fbpx
Crusat & CostasGaliciaGastronomía

Crusat & Costas: Ollos de Roque 2018

Ouro no Ribeiro

Por Lorena Costas @lorena_costas

Neste número continuamos pola provincia ourensá, mais ímonos cara O Ribeiro para falar dun apaixonante proxecto e dun viño espectacular. Facenda Agrícola Augalevada é o nome do proxecto de Iago Garrido e Liliana, en Rioboó (Cenlle), situado en plena comarca do Ribeiro. A finca pertencía ao antigo pazo de Rioboó, dende o século XVIII; catro hectáreas que permaneceron indivisibles no tempo, algo moi difícil de ver no Ribeiro (e en toda Galiza). O fermoso nome de Augalevada provén dun pequeno regato que pasa polas fincas da facenda e as divide en dúas partes. Alí, no medio da vexetación, lonxe do mundanal ruído, rodeado de viñas, traballa Iago desde hai algúns anos, aínda que a primeira colleita que comercializou foi a 2014, tras construír a adega no 2013 e recibir o selo Demeter (a primeira e única adega galega en recibir ese selo, que a certifica oficialmente como biodinámica).

Iago é un rapaz tímido, inconformista, apaixonado da natureza e dos “viños con alma”, sempre busca a perfección nos viños e traballa de xeito incansable e concienciudo, que lle leva a estar na constante busca do viño perfecto, o que de seguro nos dará moitas máis satisfaccións no presente e no futuro!

Iago traballa dende os inicios con ánforas enterradas no subsolo da adega, algo que naquel momento non se vía moito aínda, e tamén emprega barricas usadas de carballo francés. O Cru explicaravos despois que é o que fan as ánforas ou tinallas co viño.

Recordo cando escoitei o das ánforas, cando tiven a sorte de probar os seus viños de inicio, nunha Emoción dos Viños de hai 6 anos, cando aínda non tiñan nin etiqueta! Quedei marabillada. Ollos de Roque 2018 descansa durante 10 meses en barricas de carballo de 600l. e en ánforas de barro de 400l. nas que crea velo de flor (e iso que é? Pois... falaremos diso proximamente). Hoxe, anos despois, podo afirmar que estou diante dun viño espectacular: non recordo probar un viño da zona do Ribeiro con semellante acidez e profundidade. Un viño maxestoso, atlántico a tope, mineral e cítrico. A Treixadura érguese como unha variedade con personalidade, acompañada da Lado e da Agudelo que lle aporta acidez e mineralidade, nun ano duro no climatolóxico, que expresa aínda máis a grandeza deste viño, que vai de marabilla cuns chinchos fritidos.

O Big Bang

Por José Crusat @choumimx

Imos falar de Iago Garrido e o seu viño Ollos de Roque. Como xa comentou Lorena este viño xurde da paixón dun rapaz que quere facer unha vida na súa terra, e aposta por hipotecarse para moito tempo e mercar unha finca de 4 hectáreas das que cultiva en viñedo de 2,5. E como podedes entender no ano 2008 en plena crise é unha aposta ben arriscada.

E tan arriscada foi que o rapaz quedou case sen cartos, e coma non tiña para mercar depósitos de cemento moderno, acabou mercando unha partida de tinallas de barro en Castela. E da necesidade fixo unha virtude. E podemos dicir que Iago é pioneiro no uso de tinallas en Galiza, foi o “Big Bang das tinallas”, xa que, a partires del, outros adegueiros puidemos chegar a elas.

Imos centrarnos agora niso, nas tinallas de barro e as súas características e aportes que son principalmente catro. Primeiramente a arxila non aporta aromas ao viño, polo que se conserva a froita sen maquillaxes nin enmascaramentos. Tamén a forma da tinalla permite que o viño estea en constante suave movemento grazas á forza da gravidade e o efecto coriolis. Permitindo deste xeito unha mellora da estrutura do viño. En terceiro lugar o barro conserva a temperatura evitando o quecemento. E finalmente é microporosa, polo que proporciona una oxixenación lenta pero constante, que permite madurar o viño e elimina verdores. Iso si, hai que ser moi meticuloso e ter moito coidado porque podería oxidar excesivamente o viño. E isto controlouno Iago enterrando as tinallas no chan da súa adega.

Na cata do viño en si, eu aprecio un viño limpo de cor amarela pálida. No nariz é perfumado cunha intensidade alta, de froitas brancas e amarelas, pera, ameixa xaponesas, cítricos e finalmente herbas aromáticas e flores. Viño complexo en nariz. Na boca é honesto, envolvente, moi persistente, grande frescura e salinidade, cítricos e herbas.

Como maridaxe propoño a raíña dos nosos ríos nos meses de Xaneiro a Marzo: Dona Lamprea. Para min o mellor é a elaboración tradicional dunha lamprea á Bordalesa, e  acompañada de arroz branco e pan fritido, como moito poderiamos engadirlle uns chícharos ou tirabeques frescos que xa andan polos mercados. Se nos gusta darlle una voltiña ao conto sen cambiar moito, por que non facer uns tacos tipo mexicano coa lamprea á bordelesa engadindo un pouquiño de chile chipotle, tomate fresco, queixo feta e coentro (a quen non lle guste pode usar pirixel).

FICHA TÉCNICA:

Adegueiro: Iago Garrido – Facenda Agrícola Augalevada

D.O.: Sen D.O.

Variedades: Treixadura, Lado e Agudelo

Grao: 12º

Colleita: 2018

Prezo: Sobre 20€

Fotos: Iván Barreiro