#apaparCompostelaGastronomíaNovas

Bocadillo Riquela no Riquela Bar

Por @JuanEAT_o

@JuanEAT_o, probando o Bocadillo Riquela. Foto: Iván Barreiro

O que máis me gusta do meu traballo na Revista Pincha é ter a sorte de poder degustar as marabillas gastronómicas que temos na nosa cidade e sempre nun sitio diferente. Hai quen di que as miñas humildes opinións son case sempre boas. Certo. Será porque son de bo dente  ou porque ninguén pode negar que en Compostela se come moi ben. E o Bocadillo Riquela non ía ser unha excepción.

O primeiro que chamou a miña atención deste bocadillo foi o seu acompañamento, xa que un podería esperar unhas patacas ou algunha guarnición máis potente, pero non. Gustoume que apostaran por un toque verde e máis saudable, como é a eiruga.

Outro punto a destacar é que a carne de tenreira vén en tiras, no seu punto e tenra. Ademais, a cebola violeta xunto co pemento verde e os champiñóns cunha cama de queixo fundido dan como resultado un sabor único e interesante. Un queixo, por certo, que non enzoufa, o que se agradece moito. Para min, tanto este detalle, como a elección do pan son os que marcan a diferencia entre un bo ou un mal bocadillo. Ás veces, sobre todo neste tipo de pratos ou nas hamburguesas, aínda que o pan estea bo resulta pequeno para o contido que lle botan e, claro, faise toda unha aventura comelo sen que se desfaga. No Riquela apostan por unha peza de Pan da Moa que aguanta moi ben e permite gozar do bocadillo do principio ate o final.

En resumo, unha delicia para eses momentos nos que queres comer algo rápido sen que sexa moi pesado, con bo produto e un sabor único.

DATOS

Lugar: Riquela. Rúa do Preguntoiro, 35 - Santiago de Compostela

Prato: Bocadillo Riquela

Prezo: 8 euros

Valoración: 9 estrelas