Crusat & CostasGaliciaGastronomía

Crusat e Costas: Viva La Vid-A

Naceu unha Estrela

Por Lorena Costas @lorena_costas

Ola de novo, querid@s Pincheir@s! Xa sabedes que gustamos de transgredir un pouco as normas e apostamos por viños diferentes, feitos dun xeito diferente e un tanto a contracorrente.

Pois ben, hoxe é a quenda dun tinto nun mundo de brancos. Coma se fora unha especie de apartheid vínico, sucede algo curioso nas Rías Baixas: o que fai cen anos era o máis habitual, isto é, as castes tintas, pasou a ser algo residual nos tempos modernos. Variedades como a Caíño Tinto, a Loureiro ou a Espadeiro foron relegadas pola hexemonía branca da Albariño.

Isto nos contan os irmáns de Lagar da Costa, unha adega con máis de cen anos de historia, situada en Castrelo, na subzona do Salnés, o noso particular Grand Cru no que ás Rías Baixas se refire. A súa familia dedicábase ao campo e á horta, producindo millo, patacas e tamén viño, pero de xeito minoritario. Co tempo fóronse metendo máis na viticultura e a día de hoxe é o seu xeito de vida, posto que tamén se dedican ao enoturismo e contan cunha fermosa casa rural á que podedes ir (e de paso beber bos viños).

Volvendo ao tema das castes tintas, Sonia cóntanos que o viño que se bebía na casa todos os días era o Espadeiro, mentres que o Albariño só se consumía nos días de festa. Pouco a pouco a historia mudou ata converterse o Albariño no 95% da súa produción. Así foi como comezaron a súa andaina comercial alá polo 2001, incorporando a adega á D.O. Rías Baixas.

Paralelamente a isto, eles seguían facendo o tinto para consumo doméstico, pero tiveron unha visita do seu importador de Nova York hai máis de 12 anos e o pai de Sonia, un gran amante da Espadeiro (da que vos falará Crusat), deulle a probar a este home o seu favorito. Sorprendentemente encantoulle e xurdiu daquela a posibilidade de embotellalo e comercializalo para que o importador puidese levalo a EEUU. E así foi como naceu este Viva la Vid-a, un viño que actualmente se vende non só en Nova York, senón tamén en Nova Zelanda, Dinamarca, Australia... un viño da casa que pasou a ser internacional, froito dunha mera casualidade.

E nós tamén celebramos este “nacemento dun tinto entre brancos”, como reza a etiqueta, traéndovos este fantástico viño 100% Espadeiro, Vida la Vid-a 2018, do que se fan moi poucas botellas e fóra de D.O. Non esperedes moito a mercalo! Ademais, están a elaborar unha versión escumosa... Desexando estamos de catalo!

O verán xa chegou, xa chegou, xa chegou (ler con musiquiña)

Por José Crusat @choumimx

Viva La Vid-A é un viño elaborado coa uva espadeiro da zona do Salnes, aínda que non amparado pola denominación. É un deses tesouros ocultos da viticultura galega que acaban saíndo a luz grazas á xente de fóra.

A espadeiro é unha antiga uva tinta que se atopa distribuída principalmente pola costa atlántica galega e mailo norte de Portugal, chegando tamén a introducirse polo Miño arriba cara o Ribeiro e a zona da Ribeira Sacra.

Trátase dunha videira de bo porte, cunha moi boa fertilidade, se ben a produción é máis ben mediana. Prefire chans arxilosos de terra solta, sendo bastante resistente as secas. Require unha poda longa, e é moi resistente ás pragas e enfermidades. A maduración é moi tardía polo que o final do ciclo pode ser complicado coas choivas de outubro. Os acios son de bo tamaño, con bagos de tamaño medio de pel groso e cor vermella intensa ata azulado, polpa sen cor.

En canto ao noso viño, cultívase en emparrados tradicionais con cepas de máis novas de 30 anos e outros moito máis vellas, duns 200 anos de idade. O viño fermenta tento alcohólica coma maloláctica en barricas de carballo francés e posteriormente críase nelas durante 8 meses. Posteriormente embotéllase sen filtrar nin clarificar.

Este viño do que falamos hoxe presenta unha cor cereixa picota, con reberete vermello e de capa medio-baixa, isto é que non ten unha cor profunda. No nariz é un viño de sensación fresca, froita vermella sobre todo framboesa e guinda, notas lixeiramente especiadas. Xa na boca é un viño que confirma a frescura, acidez presente, flores, violetas, novamente esas framboesas e finalmente mineral.

Como xa temos algo de fame, vouvos propoñer un par de pratos con produtos da propios do tempo. Como primeira proposta que vos parece unha ventrecha de bonito á prancha, ou mellor á grella, cun tartar de tomate negro de Santiago e unha emulsión de “piparras”? E seguindo coas piparras, que tal se as fritimos cunha tempura fina, empoadas de “shichimi togarashi”, flocos de “katsobushi” de bonito e unhas ovas de troita.

Como vedes é un viño para desfrutar do verán e dos produtos da época, así que gozade das merecidas vacacións, e bebede moito viño!.

FICHA DO VIÑO:

Adega:
Lagar de Costa
D.O.: Sen D.O.
Variedades:
Espadeiro
Grao: 12º
Colleita: 2018

Prezo: En torno aos 20

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.