fbpx
A CoruñaCulturaEntrevistasGastronomíaNovas

Inés Rey, alcaldesa: “O noso obxectivo é poñer en valor A Coruña como a capital cultural do Noroeste Atlántico”

Inés Rey adoita tomar un café só polas mañás nunha das cafeterías da praza de María Pita. Foto: Iván Barreiro

Un café só. Iso pediu a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, cando quedamos con ela nun bar da praza de María Pita para esta entrevista. “Sempre o tomo así e nesta cafetería”, comenta mentres facemos as fotos. A imaxe vén moi a conto polos temas que imos tratar: a actividade gastronómica, turística e cultural da cidade que goberna esta avogada socialista desde o ano 2019 -sendo a primeira muller da etapa democrática en facelo.

O seu principal obxectivo no eido cultural, ámbito do que ten as competencias dentro do goberno municipal, é ambicioso: que A Coruña sexa a capital cultural do Noroeste Atlántico. Natural da cidade herculina, colleita do 82, afirma estar xa traballando para elo, atraendo á urbe grandes eventos como o festival Womex ou aqueles ligados á celebración do Ano Picasso no 2023.

Poden estar orgullosos os coruñeses e coruñesas da oferta gastronómica e cultural da cidade? Que hai que mellorar?

Os coruñeses e coruñesas somos moi esixentes e sempre queremos mellorar, pero eu creo que este verán foi unha clara mostra da potencia cultural e gastronómica que ten esta cidade. Volvemos celebrar o Festival Noroeste, con máis de 40 artistas e 10 escenarios, unhas Festas de María Pita sen precedentes con artistas nacionais e internacionais e devolvemos as celebracións aos barrios, onde a cultura e a gastronomía van moi ligados, como a tradicional Festa da Fresa de Eirís. Un verán que pechamos co Fórum Gastronómico, un dos eventos gastronómicos máis relevantes de España. Podemos estar moi orgullosos, claro. Pero eso non quita que traballemos para estalo aínda máis e así o faremos.

Este verán foi o da recuperación turística, alcanzando cifras prepandémicas, cun 85% de ocupación hoteleira. Cales son as previsións para os próximos meses? Estase traballando en plans de desestacionalización?

O noso modelo de cidade ten como un dos eixos principais a reactivación económica e nesa reactivación tamén está a do sector turístico. Dende comezos de mandato traballamos por volver a situar A Coruña como sede de congresos e grandes eventos. Pouco a pouco estamos conseguíndoo, acollendo este ano eventos tan importantes como Ecosystems 2030 no que se abordaron as últimas novidades en innovación tecnolóxica e que volverá o próximo ano; o Congreso Gap Junction que trouxo a máis de 200 investigadores científicos á cidade ou o cume hispano-alemán, unha das citas europeas máis importantes nos últimos anos e que puxo á Coruña no punto de mira de todo o continente. Ademais, o vindeiro 2023 celebrarase Womex, un dos eventos máis relevantes da música global, e seguiremos apostando por outros eventos culturais de gran transcendencia con motivo do Ano Picasso. Ese é o noso plan de desestacionalización, apostar por un turismo MICE presente en todas as épocas do ano, con turismo nacional e internacional e cun marcado ADN cultural en sintonía coa nosa cidade. 

Pese a estes bos datos turísticos, a hostalaría vén de sufrir nos últimos tempos a falta de persoal cualificado e problemas económicos debido ao aumento de moitos gastos como é a factura da electricidade. Está o Concello botando unha man ao sector?

É certo que o sector da hostalería, como o da alimentación ou o da construción, está a padecer un descenso no persoal cualificado. A nós gustaríanos que se traballara máis pola formación nestes sectores dende a Xunta, que ten as competencias en materia de emprego. Con todo, levamos a cabo varias accións formativas en materia de hostalería a través do proxecto Coruña Suma. Pero ademais a través dos dous plans de Reactivación Económica e Social da cidade destinamos axudas directas aos hostaleiros e puxemos en marcha bonos específicos para consumir no sector. Tamén eliminamos as taxas das terrazas e permitimos que locais que non tiñan terraza puidesen poñela na calzada. O noso compromiso co sector é máis que evidente e así o recoñeceron en numerosas ocasións os propios representantes do sector cos que mantemos unha relación constante de colaboración.

A Coruña é sede do Galicia Fórum Gastronómico, o maior evento gastronómico profesional do Norte de España. Que significa este evento para a cidade?

É unha oportunidade de atraer o maior talento cociñeiro á Coruña e de que o sector hostaleiro, pero tamén a cidadanía, gocen e aprendan da mellor alta cociña. Concentrar a 27 Estrelas Michelín non é algo que aconteza todos os días e iso demostra a gran capacidade que ten a nosa cidade de acoller grandes eventos. O Fórum Gastronómico non só nos serve para poñer en valor a mellor cociña, tamén o potencial da nosa cidade con grandes espazos e mellores paisaxes.

Os datos de Alvedro aínda non volveron a cifras anteriores á pandemia. Segundo datos de AENA, en setembro houbo un descenso dun 19,2% no número de pasaxeiros con respecto a 2019. Cales son as previsións para o aeroporto para os próximos meses? Haberá novas conexións?

Aínda que este verán conseguimos superar moitas das cifras anteriores á pandemia é certo que moita xente segue optando por turismo de proximidade e por utilizar o vehículo privado. Con todo, penso que Alvedro está vivindo unha clara repunta. O ano que vén contará con cinco conexións internacionais por primeira vez na historia. Ámsterdam, Milán e Xenebra engádense ás xa existentes con Londres e París. Ademais o Goberno de España vén de publicar un novo Plan Director do Aeroporto de Alvedro para adaptar a infraestrutura presente e chegar a 1,6 millóns de pasaxeiros e 21.100 voos ao ano. Esa adaptación permitiranos tamén acoller novas liñas e conexións nas que xa estamos traballando.

2022 foi tamén o da recuperación sen restricións das festas (San Xoán, María Pita, festas nos barrios...) e festivais (Noroeste, Morriña Fest...). Que impacto tiveron sobre a cidade?

As Festas de María Pita e os seus concertos reuniron a case medio millón de persoas. Máis de 230.000 persoas nas Noites de María Pita, 184.000 no Festival Noroeste Estrella Galicia, 50.000 no Morriña Fest e 20.000 na Semana Clásica. Todo iso sen contar coas festas dos barrios e o resto de programación de actividades nos diferentes recintos da cidade como o Coliseum. Penso que a oferta de estilos e para todas as idades chegou a todos os coruñeses e a nosa aposta é a de seguir ampliándoa. Sabemos que é un reto complicado pero o noso motor é o de axudar á hostalería da cidade, ao sector turístico e cumprir os desexos dos coruñeses e coruñesas de volver a ter unhas festas á altura da cidade.

En 2023 celébrase o Ano Picasso. Acollerá o Museo de Bellas Artes a súa exposición? En que máis actividades se está traballando para conmemorar esta efeméride?

Si, o Museo de Bellas Artes acollerá a exposición ‘Picasso: blanco en el recuerdo azul’, pero ademais está previsto o desenvolvemento dun congreso internacional sobre arte e educación, un ciclo de conferencias sobre o universo Picasso, exposicións de artistas contemporáneos que reflexionen sobre este pintor, accións específicas de turismo picassiano e programas didácticos para divulgar o universo deste autor universal na Coruña a través mesmo doutras artes. Tamén se poñerá o foco nos artistas contemporáneos da cidade co fin de facer visible o talento actual e tinguir de arte A Coruña durante todo o ano.

Ademais disto, cales son os demais obxectivos da área de Cultura no próximo ano? 

O noso obxectivo fundamental é seguir traballando para poñer en valor A Coruña como a capital cultural do Noroeste Atlántico. Ademais de ser cidade Picasso en 2023, o que xa nos sitúa nunha posición referente, xa presentamos algunhas citas importantes como a do Festival Womex que xa comentaba. Este ano a asistencia do público ao Coliseum aumentou nun 22% respecto ao ano pasado. Tivemos actuacións para todos os públicos: Rosalía, C. Tangana, Simple Minds, Van Morrison... Un dos nosos retos é seguir superando esas cifras e ampliar a oferta. Non só musical, tamén nos teatros. A venda de abonos para o Ciclo Principal do Teatro Rosalía foi a máis alta en dez anos. Os nosos obxectivos son os de seguir aumentando as cifras e achegar á cidadanía unha programación cultural ampla, atractiva e diferente en sintonía coa capital cultural que é A Coruña.

EN PRIMEIRA PERSOA

  • Un libro. ‘El corazón helado’ de Almudena Grandes.
  • Unha película. Notting Hill.
  • Té ou café? Café só.
  • Unha tapa. De callos.
  • Un lugar para desconectar. Xardín de San Carlos.
  • Un espectáculo/evento que querería ver na Coruña. O Mundial de fútbol.
  • Un desexo para 2023. Que a cidade da Coruña consolide o seu liderado e se sitúe como referencia a nivel nacional.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.