un paseo durante unha ou dúas horas pola zona vella. Percorrer Compostela…”. O certo é que o sentimento compostelán lévase onde sexa e o difícil, cando te dedicas a unha profesión como a de Moncho Fernández, é que poidas levantarte todos os días para percorrer a túa cidade de sempre. E el pode.

É unha profesión de trotamundos, e di Moncho que se tivera que volver marchar, que polo momento non é o caso, “botaría de menos que Compostela ten todo o bo das grandes cidades e nada do malo, así llo digo sempre aos meus xogadores. Ese estilo de vida fai que noutros sitios non sexa tan doado, por exemplo, decidir ir ao cine dez minutos antes, ou quedar para unhas cañas improvisadas…A comodidade que ten esta cidade botaríase de menos, a forma de vida”.

O interesante se queres falar da cidade cunha persoa como el é a súa ampla perspectiva. Non todo o mundo pode facer case que un estudo sobre o que opinan os foráneos de Santiago, excepto que cada vez que volves das túas vacacións de verán coñezas a xente nova no traballo. “Á xente de fóra sempre lle chama a atención a gastronomía, todos quedan alucinados coa comida galega, ademais da historia da propia cidade”, sostén Moncho, que di sentirse “ben orgulloso cando falan do bonita que é”. E apunta que “tamén hai que falar das distancias porque para un xogador americano as distancias aquí son unha broma. Se quere ir ao mar está a un paso. Para min ir a Noia case me queda lonxe e para eles 25 minutos en coche non é nada”.

Se non fora adestrador, Moncho podería ser moitas cousas tendo en conta as súas afeccións tan cultivadas. E non pregunto que sería, porque o máis probable é que fora  profesor de Xeografía e Historia, que é o que é. 

Non sempre un adestrador da máxima categoría do baloncesto español pode ser anfitrión para os de fóra e non sempre pode tecer dende ese posto lazos especiais cos de aquí. Pero Moncho si. E cada cousa que di dá mostra desa situación: “quedar, por exemplo, con xornalistas fóra do traballo cando finaliza a tempada e xa non me cubran é para min un reflexo do que é Compostela, que ao final xuntámonos todos”. 

Coincido. Un bonito reflexo de Compostela, da nosa esencia e forma de vida. E se, como dis, Compostela é comodidade, ponte cómodo e a gozar dunha nova tempada aquí. Vémonos en calquera sobremesa.

Ir de viños ou de cañas?
Depende o momento. Cando estou na praia gústame máis tomar unha caña e cando estou comendo podemos tomar unha caña primeiro e viño despois.

Es moito de praia entón?
Gústame ir, pero tampouco son 'playero'.

Café?
Moito. Só, sen leite e sen azucre. Varios ao día, ao erguerme, ao chegar ao traballo, a media mañá, despois de comer…3 ou 4 ao día.

Patacas ou olivas como aperitivo?
Olivas (obviamos toda a conversa xurdida ao redor deste froito porque Moncho viviu polo sur).

Con quen quedarías a comer?
Con Fred Vargas (Fréderique Audoin-Rouzeau). Unha licenciada en Historia e escritora francesa. Encántame como escribe.

Cando quedamos con Moncho para esta reportaxe díxenlle que non iamos falar de baloncesto. Normal que cando arrinquei coas dúas primeiras preguntas case pedira tempo morto. “Van dúas de dúas…” dixo. E rimos.

Como te sentes coa renovación?

Estou moi contento, claro. Farei 13 anos no club. Aínda que agora xa non teño moita sensación de ledicia, xa pasou a celebración e xa estou máis na responsabilidade propia do cargo, estamos a traballar na confección do equipo primeiro e na planificación da pretemporada, xa non é tempo de mirarse ao espello e de celebración. Estou totalmente inmerso no traballo.

Cada ano é case comezar de novo. Sentes ilusión?

Si, afronto unha nova tempada con ilusión. Adestrar na máxima categoría do baloncesto español e das mellores competicións do mundo, facelo na miña casa, no Obradoiro, todo é positivo. O día no que sexa aburrido ou non me guste isto terei que deixalo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.