Como fotografar croquetas
Por Antonio Sanjurjo
As croquetas son un dos pratos máis populares no mundo, e por unha boa razón. Este prato simple pero saboroso é relativamente sinxelo de preparar e pode servir como aperitivo, prato principal ou incluso como guarnición.
Para este artigo, imos ver como facer fotografías deste prato tan popular. Vou amosarte un esquema de iluminación que podes facer de xeito sinxelo para retratar as túas croquetas e que a túa audiencia non deixe de salivar.
Para facer esta fotografía empreguei unha cámara DSLR e dous flashes, pero pola simple razón de que este equipo forma parte do meu xeito de traballar habitual, ben a poderías facer cun móbil e dúas luces continuas.
O primeiro que debes seleccionar é un espazo n dentro do local que te permita obter unha boa composición para a fotografía. Neste caso, eu busquei un fondo que contrastara cos pratos que ía fotografar, así que puxen unha mesa do local diante dunha das columnas que se distribúen pola superficie de Malte. Se non vas empregar luz artificial, podes buscar un lugar onde la luz do sol ou a luz ambiente se adapten ao tipo de imaxe que desexas capturar.
A continuación, coloca a luz principal. Esta luz debe estar nun ángulo de aproximadamente 90 graos con respecto á cámara e iluminar as croquetas. Podes empregar un flash cun difusor, coma fixen eu, ou una luz continua cunha tea branca diante para iluminar a escena. Tamén empregaremos unha luz de contra ou de recorte. Esta luz de colocarémola directamente detrás das croquetas apuntando á cámara, xa que axuda a separar o suxeito do fondo e proporciona un efecto de profundidade na imaxe. Tamén pode axudar a destacar os bordes das croquetas e darlles un aspecto máis definido.
Unha vez que teñas as luces no seu lugar, axusta a exposición e a configuración da cámara segundo sexa necesario. Terás que axustar a velocidade de obturación e a apertura para obter a exposición correcta en función de se pretendes facer a fotografía con flash, luz continua ou luz natural.
Neste diagrama podes ver como puxen as luces con respecto ao suxeito -neste caso hai que imaxinar que as flores son o prato-, como ves, un dos flashes amarreino a unha cadeira cun trípode JOBY GorillaPod.
Mentres que Aitor Artetxe -un dos chefs máis simpáticos e profesionais que se poden atopar en Galicia- preparaba as croquetas, eu fixen unha proba de luz empregando un estoxo con ferramentas que tiña a man, e coma podes ver, é importante facelo xa que me permitiu ver varias cousas:
- Estábase metendo parte da luz directamente na lente, quitando contraste e xerando un halo moi desagradable na toma, co cal despracei o flash un pouco máis cara a esquerda.
- Tiña que limpar o polvo da mesa, aparentemente a superficie estaba limpa, pero o flash resalta todo!
Unha vez feita a fotografía cheguei á conclusión de que non me gustaban varias cousas:
- O prato reflectía na mesa, así que tiña que cambiar a posición da cámara ou da luz, e a luz gustábame, polo que xirei un pouco a cámara.
- Aínda que a idea de poder ver parte do local gustábame en orixe, na composición non me convencía de todo.
- Gustábame unha luz máis dura dende o fondo, coma se o prato estivera iluminado por unha luz que alguén deixou prendida por erro ou por casualidade.
Para solucionar estes problemas, cambiei de ángulo a mesa, deixando as luces na posición orixinal, e ao mesmo tempo, como dixen antes, optei por variar lixeiramente a colocación da cámara deixándoa finalmente na posición que podes ver neste diagrama.
Tachán! Se non te dan gañas de devorar eses pedaciños de ceo esféricos tes algo dentro que non funciona ben! Bromas á parte, este esquema é moi sinxelo e moi agradecido para moitos tipos de prato.
Aproveitando que xa tiña o esquema de luz correctamente colocado e que Aitor estaba súper disposto a traballar, saquei unhas magníficas gyozas que, ao estar situadas nun prato máis fondo non se marcaban as siluetas tanto coma as croquetas coa luz de recorte. Así que lle baixei intensidade.
É isto un problema? En absoluto, se quixera conservar o recorte bastaría con cambiar a posición da segunda luz, empregar un 'snoot' ou poñer no prato doutra maneira, pero se falaramos de todos estes puntos hoxe... que nos quedaría?
Lembra que a fotografía é unha arte, polo que non hai unha fórmula única para conseguir a imaxe perfecta. Proba diferentes ángulos e axustes de luz ata que obteñas la imaxe que ti buscas. Non dubides en amosarnos o resultado das túas prácticas etiquetándonos en Instagram coas etiquetas #afocolento e #aprendeconpincha, e se tes algunha dúbida ao respecto podes escribirnos a ola@revistapincha.gal
// Restaurante
Malte
- Croquetas de queixo azul e espinacas
- Gyozas de lacón á feira
Praza das Atochas, 18, 15001 A Coruña