fbpx

QUE VIDA! Salpicando Faragullas con Recendo Sixties Mod!

Por César Varela, de Plástico Elástico 

Foto: Casablanca

Pois si! Que vida esta! Menuda movida! Ultimamente non levamos máis que trompazos e algunha que outra alegría! Pero estas últimas as xustas! O venres 13 de maio, fóisenos a Gran TOÑA DA SILVA de Discos Fans, vítima do maldito cancro. Fermosa rapaza que sempre apoiou a escena local de bandas subterráneas na súa clásica tenda de discos da Rúa do Hórreo (SCQ). En fin… Apesarados estamos pola súa morte! Precisamente, hai uns meses, pensei en escribir un artigo sobre ela nestas páxinas e púxenme en contacto, pero ela era moi tímida, ou iso me fixo ver, e non quería ser enfocada pola cámara do noso fotógrafo, polo que a fun pospoñendo e ao final, fóisenos sen dedicarlle un artigo, así que, aquí van estas liñas, de todo corazón, TOÑA. Ás veces, parece que hai que morrer para que te valoren… E non o digo só por ela! Podería falar de moitos amigos máis, que levaban o Rock no Sangue e a raíz da súa desaparición brillan coma estrelas no firmamento. Pero case mellor me estou caladiño e non saco trapos sucios a relucir… Que triste! En fin! Que vida! Moitísimas grazas Toña, por todo o que fixeches pola música! Sempre me lembrarei de ti e do resto dos mártires do Rock!

Pero hoxe non me apetece chorar, así que imos falar de movidas positivas! Como dicía Julio Iglesias: La Vida Sigue Igual!!! e aí vamos! Continuaremos loitando polo Rock, até a extramaunción!

A propósito de todo isto, ‘Que Vida!’ é o nome dunha nova formación compostelá. Vellos terrícolas do submundo do Pichel, que despois de moitos anos de rodaxe, por separado, decidiron dar forma a unha

Foto: Alexis Rey @alexeyer

nova banda, que mestura o rock psiquedélico co blue eyed soul e o freakbeat, estilos derivados da cultura mod dos anos sesenta. ‘Que Vida!’, que tamén é o título dunha canción dos míticos Love, está composto pola cantante Cristina Fuentes, o baixista Alfonso Espiño, o guitarrista Manu Gómez, a teclista Iria Iglesias e o batería Fredi Miserable, todos eles experimentados músicos procedentes de agrupacións coma Alén, Espiño, Sinestesia, The Funkles ou Karabogaz. ‘Que Vida!’ formáronse en xaneiro de 2022 en torno a un repertorio composto por clásicos da psiquedelia rock británica e americana, ao que están engadindo temas propios. Do seu directo pódense agardar boas vibracións, potente enerxía e grandes doses de emoción e sentimento, tan necesarios para os convulsos tempos actuais.

O seu repertorio coveriano abarca dende un instrumental acid soul de Keith Mansfield “Queen St. Gang” até un tema punk de Tom Robinson “Long Hot Summer”, pasando por cancións dos queridos Shocking Blue ou cousas freakbeat de Les Fleur de Lys con Sharon Tandy, “Sunshine” de Fay Hallam, “Indian Rope Man” de Julie Driscoll, Brian Auger & The Trinity, “Coming Down” de The United States of America ou “He Did It” das Detroit Cobras… 

Respecto ás composicións propias da banda, polo de agora estrearon unha canción que empezou Cris e que remataron no local de ensaio, chámase “If You Go”. Alfonso está rematando de compoñer outra que se chama “Cornucopia” e teñen varias máis en camiño. Cris tamén adaptou ao galego o “Pictures of Lily” de The Who (Fotos de Lili), que tocaron por primeira vez no Casablanca, no que foi o seu concerto debut, o pasado 7 de maio, aínda que xa se estrearon antes en formato cuarteto, o 12 de febreiro, na Casa das Crechas, acompañando aos Barbitúricos.

Que nos deparará o futuro? A saber! Esperemos que menos soro e máis tequila! De momento, estes composteláns posiblemente se deixen caer en breve polo sur do país e igual ata chegan a gravar un E.P. con temas propios e algunha versión. E o resto, a desfrutar da vida! Todos a beber y a follar que son dos días! Que Vida!!!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.