No camiño da (nova) vella normalidade
Cando se publique o número 25 da Revista Pincha, o 1 de outubro, estarase celebrando en Caldas de Reis o festival PortAmérica, o primeiro en Galicia no que se poderá gozar dos concertos de pé, sen cadeiras! Quen nos ía dicir un par de anos atrás que algo así podería ser noticia! Esa ‘vella’ normalidade que botamos en falta para tantas cousas está tardando en chegar, aínda que pouco a pouco imos albiscándoa.
Está pasando tanto no sector cultural como no gastronómico -dos que vos falamos sempre en Pincha-, tan castigados pola pandemia da covid-19, pero que paseniñamente van vendo a luz. Así, unha das últimas decisións da Xunta é o de permitir que os aforos en calquera evento do ámbito do ocio sexa do 50% nos municipios de nivel máximo e do 75% nos demais (onde están a inmensa maioría). Tamén neste mes de outubro está previsto que arranque de novo a hostalaría nocturna (seguindo un novo protocolo que ao peche desta edición non fora presentado).
Na axenda ‘gastrocultural’ de Compostela temos cada vez unha maior oferta: concertos, festivais, obras de teatro… e, neste final de ano, o regreso dalgúns dos principais eventos que dinamizan a cidade en outono: Curtocircuíto, Cineuropa e Santiago(é)Tapas.
O primeiro celebrará a súa 18ª edición do 2 ao 10 de outubro, cun completo programa de actividades que gravitarán ao redor das últimas tendencias cinematográficas e das artes visuais. O seu director, Pela del Álamo, destaca a “consolidación do modelo interdisciplinar” de Curtucircuíto, que segue tomando o cinema como eixo pero propón outras disciplinas que dialogan con el, de tal xeito que a música non é un complemento lúdico, senón que é parte absoluta do seu discurso artístico. Pero sobre todo, fai fincapé na volta ao modelo presencial. “Para nós o festival funciona como punto de encontro e sen persoas, non ten sentido. Isto é o que máis ilusión nos fai”, afirma Pela. Iso si, non esconde o seu temor a como reaccionará o público. Non polo medo aos contaxios –“ está claro que a cultura é un espazo seguro, non houbo neste ano grandes focos nin problemas maiores”, di- senón polos gustos das novas xeracións. “Temos o reto, non só en Curtocircuíto, senón todos os festivais, de seducir a esa mocidade que agora mesmo unicamente consome contidos audiovisuais de cortísima duración a través de redes sociais. Hoxe podes ver unha película nun teléfono, que para algúns pode parecer un sacrilexio, pero a experiencia colectiva da pantalla grande xa non ten por que ser algo tan sagrado como antes. A xente busca outra cousa. Nin mellor nin peor. É unha cuestión de hábitos”, explica.
Pela subliña que a vocación do festival é ser un espazo de descubrimento: “O noso labor máis importante é saber rastrexar ben no underground e nos lugares emerxentes para pór en valor esas novas linguaxes; porque as novas linguaxes non veñen moitas veces das convencións do cinema experimental, senón da xente nova que está integrando os novos valores da imaxe e traballa con esas novas posibilidades. Aí é onde está a experimentación e a frescura. Para nós é moi importante facer esa procura de cineastas novos. Ás veces a xente pensa que por iso podería ser un festival menor, pero non, é que a vocación do Curtocircuíto é esa”.
Nesa procura deron con cineastas como Antía Carreira, que con menos de trinta anos, xa ten varias obras as súas costas e dirixe, xunto co seu socio Sergio, a galería Solaina en Lugo. Un espazo que crearon para darlle máis vida cultural á cidade. “Aprendín que ás veces as cousas se non as fas ti, non as fai ninguén”, asegura. Un proxecto que, despois de pasar por unha depresión, doulle forzas para rematar os dous últimos documentais que fixo. “Faltábame valentía porque eu o que fago é bastante íntimo e necesitaba ese impulso para expresarme. Cos vídeos digo cousas que non me atrevo a dicir con palabras”, confesa.
Un deles, ‘Formigón’, competirá na Sección Planeta GZ de Curtocircuíto. Neste traballo analiza os efectos das crises económicas da pasada década, a xentrificación das cidades e a precariedade do emprego novo na saúde mental e social da súa xeración. Todo isto conéctase co movemento rave, que propón un modelo autoxestionado de socialización. “Eu penso que cada vez ten menos espazos públicos e menos lugares para compartir físicos. Ti só podes relacionarte con outras persoas a través de ocio, onde teñas que pagar cartos. Estamos nun sistema capitalista que o único que che deixa é consumir. E ao final tamén consumimos as relacións. En ‘Formigón’ falo de por que eu vexo que necesitamos outra cousa, que realmente estámolo pedindo desesperadamente”, aclara.
Antía, que estudou Comunicación Audiovisual na Coruña e Santiago, e nunha escola de imaxe, son, artes plásticas e artes escénicas en Portugal –“que foi onde realmente aprendín”-, atopa a inspiración tamén na súa familia. Nas máis de 300 horas en 200 cintas de vídeo que gravou seu avó e que garda como un auténtico tesouro e na historia da súa avoa, que tiña unha academia de moda, e da que falará no seu próximo traballo.
Preocupación na hostalaría
Despois dun verán de rúas cheas de xente -cunha ocupación hoteleira en agosto que superou o 90%, iso si, con visitantes case exclusivamente nacionais-, o sector turístico encara o final deste 2021 con preocupación por todo o vivido, máis tamén con esperanza de que -esta vez si- esteamos ante o principio do fin. “Os meus clientes pregúntanme sempre: cando imos a volver á normalidade? A ese Boneco no que cantabas e bailabas…”, apunta Thor Rodríguez, que preside desde xullo a Asociación Hostalaría Compostela. O hostaleiro recoñece que o período estival foi un balón de oxíxeno, pero que iso non arranxa os 18 meses de perdas que levan soportando. “Si que notamos que a xente está máis motivada a saír, non hai o medo do 2020, cando preferían quedar nas terrazas e non entrar nos interiores”, sinala.
O sector ve ademais con inquietude a nova normativa que establece dous niveis de restricións en función das medidas de hixiene e control que implanten os locais. “O primeiro nivel é accesible para todos, pero o segundo vémolo inalcanzable para a maioría dos nosos locais, sobre todo pola distancia de seguridade imposible de cumprir nos pequenos. Quedar nese nivel supón non ter barra e menor aforo no interior cando agora vén o inverno, volven as chuvias, desaparecen as terrazas…”, lamenta. “Coa porcentaxe de poboación vacinada en Galicia -que supera o 80%- deberiamos poder adaptarnos a esta nova realidade que temos”, engade.
Thor, que é o primeiro presidente da hostalaría nocturna que ten a entidade, recalca sobre todo a situación da noite. “É un sector que foi moi atacado. Pola nosa parte, estamos poñendo todas as medidas para evitar contaxios e cremos que podemos ser unha parte da solución, e non un problema. Os botellóns poden xurdir menos se a mocidade pode ir aos locais de ocio nocturno, que ademais dan postos de traballo, pagan impostos e xeran unha economía que é moi importante para a cidade”, afirma.
Hostalaría Compostela, que representa a máis de 600 establecementos de restauración e hospedaxe de Santiago e a súa comarca, mantén a esperanza de que 2022 -ano que seguirá sendo Santo como este 2021- supoña a “recuperación total” para o sector. Aínda que para iso, haxa moitas políticas que mudar. “Creo que é un bo momento para sentarnos e establecer como queremos que sexa o noso turismo. Non podemos depender de dous meses no verán. Temos unha oportunidade de ouro para crear ese turismo de calidade, desestacionalizado, que pase máis tempo en Compostela, que non sexa só para durmir un día e irse a outro destino”, expón.
Co obxectivo de dinamizar a cidade, a entidade traballa xunto co Concello no regreso de actividades que tiveron que ser suspendidas pola pandemia, como as festas das Uñas de San Lázaro e o Banquete de Conxo – que se recuperarán o ano que vén – ou os concursos Santiago(é)Tapas e Santiago(é)Cóctel, dos que poderemos gozar xa neste outono. “Que se celebren estes eventos é tamén simbólico para nós. Hai moitas ganas. O de tapas é un concurso gastronómico de primeira. Podes probar pratos aos que a maioría das veces non podes acceder. Serve para dar a coñecer a hostalaría de Compostela, na que están sucedendo cousas moi interesantes. E é ademais un atractivo para visitar a cidade”, opina Thor.
Nese sentido, considera vital así mesmo a recuperación da actividade cultural. “É un aliciente para a hostalaría. Como coas actuacións ao vivo nos locais de hostalaría. É importante para o sector e para os artistas. Moitos deles están empezando e precisan de pequenos espazos como os bares para traballar. Todo é un círculo. Que o comercio e a cultura se movan fai que se mova a hostalaría. E viceversa. Que nós esteamos activos, beneficia a moitos sectores. Todos saímos ganando”, sostén.
En definitiva, se o virus non nos dá moitas sorpresas, todo apunta a que este final do 2020 pode ser bastante parecido ao do 2019 en materia de programación gastronómica e cultural. Aínda que se algo nos ensinou esta pandemia é a non facer moitas predicións. Máis vale vivir o presente. E se pode ser tomando algo nun bar, despois de ver unha boa película ou bailar no concerto do noso artista favorito, moito mellor.