A industria musical galega xa ten os gañadores e gañadoras dos II Premios PALCO

PALCO, o primeiro punto de encontro da industria musical que se celebra en Galicia, organizado pola Asociación Galega das Empresas Musicais (AGEM) e a Xunta de Galicia, a través da Agadic e os Concertos do Xacobeo, co apoio do Ministerio de Cultura do Goberno de España na organización de GALICIA CONECTA, da Deputación da Coruña na organización dos Premios PALCO e Mondo Sonoro Noroeste como medio oficial, acolleu a velada deste martes, 3 de novembro, a celebración da segunda edición dos Premios da Industria Musical de Galicia, rebautizados como Premios PALCO, que xa teñen gañadores e gañadoras para este 2026.
As iniciativas premiadas en cada unha das 14 categorías xerais contempladas nos Premios PALCO foron elixidas por un xurado profesional composto polas asociacións AGEM, AGATEC, TESGAL, AGPXC e CLUBTURA, xunto ás e aos gañadoras e gañadores da pasada edición.
O premio de Mellor deseño de iluminación foi para Laura Iturralde e José Faro (Gala i Ovidio), o de Mellor Implementación de Son recaen en Ricardo Barroso (The Rapants) e o de Mellor Produción de Servizos foi para Global Setup. Olalla Camaño foi recoñecida como Mellor Profesional de Produción, Álvaro Creo (Off Stage) como Mellor Manager e Alberto Alfonso (Art Music Agency) como Mellor Promotor/Programador. Iago Pico, Gabi Fernández e Tanxugueiras venceron na categoría de Mellor Produción Discográfica por O Cuarto, das Tanxugueiras; e AC Fanto Fantini – Osa do Mar na de Mellor Evento Cultural / Musical. O galardón á Mellor Posta en Escena foi para As dúas e punto por Tertúlia, de Fillas de Cassandra e ao Mellor Videoclip para Juan Barbazán, Sergio Goce e Manuel Seoane (Non sei como, The Rapants). EmigraSON levou o premio ao Mellor Proxecto de Comunicación e Zeltia Iglesias (Mondra) á Mellor Identidade Visual. Tamén subiron ao escenario da Capitol a recoller un PALCO a Sala Rebullón, como Mellor Espazo Musical, e Sinsal, como Mellor Proxecto de Sustentabilidade.
Ademais, a Xunta Directiva de AGEM seleccionou aos proxectos gañadores en outras dúas categorías (como premios directos): Artista do Ano para The Rapants e Persoa do Ano para Fundación Paideia, mentres que o público puido elixir, por votación popular, o Premio á Excelencia na Experiencia do Público 2026, que recaeu por segundo ano consecutivo no Surfing The Lérez.
A gala de Premios PALCO estivo presentada pola actriz galega e creadora de contidos Carlota Mosquera, mentres que, ao finalizar a entrega de galardóns, tivo lugar a pinchada de Kris K DJ.
Esta gala de entrega dos Premios PALCO foi o pistoletazo de saída de PALCO, o novo escaparate sectorial da música impulsada desde Galicia, que este mércores 4 e o xoves 5 de novembro celébrase no Museo Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia como un novo espazo de encontro, conexión e proxección para o sector musical galego.
PALCO reunirá a preto de 500 profesionais da industria musical arredor dunha programación pensada para compartir coñecemento, descubrir proxectos, atopar novas conexións e facer xurdir novas oportunidades.
Toda a información pode consultarse en www.palco.gal.
