CoruñART regresa este sábado á Coruña para conectar talento, creación e industria cultural

CoruñART, a Feira das Industrias Culturais e Creativas, celebrará este sábado 7 de novembro a súa segunda edición no Fórum Metropolitano da Coruña cunha programación que reunirá durante toda a xornada profesionais, creadores, entidades e público arredor das diferentes disciplinas artísticas e dos principais retos aos que se enfronta actualmente o sector cultural.
Concibida como un «encontro aberto coa cultura», a feira combinará reflexión, creación e encontro profesional a través de mesas redondas, actuacións musicais, literatura e poesía, proxeccións audiovisuais e espazos destinados a favorecer o contacto entre os diferentes axentes das industrias culturais e creativas.
A xornada arrancará ás 10.00 horas cun chocolate patrocinado por Bonilla a la vista para as persoas acreditadas e, ás 11.00 horas, Oswaldo Digón será o encargado de inaugurar oficialmente esta segunda edición de CoruñART.
A partir de aí comezará un programa de debates que pretende abordar a cultura desde perspectivas moi diferentes. A primeira mesa, ás 11.30 horas, estará dedicada a «A cultura como dereito» e analizará as políticas culturais a partir das publicacións impulsadas pola área de Cultura da Deputación da Coruña, con Sergio Lago Varela, Alberto García Sánchez, Adela Vázquez Veiga e Sabela Mendoza Fernández.
Ás 12.30 horas abrirase un espazo de micro aberto dedicado á literatura, á poesía e a outras creatividades e, ás 13.00 horas, persoal técnico e responsables municipais de diferentes concellos da provincia participarán na mesa «Como interactuar coa cultura local dende os Concellos».
A música tomará a remuda ás 14.15 horas coa actuación de Candela Liste, antes da pausa do mediodía.
E xoves e venres, proxeccións especiais en colaboración coa Academia do Audiovisual, con Matria e O Corno.
O programa de tarde comezará ás 16.30 horas con «A Cultura Comunitaria e o seu impacto nas vilas», unha conversa sobre o papel das asociacións e colectivos na creación de tecido cultural e social. Participarán Paula Alonso, presidenta do Colectivo de Universitarios Activos CUAC; Luz Rivas, presidenta colexiada de Alexandre Bóveda; Roberto Parga, presidente do Circo de Artesáns, e David Lozano, coordinador do proxecto Facendo barrio, facendo historia da AAVV Gaiteira Os Castros. A mesa estará moderada por Iria Mejuto.
Un dos debates centrais da xornada chegará ás 18.00 horas baixo o título «Tiburóns devorando aos peixes pequenos da cultura», que poñerá sobre a mesa as dificultades dos proxectos independentes e de menor tamaño dentro das industrias culturais. Participarán Enrique do Rosario, fundador da promotora musical e selo discográfico Sunwalk Records; Vickey Tenreiro, autora e creadora teatral de La Quintana Teatro, e Tomi Legido, vicepresidente de Clubtura e responsable da programación da Sala Mardi Gras e Elas Son Artistas. Moderará Noel «Turbulencias» Miguélez.
A literatura pechará o programa de conversas ás 19.15 horas con «A literatura dende as marxes», unha mesa dedicada a autores, editoriais e proxectos que desenvolven o seu traballo fóra dos grandes circuítos da industria. Contará con Lidia Chas e Magali R. Matár, moderadas por María Nieto.
PROGRAMACIÓN PARALELA
CoruñART desenvolverá ademais unha programación paralela que converterá os diferentes espazos do Fórum Metropolitano en puntos de encontro para as industrias culturais.
O auditorio acollerá showcases musicais ás 17.30, 19.00, 19.30 e 20.00 horas, mentres que o hall da primeira planta será escenario de speedmeetings profesionais ás 12.30, 14.00, 17.30 e 19.00 horas, con sesións de trinta minutos destinadas a facilitar contactos, colaboracións e novas oportunidades entre profesionais do sector.
O audiovisual terá tamén presenza propia con proxeccións de curtametraxes realizadas por alumnado de centros de ensino de Imaxe e Son, que poderán verse entre as 17.30 e as 20.00 horas na Sala Fernando Rei.
A feira disporá así mesmo dun espazo de conciliación, aberto de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas, e dunha cantina que funcionará entre as 11.00 e as 20.00 horas.
Con esta segunda edición, CoruñART busca consolidarse como un punto de encontro transversal para o ecosistema cultural galego, reunindo nun mesmo espazo profesionais da música, das artes escénicas, da literatura, do audiovisual e da xestión cultural, pero tamén asociacións, administracións e cidadanía.
A II Feira das Industrias Culturais e Creativas CoruñART celebrarase o sábado 7 de novembro no Fórum Metropolitano da Coruña, co patrocinio da Deputación da Coruña e do Concello da Coruña.