fbpx
A CoruñaCulturaNovas

Silvia Penide, 20 anos sobre os escenarios: “O éxito dunha persoa é sentirse ben cunha mesma”

Silvia Penide celebra en 2023 os seus vinte anos na música. Foto: Iván Barreiro

Silvia Penide (Meicende-Arteixo, 1979) celebrará en 2023 os seus vinte anos na música e farao por todo o alto. En xaneiro lanzará un pendrive con toda a súa discografía, incluíndo oito discos e algunha maqueta, xunto a sorpresas para os fans. E na primavera chegará unha edición limitada e numerada en vinilo de diversas colaboracións: Andrés Suárez, Víctor Manuel, Ugía Pedreira, Eladio Santos e novas que aínda non se gravaron pero que incluirán a artistas moi recoñecidos.

En febreiro comezarán os directos. Entre eles, haberá vinte cun formato especial, nos que Silvia sumará a unha intérprete de lingua de signos, coa que xa traballa no espectáculo do seu libro ‘Diferentes Diferenzas’, ademais de colaboracións especiais con artistas cos que foi tendo relación desde o lanzamento do seu primeiro LP ‘Kilómetros’ no 2003.

Vinte anos levas xa de carreira. Esperabas chegar ata aquí cando empezaches?

Para nada! De feito, a miña carreira foi medrando comigo e non foi algo buscado, polo menos ao principio. Eu vivo a verdade moi agradecida, sobre todo estes dous últimos anos porque para min están sendo como anos extra, despois de todo o que vivimos o meu gremio coa pandemia.

Terás moitas ganas de celebralo, non si? 

Si, a miña idea é facer os máximos concertos con banda posibles. A idea é voltar aos temas de hai tempo, dos primeiros discos. Tocamos o outro día en Madrid e a xente cantaba temas que facía moitísimo que non cantaba. Iso para min, que son unha artista que me considero como unha escaladora, é súper especial. Como quedar cos meus amigos de Meicende de toda a vida – que foron os que me dicían “tes que gravar estas cousas, ti tes que gravar nalgún sitio e sacar un disco” – e sentarte con eles, falar e ver as fotos, ver como fuches medrando, como xente que che segue desde hai anos tamén foi medrando, a miña familia, que despois de vinte anos xa me toma en serio… (Risos) 

De onde che vén a vocación artística? Sempre quixeches ser música?

Pois non sei moi ben de onde me vén. Teño unha primiña pequena, de 8 anos, que é artista, artista! Supoño que nos vén dun tío meu, Miro, que tiña unha visión do mundo un pouco especial. Non teño outro referente na familia. Si que de pequena, polo que me contan, sempre me poñía diante da xente, compoñía cancións á miña nai con dúas frases… Collía ao mellor o pao da vasoira para cantar… Eu era moi mala estudante, pero axudoume moito unha profesora. Sempre me dicía que a miña maneira de entender o mundo era distinta, que o mundo non me entendía a min pero que chegaría un momento no que iamos a ter unha converxencia. E efectivamente, pasou. Agradézollo moito. Chámase Consuelo e, para min, foi como esa luceciña, porque moitas veces parece que non acabas de encaixar… 

Ata 2016 combinaches a túa profesión de auxiliar de enfermería coa música. Por que decidiches centrarte só na parte musical?

No meu traballo de auxiliar sempre tiven moita sorte porque foi media xornada. A música sempre estivo aí como traballo. Un día, no 2016, fun a dar un concerto e quedei en branco. Entón decateime de que estaba xa forzando demasiado e como empezaban a saír un montón de concertos, quedei exclusivamente cos meus proxectos musicais. Pero se tivera que volver a ese traballo non pasaría nada. Eu teño unha visión do éxito moi global. Non penso que o meu éxito sexa como cantante. Penso que o éxito dunha persoa é sentirse ben cunha mesma.

Dirías que ese foi un punto de inflexión na túa carreira?

Houbo un momento moi importante que foi cando saquei o meu primeiro disco grazas ao que eu digo que foi o meu primeiro ‘crowdfunding’. Tiña unhas cancións que me gravaran en Radio Arteixo e fun polas tendas de Meicende pedíndolles se querían investir economicamente algo e eu poñíalles o seu logo no disco. Había unha discográfica que comezaba neses momentos, Falcatruada, que apostou por reeditar ese disco ‘Kilómetros’. Ese foi un punto de inflexión.

Logo chegou unha canción moi importante, que se chama ‘Reventaba’, que tamén foi outro punto de inflexión importantísimo. E despois, tamén o están sendo estes últimos anos, coas colaboracións con Andrés Suárez, Uxía Pedreira, Víctor Manuel… Toda a resposta do propio gremio que fai que o teu nome se vexa un pouco máis.

Que evolución notas á hora de compoñer nestes últimos anos?Os últimos discos son máis conceptuais que antes. Así xurdiu ‘Todo pintado de plata’, que é un disco que fala dos planetas, e ‘El efecto boomerang’, que é un disco para axudar ás despedidas. E agora probablemente escriba sobre a culpa.

Foto: Iván Barreiro

Desde outubro formas parte da directiva de Músicas ao Vivo. Cales son os vosos obxectivos?

Aínda estamos marcándoos porque acabamos de chegar pero a verdade é que estou moi ilusionada. Vou poñer todo da miña parte para mellorar a situación dos socios, da Asociación e dos músicos en xeral. É certo que temos que desmitificar moitas cousas e pelexar como gremio.

No confinamento formei parte dun movemento na Coruña que se chamaba ‘Unímonos ou afundimos’. Reunímonos cos grupos políticos e escribimos un manifesto que conseguimos que leran nun Pleno. Pedíamos sobre todo que houbera un plan de acción pola situación tan grave que estabamos pasando, para poder seguir traballando sen poñer en perigo a ninguén. E pediamos que houbera axudas para aquelas persoas que polo IRPF puideran demostrar que os seus ingresos maiormente viñan da música. Aí vin que a única opción que temos é unirnos como gremio e facer que a propia unión nos dignifique. A música non é só un traballo para comer. É un traballo para vivir e vivir dignamente.

Como ves en xeral a situación dos músicos na cidade?

En Coruña hai moitísima xente moi talentosa e temos a sorte de que, a pesar de que a Baba Bar pechou pola pandemia, aínda temos salas como Mardi Gras, Garufa… que son como un útero onde se xestan auténticas marabillas. Temos un nivel brutal.

Penso ademais que a xente estase empezando a decatar do mesmo que me decatei eu, de que hai que unirse e tirar todos a unha. Hai como unha especie de ebulición.

Cóntase moito cos músicos locais, sempre temos traballo, pero si que hai unha cousa que a min me encantaría, que sería facer un ciclo de concertos no comercio local, un ciclo que saque a música das salas e xere beneficio para dous sectores que sufrimos moito na pandemia.

Ademais do aniversario, outro dos teus próximos proxectos é un CD coas cancións do espectáculo ‘Diferentes diferenzas’ que publicarás en decembro. Fálanos dese proxecto.

Como sempre me gusta facer diferentes cousas, eu adoitaba escribir uns textos que levaba no móbil, textos pequenos, que son para peques, pero teñen unha mensaxe para adultos. Nalgúns concertos sacaba o móbil e lía eses textos, sen ningún tipo de pretensión. Un día apareceu unha persoa que traballa na editorial Bululú e díxome que os textos lle parecían moi interesantes, que se podiamos ter unha reunión. Foi toda unha sorpresa! Editamos o libro e ilustrouno Emilio Urberuaga, que é o ilustrador de Manolito Gafotas, e a verdade é que está funcionando moi ben. Logo montamos o espectáculo que ten o mesmo nome. O que máis me gusta é que recibo mensaxes de profes, de papás e mamás, que me din que para os seus fillos está sendo de axuda. É un libro contra o bullying, para autorreafirmarse. Os personaxes que saen no libro ningún pide perdón polas súas diferenzas. Esa mensaxe está calando na xente que o le e para min é moi importante.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.