fbpx
A gorida do artistaCompostelaCultura

María Lapido: “Pinto para coñecer, para saber, para interpretar a realidade…”

Por Inés Silvalde

María Lapido.

As partículas da luz do outono guíanos por un longo corredor do centro de Santiago. Vexo pendurados nas súas paredes cadros de tres autoras diferentes. Todo faime pensar que nesta casa a inclinación pola arte atravesa varias xeracións.

Trasladámonos ao ano 1988 en Curtis. Alí é onde María Lapido pasa os primeiros anos da súa vida. Este pobo ve medrar tamén a María Antonia Dans, artista neoexpresionista que vive a meirande parte da súa vida en Madrid pero que nunca deixou de pintar a esencia galega.

1988, Antonia Dans morre en Madrid. Como unha forma de homenaxe á súa morte, espértase no círculo de mulleres rurais de Curtis un interese por aprender a técnica da pintura dentro das súas actividades lúdicas. No medio do bulicio de lenzos, maletíns de óleos e cabaletes está María, involucrada polas inquedanzas da súa avoa. Como testemuña: fotografías da infancia nas que María aparece debuxando nun segundo plano. A pequena atopa na arte un medio de expresión.

Pasa o tempo e movida pola inclinación de carreiras e disciplinas que auguran un futuro prometedor, proveitoso e “con saída”, transita por unha etapa dun enxeño ermo.

Chegando ao cumio dunha situación insostible, decide deslizarse por debaixo da porta “sen saída”, como un líquido viscoso e elástico, para darlle unha segunda oportunidade ás súas ansias creativas. Toma entón a decisión de matricularse na escola de artes e deseño Mestre Mateo na disciplina de Fotografía. Nese momento sinte que o seu mundo estoupa dándolle unha nova oportunidade á súa faceta artística. Na escola ten a sorte de experimentar momentos con grandes persoas e profesionais coas que debater, compartir e aprender. Ábrese daquela unha xanela a unha nova forma de vida.

Tras rematar o proxecto final, comeza unha etapa na que realiza intervencións pictóricas en fotografías. Unha escusa para volver a coller as témperas, as acuarelas e os rotuladores. Pero a pintura determina trazar o seu propio camiño independizándose do soporte fotográfico. Xorden así mulleres que miran ao fronte, confeccionadas con técnicas mixtas e rodeadas de elementos naturais. A beleza e a arte como ferramentas coas que poñer en tela de xuízo moitas das herdanzas da nosa sociedade. Mulleres que miran ós ollos buscando un diálogo na procura dun mundo máis xusto.

Podemos ver o seu traballo no Clem Café. María intervén cos seus cadros na decoración do espazo de forma integral, xerando un ambiente envolvente e cambiante. Fai pouco puidemos ver as pezas da exposición ‘Improdutivas’. Esta serie ten o fin de dignificar e reflexionar sobre figuras femininas que aparecen de forma pasiva en iconas pictóricos da arte. Agora mesmo vese somerxida en novas creacións a través de medios dixitais. Unha forma de traballo moi semellante á produción tradicional e que pronto poderemos ver neste local da rúa de San Pedro.

Cabe destacar que María é ilustradora de varios libros da editorial Belagua da man de Isabel Blanco por un lado cos libros ‘Galegas nas ciencias’ e ‘Galegas nas artes’; e con Concha Castroviejo, con ‘O xardín das sete portas’.

Volvemos á súa casa. Unha grande mesa de comedor iluminado por unha gran ventá de luz natural é o lugar onde a artista emprega as horas de traballo. Gústalle que o seu “taller” forme parte dos hábitos cotiáns nos que ela e súa nai (outra das autoras dos cadros do corredor) debaten sobre os resultados das pezas nas que está a traballar. Un lugar no que as acuarelas, o olor a café e o rumor do dia a día fan da experiencia de pintar unha forma de vida.

Obra de María Lapido

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.