fbpx
A CoruñaCompostelaCulturaGastronomíaNovas

Pincha celebrou o seu 7º aniversario cunha festa libre de glute

A revista de gastronomía e cultura Pincha celebrou o seu sétimo aniversario cunha festa libre de glute este martes, 21 de maio, na que reuniu a protagonistas das súas páxinas, persoas colaboradoras, anunciantes e representantes de diferentes institucións.

Coincidindo coa publicación do número dedicado á oferta para persoas celíacas na hostalaría coruñesa, a revista organizou, xunto co estudo creativo de comunicación Lenzo, un evento no que se serviron petiscos cen por cen aptos para persoas celíacas. ‘Porque sen glute tamén hai festa’ foi o lema desta foliada na que colaboraron a Asociación de Celíacos de Galicia (ACEGA), o restaurante Sicilia in Bocca, a tenda sen glute La de Rosi, Cinzano e Aperol.

“Cremos que é importante que a hostalaría se comprometa con ser un sector cada vez máis inclusivo, no que se teñan en conta todas as sensibilidades. Na maior parte dos eventos, as persoas celíacas ou ben non poden comer nada ou, con sorte, teñen un prato á parte. Incluso moitas veces nin se atreven a probalos porque non poden estar seguros de se son verdadeiramente sen glute. Desta vez, quixemos facer algo para elas. Un evento no que demostremos que sen glute, tamén hai festa”, sinalou a directora da publicación, Rebeca Munín. A xornalista amosou o seu agradecemento a todas as persoas que traballan na revista, así como aos anunciantes e lectores e lectoras, que fan posible que o proxecto siga adiante.

A directora de Pincha, Rebeca Munín, durante a súa intervención.
A directora de Pincha, Rebeca Munín, durante a súa intervención.

Revista Pincha

Pincha comezou a súa andaina en maio do 2017 en Santiago de Compostela e, desde novembro do 2022, publícase tamén na Coruña. En total, xa leva editados 50 números nos que amosa, en galego, a riqueza gastronómica e cultural de ambas as dúas cidades e as súas zonas de influenza.

A revista en papel distribúese de xeito gratuíto en bares, restaurantes, centros socioculturais e outros puntos de interese das dúas localidades. Ademais, ofrece informacións relacionadas coa cultura e gastronomía locais na páxina web revistapincha.gal e nas redes sociais Instagram, Facebook e X.

7 sorteos 

Para continuar coa celebración deste sétimo aniversario, Pincha realizará 7 sorteos no seu perfil de Instagram para agasallar aos seus seguidores e seguidoras con:

  1. Unha cesta de produtos sen glute de ACEGA valorada en 100 euros.
  2. Un lote de produtos de Aperol/Cinzano.
  3. Un vale de 50 euros para o restaurante Lola Kitchen.
  4. Un vale de 50 euros para o restaurante de Pablo Gallego.
  5. Un vale de 50 euros para a tenda de roupa e complementos Souk Concept.
  6. Cinco vales de 10 euros para gastar no Feirarrúa que organiza a asociación Soho Orzán do vindeiro 1 de xuño.
  7. Un lote de libros da libaría de segunda man Arcadia.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.