Cen anos despois, a ‘Guía de Galicia’ de Otero Pedrayo dialoga co país de hoxe

Editorial Galaxia presentou no Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela a edición do centenario da Guía de Galicia, de Ramón Otero Pedrayo, nun acto organizado en colaboración coa Cátedra Institucional Otero Pedrayo desta universidade.
Cen anos despois da súa primeira publicación, Galaxia recupera unha das obras fundamentais para coñecer e comprender Galicia. Esta publicación enmárcase no Ano Oteriano, declarado polo Parlamento de Galicia con motivo do centenario da Guía de Galicia e do cincuenta aniversario do falecemento do autor ourensán.
O acto contou coa participación de Manuel Gago Mariño, responsable da edición crítica; Ana Cabana Iglesia, vicerreitora de Cultura, Lingua e Patrimonio da USC; Valentín García Gómez, secretario xeral da Lingua da Xunta de Galicia; Francisco Durán Silva, director da Cátedra Institucional Otero Pedrayo e Antón Vidal Andión, presidente do Consello de Administración de Editorial Galaxia. Tamén acudiron personalidades do mundo da cultura, como Dolores Vilavedra, presidenta do Consello da Cultura Galega, ou Henrique Monteagudo, presidente da Real Academia Galega e director da Cátedra Institucional Castelao.
A nova edición propón unha lectura que establece un diálogo entre a Galicia que describiu Otero Pedrayo e a que coñecemos na actualidade. A través de novas achegas, referencias e anotacións, permite descubrir como evolucionaron o territorio, as cidades, o patrimonio e a sociedade galega ao longo destes cen anos.
Publicada por primeira vez en 1926, a Guía de Galicia foi moito máis ca unha guía de viaxes. Se foi o xeógrafo Domingo Fontán quen lle puxo rostro ao país coa Carta xeométrica de Galicia, foi Otero Pedrayo, coa súa Guía, quen o dotou de palabras e historias que encheron as trazas das vilas, dos ríos, dos camiños e das paisaxes alí debuxadas. Nela, Otero Pedrayo reuniu xeoloxía, xeografía, historia, patrimonio, economía, paisaxe, artes e cultura para ofrecer unha visión integral do país. A obra permitiulle sistematizar por primeira vez a súa interpretación de Galicia e converteuse nun referente para sucesivas xeracións de lectores, así como nun instrumento esencial para descubrir e comprender o territorio e a súa identidade.
O volume, de 635 páxinas, recupera o texto revisado e acompañado dun amplo traballo de contextualización histórica e cultural, con máis de 1.400 notas que dialogan co orixinal de don Ramón. Asemade, conta con fotografías de José Suárez, Ksado e Jaime Solá, que contribúen a reconstruír a memoria visual de Galicia. En palabras de Manuel Gago Mariño estamos “ante un manual para imaxinar un país: unha Galicia luminosa. Un país que ten sentido cando prende do seu patrimonio, a súa cultura e a súa paisaxe”.
Escritor, xeógrafo, profesor e intelectual, Ramón Otero Pedrayo desenvolveu unha extensa traxectoria dedicada ao coñecemento e á cultura de Galicia. A súa obra abrangue todos os xéneros literarios, desde a narrativa e a poesía ata o teatro, o xornalismo e o ensaio. Entre os seus títulos máis destacados figuran Os camiños da vida, Arredor de si, Fra Vernero, O señorito da Reboraina e Bocarribeira, ademais da propia Guía de Galicia, unha das súas grandes achegas ao estudo e á interpretación do país.
Manuel Gago Mariño é un destacado xornalista, escritor e profesor. Doutor en Ciencias da Información pola Universidade de Santiago de Compostela, exerce como docente en dita institución dende 2002, especializándose en ciberperiodismo e novos modelos narrativos. A súa traxectoria profesional resalta por unha intensa labor de divulgación e activismo patrimonial a través de entornos dixitais. É director da plataforma culturagalega.gal dende 1999 e fundador de proxectos cidadáns de referencia como o blog “Capítulo Cero” e o catálogo social e colaborativo en liña Patrimonio Galego.
Esta edición do centenario chega ás librarías o vindeiro 13 de novembro.