#apaparCompostelaGastronomíaNovas

Hamburguesas Doña María, Don Manolo e Doña Rosalía, en A Lareira

Por @JuanEAT_o

@JuanEAT_, a piques de tomar as tres hamburguesas. Foto: Iván Barreiro

Benvidas e benvidos a unha nova festa culinaria no corazón da zona vella de Compostela! A Lareira é un pequeno restaurante que acaba de incorporar novas hamburguesas a unha carta xa de por si moi completa e para todos o padais. Tiven moita sorte porque na miña visita a este local puiden degustar tres tipos diferentes, dúas delas de carne e unha vexetal, acompañadas de cadansúas patacas como guarnición. 

As hamburguesas están feitas nunha grella de carbón, dando como resultado ese sabor como feito na casa, ese afumado que, para min, aporta un sabor extra a este tipo de pratos.

Quen nos segue desde fai cinco anos sabe que teño a miña pelexa persoal coas hamburguesas porque sempre é complicado comelas sen que se espalle todo na primeira dentada. Así que, desta volta, coma tiña variedade para probar, optei por cortalas en catro anacos máis fáciles de degustar.

Comecei pola hamburguesa Don Manolo, con carne gourmet de Angus (podedes pedir polo no seu lugar se o preferides), xamón ibérico, pementos asados, queixo de Arzúa, leituga e tomate. O que máis me gustou é que non destaca ningún sabor por riba doutro, senón que podes saborealos todos en cada bocado. Moi rica. 

Seguín coa hamburguesa Doña Rosalía, tamén con carne de Angus (ou polo, a elixir), queixo de cabra, leituga, tomate, confeitura de froitos do bosque e pementos de Padrón. Gustoume moito a combinación do queixo cos pementos e o toque doce dos froitos de bosque. Sen dúbida, unha moi boa elección se queredes probar a cociña de A Lareira.

Rematei coa hamburguesa Doña María, con cebola frita, tomates secos, leituga, queixo San Simón, cogomelos salteados e salsa de mostaza e mel. Foi a que máis me sorprendeu de todas porque non estou afeito á comida vexetariana ou vegana e, sen embargo, o seu sabor resultoume delicioso e a sensación, desfacéndose na boca, marabillosa.

Como vedes, desta volta a papatoria foi ben boa! Saín da Lareira co bandullo cheo e feliz! 

DATOS

Lugar: Rúa de San Clemente, 2 - Santiago de Compostela

Prato: Hamburguesa Doña María, Don Manolo e Doña Rosalía 

Prezo: 9,90 € cada unha 

Valoración: 8 estrelas

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.