DE CATA EN CATA: O viño non se bebe, experiméntase!
Por Jéssica Pintor
A vida é unha proba, un experimento. Probando aprendes o que che gusta e o que non. Logo un día dáste conta, por exemplo, que os viños non só se beben. Os viños son experiencias! Entendelos é pescudar na súa lugar de orixe, en quen os fai, onde se venden, que significan na contorna, con que se comen, que nos aportan… Hai que experimentalos!
Facendo a ruta do viño Rías Baixas
Lorena Varela afirma que o enoturismo combina con todo, logo o viño tamén! E fálame da desestacionalización deste produto. Non só vas probar viños en xullo e agosto ou cando estás de vacacións, ou? “O enoturismo é un dos produtos turísticos que se pode gozar de xaneiro a xaneiro. Ten un valor engadido: combina con patrimonio, deporte, termalismo, con sol e praia”.
Coñecín a Lorena hai xa máis dun ano, facendo, precisamente, a Ruta do Viño Rías Baixas, da que é xerente. Fala con tanta enerxía do seu traballo, que contaxia. É desas persoas que cre no que fai e transmíteo. Gústanlle os proxectos, case tanto como o mar e o viño. E véndeos moi ben!
A Ruta do Viño Rías Baixas agrupa adegas, aloxamentos e restaurantes. É unha oferta completa de enoturismo no Salnés, no Condado, no Rosal, na Ulla e en Soutomaior. Operan dende 1996 e son os que xestionan en exclusividade o enoturismo nas Rías Baixas. A súa é a única ruta certificada en Galicia que está dentro do club de produto Rutas do viño de España. E é a sexta ruta máis visitada a nivel nacional, dun total de 29! Así que se aínda non fixeches unha cata, sendeirismo ou ioga entre viñedos, non sei a que esperas! “Queremos que cada galego(a) sexa prescriptor(a) do que hai no seu territorio. O enoturismo non é só para turistas. É algo para estar orgullosos! Como vas marchar de Galicia sen visitar unha adega?! E a relación do viño coa gastronomía é indiscutible! Cada un de nós ten que convencer aos seus de querer ver unha vez na vida a entrada dos tractores á adega en vendima, de explicar que os viñedos pertencen a centos de familias, que o seu traballo é manual, de probar os nosos viños!”.
Ir a unha adega é como ir ao mercado. Xa sabes a froita, na froitería, a carne na carnicería e o viño: na adega! “Aquí aínda hai moitas adegas familiares, con esa historia e paixón polo campo. Que che reciba un adegueiro que leva aí dende os 12 anos, que pasou as rendas aos seus fillos, é un privilexio!”.
Para que vaiades anotando e facendo boca, a Ruta do Viño Rías Baixas celebra en outubro a III Edición da BTT, unha carreira en bicicleta entre viñedos e adegas. “Combinamos unha actividade deportiva con enoturismo: percorren territorio da propia denominación de orixe, os puntos de avituallamento soen estar entre viñas e nas portas das adegas, son entre 200 e 250 participantes e o ano pasado foi no Rosal. O itinerario é novidoso cada ano e a dificultade é maior porque cada ruta é nova para o participante, especialmente deseñada para cada xornada”. Desta volta será no Salnés, estade pendentes!
E ademais o segundo domingo de novembro celébrase o Día Europeo do Enoturismo. E en Rías Baixas celébrano co VIII Concurso de cata amateur. Cen persoas catan diferentes referencias dos socios da Ruta do Viño Rías Baixas. Cada mesa ten viños distintos, catan cinco mostras e despois fan unha cata a cegas, na que teñen que acertar tres dos que probaron anteriormente, con premios e petiscos! Con esta actividade, asegura Lorena “intentamos desmitificar a idea de que o viño é para entendidos, con un evento divertido, no que consumidores habituais aprenden a catar, cunha explicación xeral dun sumiller, de modo que ao final poidan entender e identificar os viños, segundo a súa procedencia. Non hai outra cata así no territorio!”.
700 referencias de viño en La Bodeguilla
Se non coñeces a Javier Míguez, ou acabas de chegar a Compostela ou aínda non probaches a comer na súa adega particular, dentro da propia cidade e con 700 referencias de viño distintas! A min presentoumo meu pai, porque fixeron a milixuntos e foi en La Bodeguilla de San Roque onde probei o meu primeiro albariño por copa. Eu acudo sempre a xente de fiar.
“Eu viña da hostalaría nocturna e cando decido dar o salto á diúrna, empezo a interesarme polo mundo do viño. Buscamos abrir un local especializado en embutidos ibéricos, xamóns e aí empezou a miña paixón polas adegas e os viños”. Envicia?, pregunto. A reposta é afirmativa. Míguez é un home que transmite moita seguridade e calma, seriedade, o seu pulso non se altera, non hai altibaixos no ton de voz… Como non te vas deixar aconsellar! El tamén comete erros, confesa. “Para aconsellar a alguén tiras do teu criterio persoal e fíxaste no perfil do cliente, o que pide para comer e os parámetros que che dá. Pero é un proba, erro… E volta a probar! Neste mundo estás constantemente formándote. A gastronomía e a enoloxía non paran de evolucionar, aparecen adegas novas, novas técnicas… Francamente non me lembro cantas denominacións había no ano 1986 cando abrimos La Bodeguilla de San Roque, pero había poucas e podías escoller, porque aínda había viños malos… (Rimos) Pero hoxe non hai viños malos. Temos unha riqueza enolóxica impresionante, neste país, un índice de calidade altísimo e unha relación calidade prezo, moi boa. É cuestión de probar. Temos unha aula de cata en La Bodeguilla de San Lázaro, é onde xogamos! (Sorrí) Catamos queixos, aceites e viños, claro. As cata-maridaxe de adegas son maioritarias, evidente. Nós arriscamos moito, tamén metemos á pata! (risas) Hai unha mesa imperial (rodeada de viños de todas partes) para 26 persoas, intentamos que a xente se molle na súa experiencia, que dea a súa opinión. Un tinto con peixe? Pódese! Unha carne con branco? Tamén se pode! Pódese facer de todo!”.
A el chámanlle a atención os viños de Mallorca, a variedade fogoneu, “por estas latitudes xa non soan. Notamos tamén un avance cualitativo dos viños da zona de Valencia e nos de Aragón, dos viños de granel dos anos 80 houbo unha evolución moi positiva, igual que Galicia experimentou un auxe tremendo. Estamos á altura de viños de calquera denominación! Pero as adegas máis especiais son as de champaña. Ver esas cavas de Pommery, trasládante a outro mundo… A adega Belle Epoque Perrier Jouët, arquitectonicamente xa é impresionante. E por exemplo as adegas de Tacoronte e Centejo, nas illas Canarias, xa pola forma de cultivar a vide, en condicións tan extremas, chámante moitísimo a atención!”.
Á cuestión: Que é maridar? Responde: “É probar e probar!” Vedes. Non coñecedes a ninguén máis claro e conciso. Bebe viño.
Asegura que Galicia mira cara un futuro moi prometedor, xa que hai adegas que apostan con seguridade no mañá e con gran calidade. “Eu aposto polo produto galego e son a maior cantidade de referencias que temos na nosa carta. É o que reclama o cliente de aquí e o de fóra. Se algo me encanta e que aquí conseguimos que os mozos teñan no noso local esa primeira cita de noivos, cando saen a cear… E escollen La Bodeguilla para tomar por primeira vez un viño. É un local no que sucede a iniciación dese rito”.
Unha tarde atlántica cos viños de Martín Códax
Descubrir a orixe do proxecto é a maxia de Bodegas Martín Códax, iso e “o golpe de Atlántico que levas na cara, nada máis saír pola porta”, subliña María Garrido, mentres lle brillan os ollos. A directora de Marketing da adega resume con moita emoción e contendo a respiración os trinta e cinco anos de traballo de máis de 300 familias de viticultores, que venden experiencias ao redor da cultura do viño. “A viticultura sempre foi unha actividade complementaria na casa nesta zona, os nosos socios(as) eran e son tamén mariñeiros, mestres… Todos teñen unha vinculación co mar moi potente, co cal isto é parte da nosa identidade. Queremos que os visitantes entendan a orixe desta riqueza, de aí que os levemos a mariscar, que os levemos a Cambados, que fagamos que proben os nosos viños con conservas, con peixes en forma de sushi, con queixos de diferentes denominacións de orixe galega… O viño sen gastronomía tampouco se entende. Por iso deseñamos experiencias que unen comida e viño, onde o fío condutor é esa nova gastronomía, eses novos embaixadores, esa nova ola de cociñeiros e cociñeiras que respectan enormemente a tradición, o produto… Eles fan de nexo entre produtor, viño e consumidor”. A través dun sumillere dos chefsDani García (Grupo Dani García), Iván Domínguez (NaDo), Pepe Solla (Casa Solla), Adrián Felipe (Restaurante Miga), Iago Pazos e Marcos Cerqueiro (Abastos 2.0 e Loxe Mareiro), en As Tardes do Atlántico de Martín Códax poderemos aprender, durante xullo, agosto e setembro, a que saben os diferentes viños desta adega e como se mesturan con distintas preparacións, en forma de pequenos bocados. Podedes informarvos na súa páxina e reservar por teléfono. Hai tres pases cada día, tres días á semana: martes, mércores e venres.
Pero nesta adega ademais de vender viño, escumosos, sangría de albariño e augardentes venden un feixe de música e de cultura. Celebran os Premios Martín Códax da música e se non coñecedes Os Xoves de Códax, xa chegades tarde porque para cando leades isto, as entradas xa estarán esgotadas! María cóntame, aínda impresionada, que venderon as de xullo en 20 minutos! As tardes dos xoves de xullo e agosto a terraza da adega acolle un ciclo musical solidario, que fusiona sons galegos con sons do panorama nacional e internacional, para deleite de catrocentas persoas embelesadas polo crepúsculo sobre a ría e polos sabores atlánticos dos seus viños e ademais cunha finalidade social importante, xa que a recadación destínase a entidades benéficas e xa levan entregados máis de 100.000 euros. Este ano contarán con Fredi Leis, Abe Rábade e Salvador Sobral, Kiko Veneno e Baiuca, entre outros. Tranquilos todos que sempre nos quedará o Outono Códax, que trae unha morea de soula Compostela, en outono, evidentemente, queridos!
Martín Códax chámase Fillo do Atlántico, precisamente pola influencia do mar e toda esa cultura sobre os seus viños. “Os nosos albariños son a suma de clima, solo, varietal e cultura. Vir aquí é unha experiencia. Non che imos falar de procesos, ímosche falar da familia que conforma Martín Códax, eles son o que teñen de especial todos e cada un dos nosos viños. Con todas estas actividades pretendemos romper tabús, porque o viño sérvese con aperitivos, é complemento dunha tarde na praia… O viño xa deixou de ser difícil ou de limitarse a un público determinado. Cada vez hai máis interese por xente máis nova, por empresas para facer xuntanzas motivacionais en adegas… Non tes que saber de viño para vir, a quen non lle apetece coñecer de onde sae o que bebes, que hai detrás, quen o fai?!” A que emociona? María e o mundo do viño, tamén!
Non sei, vós que decides? Eu vou tomar un viño! E remato cunha posdata: Brinda sempre con un (viño) galego! Que hai moitos e variados, tintos e brancos! E de cando en vez vaino mercar a adega, porque xa sabes que ir de cata, percorrer un viñedo e beber viño, son experiencias, son sensacións! Non mo contaron, experimentei e paga a pena! A vida é probar… viños incluídos!