fbpx
CompostelaCulturaNovasReportaxes

Riquela, cinco anos de música, comida, amizade e talento a esgalla

O equipo do Riquela, case ao completo. Foto: Iván Barreiro.

O 14 de setembro de 2016 abría na rúa do Preguntoiro un local pioneiro en Compostela en mesturar unha sala de concertos -Riquela Club- cun espazo onde tomar un café, comer ou beber unha copa ben entrada a noite -Riquela Bar. “Comida, música, tragos e máis…” era o seu lema. Martín Calviño, o seu propietario, lembra ese día con moitos nervios, propios de quen se lanza a unha aventura empresarial en solitario por primeira vez, pero tamén con moita ilusión por darlle forma ao proxecto dos seus soños. “O primeiro ano foi un pouco caótico, xestionalo é difícil, son moitas cousas a ter en conta, unha carga económica grande que tes que sacar adiante e responder… unha vez que empezan a rodar as cousas, desfrútalo moito máis”, recorda con sorriso.

O amor pola hostalaría víñalle da familia, propietaria de varios restaurantes na zona vella compostelá, e o amor pola música, a través do seu traballo como produtor e organizador de eventos como o Outono Códax Festival. Así que no Riquela quería aglutinar ambas facetas. “A parte de programación cultural motívame moito e a parte da gastronomía permítenos ter unha estabilidade económica”, sostén.

Pronto o local enganchou ao público santiagués. “Houbo tantos momentos bos! Por aquí, pese a non ser unha sala moi grande -ten capacidade para 200 persoas-, pasaron nomes moi importantes. Desde Rodrigo Amarante, Cracker, Morgan, Sen Senra… Un dos concertos que recordo con especial cariño foi o de Rubio de Pruna, o último cantaor de Paco de Lucía. Non é que eu sexa un entendido en flamenco, pero ese día había unha audiencia única e foi un concerto espectacular! Tamén o de Luke Winslow King, que é amigo… porque os concertos dos amigos son especiais. Como cando tocan Néstor Pardo, Mad Martin, Benja, Sabela King… gústame telos aquí porque son da casa”, destaca.

Como tamén o son a xente do Compostela Swing e de IMPROvisibles -espectáculo de comedia improvisada- aos que está moi agradecido pola implicación que tiveron co Riquela nos seus inicios. “Uns viñan os martes e outros os mércores, que eran días que estaban un pouco parados, e déronlle á sala un ambiente moi chulo”, afirma.

Acolleron tamén outro tipo de espectáculos, así como feiras de disco, exposicións, charlas ou presentacións. No 2019 empezaron a triunfar as sesións vermú e as matinais dos domingos. No 2020 entraron no circuíto de SON Estrella Galicia… ata que chegou a pandemia. “Naquel momento o local ía collendo a súa personalidade, ese peso que dan os anos. Estaba moi contento con todo o equipo, coa programación que tiñamos…”, sinala Martín. E o golpe foi duro. Moi duro. “A nivel económico e mental”, matiza. “Ao non ter programación nin música en directo, tivemos que reestruturarnos. Enchemos a sala de mesas e centrámonos máis na cociña e nos almorzos. Comezamos coa comida para levar, que foi o que nos deu a vida”, asegura.

Agora, ano e medio despois do primeiro estado de alarma, a Sala Riquela comeza pouco a pouco a recuperar a súa programación. O 21 de outubro acollerá un concerto para o que se esgotaron as entradas nun día! Luke Winslow King & Roberto Lutti traerán a Santiago a súa música country, blues, R&B e rock n’ roll con influencias de folk. O 26 de novembro poderemos gozar da estadounidense Courtney Marie Andrews, que virá a presentar o seu último disco ‘Old Flowers’. E proximamente tamén tocarán Eladio y los Seres Queridos, Ale ou Dylan Le Blanc. “A celebración do noso quinto aniversario deixarémola para a semana do 6 ao 12 de decembro, na que organizaremos sesións dj e outras actividades”, apunta.

A música de raíz americana está moi presente na sala pero non é a única. “Por moito que me guste, se estivera todo o día con iso tamén me cansaría. Eu necesito que as cousas vaian cambiando. O que me encanta é que é unha sala moi ecléctica, como o equipo que temos. Están Eva, que é a miña compañeira; Pamper Cavero e os de La Melona que me axudan moito coa programación; Mauro e Carlos, coa xestión… entre todos aportamos ideas”, conta Martín. Un moi bo rollo que se nota cando os xuntamos para a foto que ilustra esta reportaxe. Rodeado de tanto talento, está claro por que Riquela leva xa un lustro animando os días e as noites compostelás. E as que lle quedan! Imos por elas? 🙂