CulturON: Máis de 2.500 actividades nun verán galego moi cultural
Cada día, en cada recuncho de Galicia pódese gozar este verán dalgunha proposta cultural grazas á programación impulsada pola Xunta de Galicia, que mobiliza para este fin 4M€. Cine ao aire libre, teatro e música en espazos patrimoniais, maxia, circo, contacontos, exposicións, visitas guiadas…. En total son máis de 2.500 iniciativas -para todos os públicos e repartidas por todo o territorio- que se están a desenvolver nestes meses baixo o lema A cultura de Galicia é un CulturON
Exposicións
Prográmanse 60 exposicións con máis de 200 actividades asociadas, como visitas guiadas e divulgativas ou obradoiros familiares e infantís nos museos. Falamos, por exemplo, de Luz na Terra. Seminario de Estudos Galegos: unha institución de alta cultura, unha das grandes mostras do ano, comisariada por Ramón Villares que conmemora o centenario da institución a través de fotografías, publicacións, manuscritos, bosquexos de debuxos, e mesmo a súa acta fundacional.
Atópase na Cidade da Cultura de Galicia, onde tamén recala unha das exposicións conmemorativas do 30 aniversario do CGAC. Trátase de Traballo en equipo. 30 anos do CGAC, a dobre cita expositiva na que o propio Centro Galego de Arte Contemporánea e o Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura xuntan esforzos. No CGAC ofrécese un itinerario expositivo artellado entre a planta baixa e o soto, con pezas da colección e algunhas outras en préstamo e no Museo Centro Gaiás obras de gran formato con algúns dos temas do mundo contemporáneo como a ecoloxía, o feminismo, o poscolonialismo ou a arquitectura.
Tamén se pode visitar na Coruña A Coruña no tempo, que convida a descubrir a historia e identidade da ciudade nunha mostra que afonda no seu papel decisivo na cultura urbana galega, no marco do gran proxecto expositivo Cidades no tempo.
Música, artes escénicas e cine
Máis de 400 concertos e festivais de música, artes escénicas ou cine, preto de 300 funcións teatrais e case un milleiro de actividades nas bibliotecas galegas completan as propostas con iniciativas como o programa de dinamización do rural galego Territorio Cultura, que celebrará preto de medio cento de espectáculos, ou as actuacións do circuíto Cultura no Camiño con artes escénicas e musicais en 88 municipios. Non faltarán as iniciativas de teatro e danza, como o circuíto de teatro afeccionado de Fegatea con 80 representacións ou o programa de música e baile tradicionais Danza 3 que se achega a máis dunha decena de concellos con Xacarandaina, O Fiadeiro e Cantigas e Agarimos.
Para gozar de cine en galego ao aire libre, Redecinema proxecta 18 filmes durante este verán noutros tantos concellos: Cuñados, Melancolía, A Galiña Turuleca, A illa das mentiras, Engurras, Eroski-paraíso, Jacinto e O que arde. Ademais, apóianse ao redor dunha decena de ciclos e semanas de cine nalgún dos 13 cineclubs galegos en colaboración coa Federación de Cineclubs de Galicia.
Familiar
Espectáculos, monicreques e mesmo unha exposición que percorrerá distintos concellos da Rede de Dinamización Lingüística veñen da man de Falaredes que terá máis de 60 pases con actividades. Entre elas, Os Bolechas deportistas viaxan no tempo, que visitará 15 concellos co obxectivo de fomentar o uso da lingua galega no deporte e os hábitos de vida saudables entre a rapazada; ou O circo do silencio, un “scape room” ou sala de fuxida ambientada nunha carpa circense instalada na rúa para resolver un misterio en equipo.
As bibliotecas públicas da rede que coordina a Xunta de Galicia contarán con máis de 800 de actividades de dinamización da lectura ao abeiro do programa Ler conta moito con contacontos, monicreques, actividades musicais ou audiovisuais. A furgoteca, o servizo de bibliotecas móbiles en 20 concellos das provincias de Lugo e Ourense, propón actividades como obradoiros de alfabetización dixital, escape rooms literarias, contacontos ou actividades vinculadas á escritura creativa e ilustración.
Ademais, no eido das letras, o circuíto de Feiras do Libro impulsado da man da Federación de Librarías de Galicia fará parada en agosto na Coruña, Viveiro, Foz e Monforte de Lemos. En no referido ao patrimonio, celebraranse distintas visitas divulgativas ás últimas intervencións realizadas.