fbpx
GaliciaNovas

AMEGA anima a participar no seu concurso de vídeos, podcast e regueifas sobre o galego durante este confinamento

Desde a Asociación de Medios en Galego (AMEGA) animan a aproveitar estes días de confinamento na casa pola crise sanitaria do Covid-19 para participar no seu Certame de vídeos, podcast e regueifas.

A convocatoria vai dirixida a poboación nova, de entre 12 e 30 anos de idade, e tamén a aulas de ESO, Bacharelato e ciclos formativos. As persoas participantes no concurso presentarán vídeos, podcast ou regueifas que, desde a visión da mocidade reflictan as súas experiencias arredor da lingua galega. Valorarase a utilización do humor, a calidade técnica e lingüística, o poder de persuasión, a claridade expositiva e a creatividade.

O primeiro premio será de 1000 euros en metálico e un día de rodaxe coa produtora Vaca Films. O segundo consistirá nunha tablet valorada en 300 euros e o terceiro, nun móbil de última xeración.

Os traballos non deben superar os 4 minutos de duración e poden presentarse ata o 30 de setembro no correo electrónico mediosengalego@gmail.com Podes consultar aquí as bases completas.