fbpx

Isabel Neira, de Atalanta Madera: “Cambiamos o foco dos pratos de madeira relacionados só co polbo”

Por Silvia Castiñeiras

Fotos cortesía da Fundación Pública Artesanía de Galicia.

Isabel Neira, torneira responsable de produción de Atalanta Madera Artesana, vén de familia de torneiros. No negocio familiar en Berres (A Estrada) traballábase fundamentalmente para as fábricas de mobles, carpintarías, ebanisterías… sen deixar de dedicarse tamén aos utensilios de cociña, sobre todo pratos de madeira que foron evolucionando coas novas xeracións.

Como foron os teus comezos?

No 98 miña irmá propuxo novas ideas como pechar nós o ciclo da madeira producindo artigos de iluminación e pequenos mobles auxiliares. Aí creamos a marca comercial Atalanta Madera Artesana, centrada na decoración. Eu metinme de cheo a partir do 2001, cando aprendín a tornear. Encantoume. Co tempo volvemos á idea das pezas en madeira para a cociña, pero cambiando o foco para fuxir do que eran simplemente os pratos para o polbo.

Que tipo de pezas saen do voso obradoiro?

Con ese obxectivo de preparar pratos que se puideran usar para calquera cousa como se usan os de cerámica, fabricamos pezas moi finas con madeira de bidueiro e puxémoslle cor. Vernizamos cun acabado apto para o uso alimentario, de maneira que os nosos pratos se poden lavar como calquera outro. Despois, tamén se nos ocorreron outro tipo de utensilios como é o quebranoces, que chama moito a atención, as espátulas ou as palliñas reutilizables de madeira de sabugueiro.

De aí a vosa relación co mundo da restauración?

Si. A nosa relación coa hostalaría comezou porque lles empezamos a levar propostas para que souberan de nós e da nosa produción. Así foi como algúns restaurantes que querían servir en pratos diferentes nos empezaron a pedir material. Un exemplo é A Casa dos Xacobes, en Santiago, que parte da súa vaixela de cores é nosa. Outros restaurantes acoden a nós xa cunha idea a ver se a podemos executar, como Pepe Solla, que tiña a idea dun deseño específico.

Unha curiosidade é que por mor da pandemia ata gravamos códigos QR na propia madeira dos pratos.

Que vos supón contar coa marca Artesanía de Galicia?

Danos visibilidade, algo moi importante de cara, sobre todo, ao mercado exterior. De feito, grazas a unha das feiras internacionais ás que fomos con Artesanía de Galicia estamos a vender o noso quebranoces en Londres con moito éxito.

Onde se poden mercar as vosas pezas?

Na web atalantamadera.es, no noso obradoiro en Berres (A Estrada), ou en tendas como Boles e Merlín e Familia, en Santiago.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.