A mocidade galega demostra o seu talento nos fogóns no Xuventude Crea

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, destacou a contribución do certame Xuventude Crea para “descubrir novos talentos e confirmar o potencial de Galicia nas máis diversas disciplinas artísticas, creativas e culinarias”. Así o aseverou na final da modalidade de Cociña da décimo sétima edición, na que resultaron gañadoras as receitas Ravioli de boi, castaña e grelo, Os da casa e Milfollas de castaña, café e augardente co primeiro, segundo e terceiro premio, respectivamente.
Acompañado pola directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, o representante da Xunta salientou o “alto nivel” dos e das 23 participantes nesta modalidade da décimo sétima edición do Xuventude Crea, que se celebrou no Mercado de Abastos, de Santiago de Compostela. Ao respecto, gabou as propostas culinarias gañadoras “testemuñas da gran tradición e interese polas receitas, produtos e gastronomía que existen en Galicia e que este certame consegue tamén trasladarlles ás xeracións máis novas”.
Por estes motivos, considerou que o Xuventude Crea volve confirmar, un ano máis, que a Comunidade conta “cunha excelente canteira para os fogóns da restauración galega” e que está garantida unha “remuda xeracional á altura das grandes cociñeiras e cociñeiros que, na actualidade, posibilitan saborear Galicia Calidade por todo o mundo”.
Participantes gañadores
Neste senso, asegurou que as tres receitas que resultaron galardoadas teñen un “merecido recoñecemento a excelsa calidade” e felicitou a Náyelin Michelle Ferrreras e Ana Yivelis Pérez, da localidade coruñesa de Arzúa, polo primeiro premio; a Anxo Giráldez e Lucas Gil, de Ponteareas (Pontevedra), polo segundo; e a Valeria Torrado, do municipio coruñés de Boiro, polo terceiro.
Cómpre lembrar que a cociña é unha das 15 especialidades que compoñen a convocatoria do Xuventude Crea, que este ano segue a consolidar a súa alta participación, con preto de medio milleiro de persoas inscritas, e que celebrará a gala cando rematen todas as finais das diferentes categorías.