fbpx
A CoruñaCulturaGastronomíaNovasReportaxesSilvia Castiñeiras

Con elas, de Leria e de copas

Reunímonos con Leria no Cottón Club, un dos negocios de María Martínez.
Reunímonos con Leria no Cottón Club, un dos negocios de María Martínez. Foto: Iván Barreiro

Por Silvia Castiñeiras

Este mes de marzo é o mes das mulleres, por aquelo de que se celebra unha efeméride en concreto, aínda que todos os meses sexan de todas e todos. Porque todos os meses elas sacan adiante os seus traballos, poñen o seu empeño nos seus proxectos, buscan continuar ou comezar novos camiños, rin e choran cos éxitos e decepcións, dedican o seu tempo e esforzo en aquelo que lles dá a vida… Nós, que sempre nos fixamos en Pincha en moitas mulleres, xeralmente polas súas facetas profesionais, pero sempre dende a proximidade do persoal, queremos fixarnos neste número en dous proxectos ben diferentes: un musical e outro hostaleiro. Así que, acompañádenos, que imos de leria e de copas!

Leria, catro mulleres facendo música

Nunca as vin pero imaxino a Mayra e Helena nas rúas da Coruña gozando só con estar facendo o que lle gusta, música, aínda que sexa soas, a viva voz, cunha guitarra e un caixón. Esta é a historia de Leria, e cando falas con elas, que son todo alegría, parece que te contaxias e estás alí na rúa ou tomando algo en calquera bar (así están para falar con Pincha). Así foron os comezos dun grupo que agora xa está máis dentro que fóra e que pasou de dúas a catro, sen perder esa esencia tan natural e espontánea.

Mayra é a vocalista e toca a guitarra. “Helena e eu coñecémonos estudando son na Coruña e eu xa tocaba a guitarra daquela, pero estaba sen ningún tipo de proxecto. A ela encántalle a música tamén e así empezamos a quedar para tocar. Decidimos saír á rúa cunha guitarra e un caixón, así sen máis, ata que puidemos comprar uns altofalantes”, narra sobre as súas orixes.

Xa coñecemos entón a Helena, actual batería. As dúas primeiras compoñentes do grupo din que saían tocar porque “o pasábamos moi ben”. Logo, apareceu Itzi, que estaba noutro proxecto e precisaba xente para un concerto. Cousas da vida, despois foi ela a que se acabou unindo a Mayra e Helena converténdose na baixista. “Eu era cantante na outra banda, foi con elas que empecei a tocar o baixo”, explica.

E é que a todo isto, aí xa empezaron a proporse a formación dun proxecto en serio. Xa eran tres, ata que chegou Andrea co teclado para unha actuación na Mardi Gras e xa non marchou.

Elas son Leria, un grupo musical, pero tamén un grupo de amigas. Unhas rapazas cheas de enerxía con moitas ganas de que as coñezamos, bailemos, cantemos e o pasemos ben.

Os comezos

A miña sensación é que Leria funciona tal cal como grupo, tanto enriba do escenario como fóra del. É por iso que me permito poñer en boca de todas afirmacións que foron xurdindo de cada unha delas durante unha conversa moi animada. Gustoume ese encontro participativo, sen ningunha portavoz, cunha historia contada polas súas catro protagonistas.

A primeira vez que actuaron as catro xuntas foi naquel concerto na Mardi Gras, era marzo de 2022, fai agora xusto dous anos. A partir de aí xa comezaron a chamalas dalgunhas salas e ata hoxe, que sacan disco. Pero diso imos falar máis adiante… “Foron uns comezos humildes, pero é o noso comezo e estamos orgullosas”, recordan.

O do nome vén porque “soábanos ben e parécenos unha palabra bonita. E, ademais, é que nos fai gracia porque péganos bastante, temos moita leria, encántanos falar co público e todo está relacionado”, explican divertidas. E algunha puntualiza entre risos: “imos ter que buscar unha explicación máis profunda para o noso nome”. Pero a min, que tamén me gusta moito a leria, sempre no mellor dos seus significados, encántame a súa elección.

O seu repertorio foise creando pouco a pouco. “Facemos as nosas cancións e cantamos cen por cen en galego. Foi algo que naceu de maneira natural, non que nos propuxeramos e forzaramos. Encántanos escribir en galego e naceu así, sen máis”, aclaran sobre as súas letras nas que todas participan.

O seu estilo

Seguindo co tema da lingua, todas están de acordo na importancia de que “co noso idioma pódese facer calquera música, non só o que soe a folk”. “O galego serve para tocar todo, sen fronteiras de estilo musical, así que tocamos todos os paus”, explican neste senso.

Catro mulleres formando unha banda e cantando en galego. “Hai poucos grupos de mulleres completamente e xa non en Galicia, en xeral. Si hai moitas cantantes, pero un grupo no que tocan todos os instrumentos as mulleres non hai tanto”, relatan.

Explican que se se teñen que englobar nalgún estilo é no indie rock, pero ademais de canción estilo indie, din, “temos algunhas máis folk, outras máis rockeiras e incluso máis intensas. Facemos tamén música para cantar e estar de festa. O que nos gusta é facer música divertida”.

E inda que o público aínda as está a coñecer non queren acoutarse a ningún perfil. “ A nosa música é para todos e todas e incluso para público infantil”, destacan.

Referentes femininas

Ver ao grupo Ginebras, constituído tamén por catro mulleres, nun concerto en Madrid foi “moi inspirador para nós”. Recordan este momento cando lles pregunto por algún referente, porque o bonito disto tamén é admirar ás demais e aprender. Que non se diga que as mulleres non se apoian entre si. “Gústanos tamén o tradi e a fusión que agora ten tanto éxito e somos as primeiras admiradoras de xente como Tanxugueiras ou Fillas de Cassandra, pero tamén nos gusta moito o indie”, relatan mentres escoito a voz dunha delas que di “o concerto de Tanxugueiras no Coliseum foi espectacular!”.

Neste repaso pola súa música de referencia non se esquecen de Sés, pola que senten admiración. “Inspíranos moito como muller e con esa maneira de cantar e a forza que ten no escenario”, aseguran.

Con todo isto, o seu reto non é ser un grupo de mulleres reivindicativas porque din que “só con estar xa é reivindicar. É máis raro que haxa unha muller na batería ou no baixo, pois aí estamos, non somos unha cantante e unha banda de homes tocando instrumentos. Iso é estar”.

E agora si… LERIA PRESENTA DISCO!! Neste mesmo mes de marzo sae á luz ‘Marusía’, dez temas orixinais cos que queren mostrarlle ao público o seu traballo e para o que xa teñen tres datas de concertos fixadas no momento de escribir estas liñas (A Coruña, o 30 de marzo en La Disfrutona; en Santiago, o 27 abril na Sala Sónar;  e en Vigo, o 11 maio en El Contrabajo).

Dá gusto ver como saen proxectos adiante, como soños que tiveron a rúa por escenario acabaron creando novas historias cheas de maxia. Que bonito ver un grupo de mozas sorteando os momentos complicados porque “somos catro e non sempre estamos de acordo en todo, que somos tamén diferentes” (aclaran sempre entre risos). Como se nota á mesma vez iso que din elas de estar “moi unidas e iso vese tamén no escenario”.

Como dicía no comezo, elas son unha panda de amigas, que fan “plans xuntas, como ir a concertos, aínda que a xente pense que se estamos xuntas é porque imos tocar, non por amizade”.

A súa mensaxe final, non vai só para elas. “Queremos aproveitar para animar á xente a que veñan escoitarnos e en xeral a apoiar a música en directo e a apoiar a cultura local”. Porque se hai que dar leria con algunha cuestión pois dáse.

María Martínez, cun dos cócteles que preparan nos seus negocios.
María Martínez, cun dos cócteles que preparan nos seus negocios.

María Martínez, emprendedora co Clover Club e Cotton Club

María Martínez é unha desas mulleres que un día deciden cambiar de rumbo, asumen os riscos, fanse amigas dos medos e comezan ese proxecto que anda na cabeza ata facelo realidade e converterse nunha emprendedora. Ela optou pola hostalería fai catro anos, sen ter ningunha relación anterior con este eido. Un problema médico levouna a mudar o seu traballo nunha tenda de decoración por unha aventura chea de ingredientes que agora mesmo imos meter e axitar na cocteleira.

Para ir abrindo boca falamos do Dry Martínez, o primeiro local, traspasado xa este pasado verán, que María puxo en marcha en Matogrande xunto con dous socios. “Foi un negocio que funcionou moi ben, dedicado á coctelería e cuns vasos moi peculiares que causaron moito interese e moi boa acollida”, comenta ela sobre aqueles comezos. Ademais, engade, “foi un investimento, non traballaba directamente alí. Decidinme porque sempre me gustaron as viaxes gastronómicas, probar as cociñas doutros países e esas cousas. Na Coruña tampouco estaba moi visto este tipo de local, só dedicado á coctelería e enganchou”. E así foi como lle deu ese toque especial con eses vasos que foron unha inspiración traída de Madrid.

De copas no centro da Coruña

Deixada atrás a etapa do Dry, trasladamos a nosa cocteleira particular ao centro da Coruña, onde no 2021 María, co seu irmán, abriu un local novo, o Clover Club, especializado en cócteles e en copa elaborada en barra. “Queríamos trasladarnos ao centro, xa que estabamos nas aforas, e facer algo parecido. E teño que dicir que tamén está a funcionar moi ben o concepto”, explica.

Agora, esta muller que non só cambiou radicalmente o seu mundo laboral, senón que continuou creando e facendo realidade máis proxectos (e nun período de tempo que poderíamos sinalar como curto) é a xerente do Clover e administradora no Cotton Club. Este último sumouse no 2022 ao seu camiño emprendedor e empresarial.

Sobre o Cotton, explica María unha curiosidade: “a idea era retomar a esencia do Dry, e iso fixemos, pero tamén hai que darse conta do lugar no que estás e adaptarse. Así que, como estamos en fronte de Facenda e funcionaban moi ben as mañás, apostamos tamén polos almorzos ben elaborados, que están a ter moito éxito”. Engade tamén que no local celebran moitas festas particulares os venres e sábados pola noite, como aniversarios, traballando así tamén os eventos.

Dous dos cócteles que podemos probar no Cotton Club.
Dous dos cócteles que podemos probar no Cotton Club. Foto: Iván Barreiro

Unha muller con iniciativa

Cando lle pregunto se se considera unha muller emprendedora porque está á fronte de dúas sociedades, María primeiro rise e despois recoñece que “si, pódeseme considerar emprendedora, sobre todo porque sentín moitos nós no estómago por non saber como ía saír o proxecto”. Non podo evitar rir eu tamén.

Gústame esa sinceridade, non ocultar que a palabra emprendedora queda moi bonita pero leva moitas dores de cabeza, sobre todo cando se trata de locais de ocio como os seus. Pero María volve sorprenderme cando colle forza e anima a calquera muller e persoa en xeral a loitar e seguir adiante coas súas ideas. “Penso que hai que ter iniciativa e motivación, sen medo ao risco, ou o medo xusto. Hai que ser valente porque, ademais de ter a idea e a decisión de desenvolvela, despois vén a paciencia con todo o papelame, que é unha odisea a burocracia”, contéstame.

Así, puntualiza, “debería haber máis axuda porque ao final coa creación de empresas xeramos postos de traballo e iso é a riqueza do país”.

Integrada no mundo hostaleiro e do ocio nocturno

E falando de animar a seguir adiante, o que máis me chama a atención é que o traxecto de María Martínez non para no Clover e no Cotton. Confésame que xa ten en mente outro proxecto, un local con restaurante, coctelería e primeira copa.

Non me queda outra que volver preguntar de onde saca tanto pulo. E isto é o que me di: “hai que ter forza de vontade. Eu cando vou emprender un proxecto novo aínda sinto ese run run do comezo… pero creo que hai que intentalo. Tamén penso que se houbera máis respaldo e máis facilidades poderíanse levar a cabo moitas iniciativas moi boas que ten a xente, pero é complicado, sobre todo os primeiros meses mentres te vas poñendo en marcha. Ás veces é imposible”.

No tipo de locais que rexenta ela aínda hai moito protagonismo masculino, pero afirma non ter ningún tipo de problema. “Non me podo queixar de como me están indo as cousas. Ao principio empecei un pouco a cegas e é certo que neste mundo hai máis homes que mulleres, pero non podo dicir que sentira que non me tiveran en consideración, síntome totalmente integrada”, aclara.

Actualmente María Martínez non é aquela persoa que puxo en marcha o Dry como investimento. Agora está involucrada de cheo nos quefaceres dos seus dous locais no día a día. “Si, estou involucrada na actividade en si dos locais. Ademais de estar pendente dos papelames tamén boto unha man na cociña, vou á compra ou o que faga falta. Ata fixen algún curso de coctelería e algún día tamén me ten tocado, aínda que teño excelentes profesionais para iso”.

Para todo na vida, tamén para ir cumprindo soños e que se desenvolvan o máis parecido a como os soñaches, hai que rodearse de boa compañía, ao igual que fixeron as rapazas de Leria. María teno claro.  “Sen persoal involucrado non vas a ningunha parte e o que temos é unha marabilla, mulleres e homes por igual”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.