fbpx
A foco lentoCulturaGastronomíaNovas

Como fotografar cervexa cun móbil

Este artigo servirache para fotografar de xeito sinxelo calquera produto que queiras amosar sen complicarte demasiado. Eu vou empregar unha cervexa Stay Hoppy, de BelasBeer.

O meu consello é que unha vez teñas o set montado, aproveites a cambiar todos os produtos que queiras fotografar e facelo nunha soa sesión, así terás unha reserva de imaxes para ir alimentando as túas redes sociais ou a túa páxina web sen ter que montar e desmontar o set para cada produto. 

Para a nosa fotografía deste mes imos empregar unha serie de elementos de uso común: 

- 4x lámparas convencionais (recoméndoche os flexos de escritorio dunha famosa marca sueca) 

- Unha cartulina de cor. 

- Dúas follas de papel de forno branco. 

- Unha mesa de madeira (eu empreguei un taboleiro). 

- Un smartphone. 

* Opcional: Un trípode para móbil. 

Para montar o set up, o primeiro que imos facer é buscar un sitio onde poñer o noso produto, como ves na imaxe - eu puxen a lata de cerveza moi preto do borde do taboleiro -, pero se o teu produto non é moi estable, podes poñelo noutro lugar ou poñerlle un pouco de goma adhesiva. 

Unha vez temos colocada a cervexa, hai que situar a cámara, neste caso o móbil. Aínda que este mes non imos enredar falando de parámetros, estaría xenial se no teu smartphone podes configurar algún parámetro de exposición (apertura, diafragma ou ISO) ou poñer o modo retrato, para desenfocar o fondo. Se non oíches nunca falar disto, non te preocupes, xa o veremos en próximos artigos. 

Para sacar o mellor lado da nosa cervexa, hai que pararse a ver cal é o punto de vista que máis lle favorece, pero o que nunca falla, é sacar a fotografía dende o plano frontal. Se queres reducir a posibilidade de que a túa fotografía salga movida, pona nun trípode e selecciona o temporizador para sacar a fotografía, deste xeito programaremos o teléfono para que faga a fotografía automáticamente e non vibre nas nosas mans. 

FONDO

Unha vez ubicamos a nosa cervexa e xa sabemos de que xeito imos sacar a foto, continuaremos co fondo. Empregaremos unha cartulina de cor que poremos detrás. Asegúrate de que é suficientemente grande como para ocupar todo o fondo da imaxe. Para iluminar o fondo, e crear nel o degradado, colocaremos un flexo no chan e orientarémolo cara a cartulina, asegurándonos de que a tulipa impide que chegue a luz á lata de cervexa. Se chega luz, tes que distanciar o flexo do fondo.

Unha vez temos o fondo correctamente degradado, temos que iluminar a lata, para iso empregaremos as outras tres luces.

LUZ XERAL

Necesitaremos unha luz xeral que ilumine o frontal da lata, pero que teña suficiente pouca potencia como para permitir conseguir sacar reflexos nos lados, para isto, pon un flexo apuntando cara o teito - se é branco - ou cara un reflector branco ou prateado, - como vimos aquí- deste modo, iluminaremos un pouco a nosa cervexa e poderemos ler a etiqueta. 

LUZ ESQUERDA

Agora que xa temos iluminados o fondo e a cervexa, - aínda que de forma moi básica - imos engadir algo de volume e matices á imaxe. Para isto, coloca aos lados da lata os dous flexos que quedan cunha folla de papel de forno diante de cada un. Se ademais, empregas un cartón, ou un elementos totalmente opaco, poderás dirixir máis a luz e conseguir uns bordes máis definidos nos reflexos. 

Nesta imaxe podes ver como un flexo cun papel de forno xera brillo no lado esquerdo da lata e ilumina a superficie da madeira. 

LUZ DEREITA

Nesta outra imaxe, podes ver como achegando o flexo dereito, tamén cuberto pola folla de papel de forno, crea un brillo máis resaltado na lata.  Se ves que o flexo está iluminando tamén o fondo, coma nesta imaxe, orienta a dirección da luz para que só teña unha luz incidindo nel. 

Cando teñas todas as luces colocadas, dispara a foto e... ¡Tachán! Dependendo do producto que fotografíes, pode que teñas algún reflexo ou brillo non desexado, sempre podes empregar reflectores negativos para tapar os raios de luz que inciden na lata de forma incorrecta.

Como consello adicional, estaría ben que todas as lámparas tivesen a mesma temperatura de cor, é dicir, que tivesen a mesma cor. Deste xeito non terás un brillo amarelo, outro branco, outro verde... chocando entre sí. De tódolos xeitos, lembra que non hai unha única forma de facer unha boa fotografía, e a base do éxito son a práctica e a experimentación. 

Non dubides en amosarnos o resultado das túas prácticas etiquetándonos en Instagram cos hashtags #afocolento e #aprendeconpincha, e se tes algunha dúbida ao respecto podes escribirme a antonio.sanjurjo.astorgano@gmail.com  

Son Antonio Sanjurjo, fotógrafo profesional e creador de contido para empresas. Apaixoado da gastronomía, da nosa terriña e coleccionista de cómics ¡Por Crom! @antonio.sanjurjo 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.