fbpx
A foco lentoGastronomía

Que é a luz de recheo e como fai que as túas imaxes luzan máis?

Por Antonio Sanjurjo 

Se hai un aspecto fundamental do que debemos ser conscientes en fotografía, é a luz. As fotógrafas e fotógrafos profesionais debemos - polas propias condicións do noso traballo - dominar este aspecto fundamental, para conseguir que as imaxes teñan o volume, a dureza, os tonos e a expresividade necesarias para transmitir a mensaxe que os nosos clientes - ou nós - queremos facer chegar a través das nosas imaxes. 

Facendo unha rápida distinción entre os tipos de luces, temos dúas grandes divisións: 

- Luz de recheo. Luz que suaviza as sombras xeradas pola luz principal e aporta detalle nas zonas máis escuras da imaxe. 

- Luz principal. Luz que ilumina e ambienta a escea, define a dirección das sombras e aporta a maior información respecto do resto de luces. 

As luces, tanto principais coma de recheo, poden ser moi variadas; de moitos tipos e temperaturas de cor, que se empregan de formas distintas en función do que pretendamos contar. 

Neste caso, voume centrar nas luces de recheo e en coma con materiais de papelería moi simples, podemos ter un control maior sobre a luminosidade da escea gastronómica. Para comezar debemos establecer o noso suxeito; eu vou empregar dous pratos diferentes do restaurante coruñés La Teresa para que se vexan ben as diferenzas: fror de alcachofa carbonara e tiradito de robaliza salvaxe soasada á bilbaína. 

Coma luz principal podes empregar calquera luz, eu recoméndoche que empregues a luz dunha ventá grande que teñas no teu restaurante ou na túa casa, pero tamén podes empregar calquera tipo de led ou lámpara que teñas a man. 

Unha vez tés definidos o teu suxeito, a túa escea e a túa luz principal, é o momento de decidir como queres que se vexan as sombras da túa imaxe; e para xogar con elas, basta que te achegues a unha papelería cercana e merques unha cartulina negra, unha branca e unha prateada. Tamén valen cartón pluma; materiais plásticos ou poliestirenos de obra; pero soen ser materiais lixeiramente máis caros; máis difíciles de almacenar ou cunha gama de cores máis limitada - e rara vez atoparemos o prata-. A estes elementos chamarémoslles reflectores, xa que a súa función é reflectir os raios que chegan da fonte principal para proxectar certo grao de luz - ou sombra - no suxeito. 

Nas imaxes que vas ver a continuación, a fonte de luz principal sempre é a mesma e os reflectores están no mesmo punto, de tódolos xeitos, tés un pequeno diagrama de iluminación onde podes ver a colocación da cámara; do suxeito, o xarrón - que representa o prato -; a fonte de luz principal, a ventá; e os reflectores, que son os óvalos que hai á esquerda do suxeito.

Reflector branco

Este tipo de reflectores devolven aproximadamente entre un 40% e un 60% da cantidade de luz que reciben, e fan parecer que hai unha iluminación moi envolvente, xa que case todo o suxeito está iluminado, pero con sombras e matices. 

Se observas a imaxe, verás que aínda que o prato de alcachofas (esquerda) está moi iluminado, aínda ten sombras proxectadas dende o lado dereito da imaxe, onde está a fonte de iluminación principal. Tamén se observan sombras debaixo do prato ou nos volumes, tanto das alcachofas coma da robaliza.

Reflector prata

Son reflectores moi potentes, devolven aproximadamente máis dun 80% da luz que reciben, e poden actuar coma unha segunda luz. A luz que dan estes reflectores é dura, xera moito contraste e dependendo do tipo de material, pode xerar moitos «puntos quentes», que son temas que xa veremos máis adiante. 

Nestas imaxes, podemos comprobar que a luz é máis palpable no que antes eran sombras, as alcachofas e o touciño teñen moita máis luz e textura nas súas superficies, tamén observamos unha liña de luz na salsa. Pola parte da robaliza, vemos un efecto moito máis parecido a disparar un flash dende o lado contrario á luz principal. Tamén vemos unha iluminación moito máis presente nos platos e na mesa. 

Reflector negro

Tamén se chaman reflectores negativos, isto é porque en contra dos anteriores, non reflicten a luz, senón que a absorben, ampliando a densidade das sombras. 

Nas imaxes podes ver que as sombras son moito máis palpables na parte esquerda das imaxes, debaixo dos pratos, nos volumes das alcachofas, no aceite da robaliza e nas frores. Por outra banda, os pratos reciben menos luz e polo tanto as cerámicas brillan menos. É importante destacar que non hai unha fórmula correcta, depende do tipo de imaxe que queiras construir para o motivo específico, pero o recomendable é ir probando ata que atopes unha estética de iluminación que te convenza. 

// Restaurante 

La Teresa 

- Fror de alcachofa carbonara 

- Tiradito de robaliza salvaxe soasada á bilbaína 

Rúa Capitán Troncoso, 12, 15001 A Coruña

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.