GaliciaGastronomíaPola gorxa

Turrón e outros doces de Nadal

Estamos en decembro e chega o mes dos excesos. Os doces de Nadal vólvense produtos habituais nas nosas mesas antes da dieta que sempre prometemos comezar co inicio do ano. Neste número de Pincha imos repasar como denominamos en galego algunhas destas delicias.

O turrón é un dos reis nesta época. Trátase dun doce de forma rectangular, que se elabora principalmente con améndoas, azucres ou mel e ovos. O establecemento onde se elabora e vende chámase turronaría ou turronería.

Outras sobremesas (que non *‘postres’) típicas do Nadal en Galicia son os polvoróns -doce de textura fariñenta, feito con fariña, manteiga e azucre, que se desfai facilmente e se converte en po, ao metelo na boca-, os mazapáns -doce preparado a base de azucre e améndoa moi moída, que se fai moitas veces en forma de figuriñas- ou as roscas de viño -doce en forma de anel, elaborado cunha masa de fariña, manteiga, azucre e canela, aromatizada con viño, que se cobre de azucre glas na súa totalidade.

Curiosidades

  • Sabías que un turrón é tamén un sinónimo de testán? No dicionario da Real Academia Galega indican dúas acepcións para esta palabra, ademais do produto de Nadal: ‘(Animal) que turra ou truca’ e ‘Que porfía nas súas ideas ou actitudes e non escoita razóns, mesmo ante a evidencia de estar equivocado ou obrando mal’.
  • Nos últimos tempos os fogares galegos tamén apostan en Nadal por tomar panetones, un doce orixinario de Italia, en forma de cúpula, elaborado cunha masa fermentada similar á do brioche, á que se lle engade pasas ou froitas cristalizadas.

ONDE PROBALO?

Nas confeitarías e pastelerías atoparás nestas datas infinidade de opcións para as túas sobremesas de Nadal. Nós recomendámosche que en Compostela pases por algunha das tendas de Pan da Moa. Alí elaboran de maneira artesanal mazapáns, turróns, polvoróns, cocadas e panetones, empregando unha coidada materia prima. Entre as súas propostas para estas festas, contan tamén cos orixinais ‘Moscositos’, un biscoito recheo de crema de manteiga tradicional de glasa de chocolate intenso.

Ademais, nos Mercados de Nadal que se organizan este mes por numerosos puntos da xeografía galega nunca faltan os doces típicos desta época. En Santiago, por exemplo, celebrarase do 16 ao 18 de decembro o 11º Mercado da Estrela, distribuído en varios espazos: o Centro Social Abanca na Praza de Cervantes, o claustro procesional do mosteiro de San Martiño Pinario e a Hospedería San Martín Pinario.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.