Vestir co traxe galego volve a estar de moda!
Durante moitos anos os panos e os bordados máis valiosos dos galegos e galegas permaneceron agochados en huchas! Queimouse moitísima roupa. Moitos sentían vergoña daquela herdanza, daquela tradición, do de antes, do noso…
Di Montse Liñares que o programa de televisión Luar abriu moitas portas, para que a xente maior das aldeas sacara do baúl e das artesas, entre aturuxos, todo ese patrimonio que, hoxe, volve lucir nos nosos armarios! Leva toda a vida dedicándose ao folclore, levaba grupos e aínda segue dando clases de baile… Fai doce anos, diante do problema de non atopar os tecidos que buscaban, para facer os vestiarios, xurdiu a idea de facer unha tenda onde encontrar todo!! “En Bulideira hai zapatos, medias, instrumentos, mercería, xoiería, complementos, dende os botóns ata o tecido ideal, para un traxe. Ese foi o noso punto de partida e temos un taller onde che facemos o traxe a medida e alugámolos, tamén, sobre todo para nenos máis pequenos. Intentamos a parte do tradicional, partir de pezas antigas e orixinais e evolucionalas para lucilas a diario, hoxe, e en calquera sitio! Temos unha sección de xoiería deseñada por nós, recuperamos pezas, reproducímolas en prata e bixutería. E realizamos un gran traballo que non se ve, o de investigación. Estamos en contacto con museos e andamos polas aldeas, petando nas portas, (xa vedes, rebuscando nas huchas) recollemos pezas auténticas, para poder reproducilas. Reproducimos, por exemplo, panos antigos, tanto en seda, como en raión, para que todo o mundo poida ter acceso ao que facemos. Temos copias exactas de pezas antigas, as teas son os nosos deseños, mandámolos facer, exclusivamente para nós, baseándonos nos traxes antigos que atopamos, aínda que os teares de hoxe non son iguais, claro. Pero intentamos achegarnos ao máis posible”.
Un traxe galego de muller pode pesar, ben, 16 quilos. Bordar como hai 150 anos, leva moitas horas. Depende de se o traxe é de traballo ou de garda e do número de pezas, pero pódelles levar ata un ano enteiro! E cada día, aínda que aos pouquiños, dáselle máis valor a este traballo.
“A nosa indumentaria é un mundo espectacularmente diferente e marabilloso! Isto non vai morrer nunca, hai moitos namorados, cada vez máis, que valoran o vestiario tradicional galego. Parte do noso traballo é poñer en valor o que temos! É moi satisfactorio que os clientes marchen convencidos do que levan! Non polo valor (económico) da peza, senón porque estás gardando unha tradición, son parte de esa recuperación. Contribúen a que isto non morra, a que a tradición se manteña viva e a que cada vez sexamos máis os que gocemos dela! Aquí atopas pezas de todos os prezos! Podes levar unha reprodución dun pano de hai 200 anos, que utilizou unha muller de Santiago. Nós non queremos que as nosas pezas ou traxes sexan só para o folclore, queremos achegarnos a todos os demais. Podes levar uns brincos, cunha diadema a traballar”…
A Bulideira é a paixón de Montse, o seu soño. Entre rasos, brocados e xustillos, pandeiretas e aneis, imaxino outra Galicia… A de antes! E volvo logo á de hoxe, onde unha enagua con encaixe de Camariñas, unha blusa a xogo e un San Cosmeiro, serviron de traxe para unha voda nas Canarias e onde un traxe galego tradicional viaxou ata Shangai, para servirlle de vestimenta á dona dunha casa de té, na cerimonia da bebida chinesa (as marabillas de Internet)… Sigo embelesada coas telas, cos brillos, coa maxia do traxe galego. Eu teño un pano, lila e prata, mercado aquí por certo, pero xa fai tempo! Creo que necesito outro…
De San Lázaro viaxamos á rúa de Xelmírez. En De Cotío agárdanos Rosa Segade, unha das donas da tenda, xunto con Montse Rivera. A andanza deste local comezou con elas no 1996. Antes funcionaba como local comercial e tiña xa a parte de tradicional, alí onde está a lareira. “O novo nome engloba todo o que vendemos, cousas de poñer todos os días… Ao traxe galego máis pobre ou de traballo, chámaselle tamén de cotío, o de todos os días… E ao mesmo tempo, o nome tamén recolle todo o resto que vendemos na tenda. Aquí podes encontrar todo o que ten que ver co traxe tradicional, aínda que é difícil, porque hai teas que xa non existen… Pero intentamos reproducilos o máis fielmente posible. E na parte contemporánea, buscabamos algo que se diferenciase do resto: bixutería artesá (primando aos artesáns galegos), sombreiros, bolsos, zapatos, picamos un pouco de todo… Tamén temos librería e discos relacionados co mundo tradicional e só en lingua galega! Ao principio ata vendiamos alimentación, porque aquí non había practicamente ningún sitio que os vendera. E cos libros pasou igual, non había libros relacionados co mundo tradicional e escritos en galego. Aquí podes atopar libros de usos e costumes, etnográficos, do traxe, libros infantís en galego, que non había por aquel entón, tampouco”.
Daquí teño unha saia de lá, cor prata con brillos. Ten tres botóns de cada lado das cadeiras e unha boneca, na fronte, coloreada cuns beizos moi vermellos e de cabelos negros azabache.
En De Cotío tamén fan o traxe tradicional por encargo, teñen algunhas pezas feitas, que tamén están á venda, para que os visitantes poidan ver, tocar e probar. “Todo o feito é tradicional, tradicional! Ou a iso aspiramos”, -remarca Rosa-. “É difícil, evolucionamos constantemente, bebemos dos nosos propios erros, buscamos documentación, hai xente que se dedica á recollida do traxe, como a miña socia. É unha labor de investigación constante. En algunha ocasión fixemos algún traxe inspirado no tradicional que non o é, algunha noiva… A Leilía no seu último espectáculo, fixémoslle nós un vestiario que bebía do tradicional, aínda que non tiña nada que ver, vestidos como de festa, feitos en panos dos que se usan para as saias e bordados ao aire, macro dimensionados… Facémolo de cando en vez, pero ao que nos dedicamos e ao tradicional”.
Aquí tamén merca xente vinculada ao tradicional, basicamente, aínda que a zona de diante é para todo tipo de clientela, pero Rosa di que cada vez hai máis xente que se atreve! “Temos moita xente que non está vinculada ao mundo do folclore e que leva, por exemplo, un pano tradicional para levar á rúa… A min sempre me gusta facer chiscos, encántame sacar a roupa de tradicional á rúa, de xeito descontextualizado. Gústame moito cando de repente pois alguén vai como Sabela King de The Lákazans, a recoller o premio ao mellor grupo de Blues nos Premios Martín Códax da Música cunha das nosas saias… Temos unha clienta que leva chaquetas de tradicional con vaqueiros e botas e un cliente masculino que en verán leva bermudas e pano de namorar!”
Gotiña a gotiña a xente vai levando, imos levando o traxe galego á rúa, porque volve a estar de moda… E queremos que sexa, desta vez, para sempre!