fbpx
#SomosCoruñaA CoruñaGastronomía

A Empanadería, onde as empanadas artesás son as raíñas

Por Rebeca Munín

Sabes eses días nos que che encanta o teu traballo? Unha das últimas veces que me pasou a min foi cando visitei o local A Empanadería, na rúa Vicente Ferrer, fronte ao Mercado de Elviña e os Novos Ministerios da Coruña. Alí puiden probar unha empanada de atún que te deixa como un Pepe! Unha delicia, ben cargadiña, cunha masa fina, coa cebola integrada de xeito que notas o sabor pero non a atopas... Unha auténtica delicia! E si, quero darvos envexa porque un manxar coma este, tan noso e feito con tanto cariño e esmero, ben merece que  corrades a por el!

Os seus artífices son un pai e unha filla, Enrique e Laura Rivera, que en xullo do 2020 decidiron poñer en marcha este negocio no que as empanadas ían ser as protagonistas.

A idea xurdiu cando o proxenitor, despois de toda unha vida sendo cociñeiro e vendo que este era o seu prato estrela en todos os restaurantes nos que traballou, pensou que era o momento de abrir o seu propio negocio. Farto de que nas panaderías as empanadas fosen sempre un produto secundario, el tiña claro que no seu obradoiro, elas ían ser as raíñas.

De seguido o proxecto, ao que se uniu a súa filla que tamén estudara cociña, empezou a chamar a atención da clientela. O truco? Que son únicas. “O segredo para que gusten tanto penso que é o traballo, o esforzo, a constancia, o sacrificio... Pasamos aquí moitísimas horas. E sobre todo porque é artesanal, feito a man, unha a unha, non hai unha empanada igual a outra. Cada unha ten unha forma porque queremos que a xente note que foi feita por mans, non por máquinas. E tamén porque traballamos con produtos de moita calidade, usamos unha masa finiña e crocante á vez, un recheo abundante, unha cebola moi feita pero sen aditivos...”, explica Laura.

Máis dunha vintena de variedades
O negocio arrancou hai case catro anos e desde entón o balance non pode ser máis positivo. “A aceptación sempre foi moi boa e estamos vendo que cada ano vai a máis. A verdade é que o boca a boca dá medo porque veñen con moi altas expectativas”, comenta Laura timidamente entre risos. “Pero por agora sempre as cumprides, non?”, pregunto xa convencida. “Si, sempre intentamos manter a calidade e que non se leven unha decepción. Non queremos defraudar a ninguén”.

A oferta de empanadas coa que contan actualmente é moi variada. Máis dunha vintena de propostas que inclúen a de zamburiñas, de luras en tinta, de polbo con gambas, de chicharróns con queixo de Arzúa, de grelos... Pero a que máis triunfa, como non, é a de atún. “É a favorita para todos os que traballamos aquí, menos para meu pai, que prefire a de berberechos!”, admite cun sorriso. Ademais, sempre andan a darlle voltas á cabeza buscando novos sabores e se algún cliente ten algunha petición especial, tamén poden facelo. “Na medida das nosas posibilidades”, aclara a cociñeira.

Procuran ademais que os prezos sexan ben xeitosos e venden ao peso, as empanadas enteiras ou ao corte. “Así cada un paga polo que leva. Un produto de moita calidade a un prezo sensato”, explica. Tamén poden mercarse na súa tenda online, na web aempanaderia.com, con reparto só na Coruña.

Na seu local atopamos ademais todo tipo de comida para levar que elaboran a diario. “Intentamos ofrecer pratos distintos cada día, sempre unha carne e un peixe, unha pasta e un arroz”, indican.
Ata alí acoden non só clientela do barrio, senón doutros puntos da cidade. “Notamos que vén xente doutras zonas da Coruña ata aquí só para mercar empanadas. Moitísima. É unha pasada”, afirman. E incluso turistas, sobre todo no verán, ou xente que vai viaxar e quere levar un detalle a quen vai visitar.

Antes de marchar, lanzo unha última pregunta: “E logo, por que será que este prato galego gusta tanto?”. “Eu creo que sobran as palabras. Simplemente hai que probala”. Amén.

As mans de Enrique Rivera dando forma a unha das súas saborosas empanadas. Foto: Iván Barreiro
As mans de Enrique Rivera dando forma a unha das súas saborosas empanadas. Foto: Iván Barreiro

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.