Máis dunha vintena de locais coruñeses participan nas xornadas gastronómicas ‘A Coruña, que bonito!’
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, presentou a primeira edición das xornadas gastronómicas ‘A Coruña, que bonito’, una iniciativa organizada polo Concello da Coruña con tres claros obxectivos: poñer en valor a excepcional calidade do bonito, potenciar a competitividade do turismo gastronómico na cidade e apoiar o sector da restauración. En total son 26 os establecementos que desde o 16 de xullo e ata o 18 de agosto, ofrecerán nos seus menús pratos co bonito da Lonxa da Coruña como protagonista.
Participaron tamén nesta rolda de prensa Juan Carlos Corrás, presidente da Lonxa da Coruña, Álvaro Victoriano, presidente de Coruña Cociña, e Víctor Fernández, do restaurante Pedra Furada.
Gonzalo Castro agradeceu aos chefs a súa unión nesta campaña xa que “é unha acción que suma ao éxito turístico da nosa cidade, que continúa consolidándose como un dos mellores destinos para visitar a nivel nacional e grazas, precisamente, á nosa gastronomía”. O edil tamén subliñou que estas Xornadas Gastronómicas “forman parte das medidas postas en marcha polo Goberno de Inés Rey para impulsar eventos gastronómicos que contribúan á potenciación do turismo ofrecéndolles produtos de calidade e proximidade”.
O bonito da Lonxa da Coruña será o auténtico protagonista destas xornadas e os comensais poderán degustar a súa preparación en 26 establecementos da cidade: Restaurante A Mundiña, Atípico, Cantón 23, Charlatán, Cícero, Chícharo, Culuca, Golosía, Greca, La Con Fusion, La Teresa, Lola Kitchen, Mesón de Herves, Miga, Millo Orzán, O Lagar da Estrella, Pablo Gallego, Peculiar, Pedra Furada, Pracer, Pulpeira de Melide, Salitre, Taberna 5 Mares, Taberna da Tabacalera, Ultramarinos Galera e Vinoteca Jaleo.
Para as Xornadas Gastronómicas ‘A Coruña, que bonito!’ cada local participante ofrecerá unha proposta diferente e algúns pratos poderán acompañarse dunha maridaxe da cervexa 1906 recomendada por Estrela Galicia, entidade colaboradora.
Estas son as propostas:
A MUNDIÑA: Bonito adubado, sopa de allobranco e tomates cherry pasificados.
ATÍPICO: Bonito, escabeche de cenorias, grosellas e espinaca fresca.
CANTÓN 23: Bonito encebolado con piparras fritas.
CHARLATÁN: Bonito curado en auga de mar, gazpacho de cereixas e menta chocolate. Recomendada maridaxe cunha 1906 Black.
CÍCERO: Bonito con guiso de lentellas estufadas. Recomendada maridaxe cunha 1906 Milnueve.
CHÍCHARO: Tataki de bonito, ponzu de cereixas e algas escabechadas
CULUCA: Bonito á brasa con escabeche de cenoria
GOLOSÍA: Bonito sobre verduras de mar e terra. Recomendada maridaxe cunha 1906 Milnueve.
GRECA: Lombo de bonito curado con gazpacho de cereixa
LA CON FUSION: Bonito con pisto, Marmitako ou rolo recheo (3 opcións diferentes)
LA TERESA: Tartar de bonito con manga e piñóns. Recomendada maridaxe cunha 1906 Milnueve.
LOLA KITCHEN: Fideuá de mar con bonito do norte no kamado. Recomendada maridaxe cunha 1906 Pelirroja.
MESÓN DE HERVES: Taquiños de bonito adubado con salsa ponzu, tartar de bonito con shichimi ou lombos de bonito con marmelada de tomate, chícharos e allo (3 opcións diferentes)
MIGA: Bonito do norte asado, allobranco, cebola asada e piparras fritas. Recomendada maridaxe cunha 1906 Milnueve.
MILLO ORZÁN: Bonito e tomate. Recomendada maridaxe cunha 1906 Pelirroja.
O LAGAR DA ESTRELLA: Bonito asado, tomate frito caseiro, zume de bonito e piparras frescas fritas. Recomendada maridaxe cunha 1906 Milnueve.
PABLO GALLEGO: Albóndegas de bonito ou tronco de bonito con sésamo e pistacho. Recomendada maridaxe cunha 1906 Milnueve.
PECULIAR: Gazpacho de tomate verde con bonito curado. Recomendada maridaxe cunha 1906 Pelirroja.
PEDRA FURADA: Tataki de bonito, escabeche de cenorias, emulsión de xenxibre, xalapeño e alfábega. Recomendada maridaxe cunha 1906 Red.
PRACER: Tataki de bonito curado, allobranco de anacardio e albaricoque afumado. Recomendada maridaxe cunha 1906 Milnueve.
PULPEIRA DE MELIDE: Tartar de bonito e ovo frito.
SALITRE: Bonito adubado en remolacha e cítricos. Recomendada maridaxe cunha 1906 Milnueve.
TABERNA 5 MARES: Bonito medio asado con escabeche emulsionado e vinagreta de tomate e piparras.
TABERNA DA TABACALERA: Tartar de bonito e manga ou bonito á brasa con salsa bilbaína.
ULTRAMARINOS GALERA: Bonito adubado, remolacha e parmesano. Recomendada maridaxe cunha 1906 Milnueve.
VINOTECA JALEO: Bonito adubado, tomate e cereixas.