Guía Repsol recoñece cun sol ao restaurante coruñés ‘Omakase’ e con dous, ao padronés ‘O’Pazo’
Galicia conta desde hoxe con dous novos restaurantes distinguidos con 2 Soles Guía Repsol: ‘O Camiño do Inglés’ (Ferrol) e ‘O’Pazo’ (Padrón), os dous situados na provincia da Coruña. Ademais, a Comunidade suma dous novos restaurantes cun Sol, ‘Omakase’ (A Coruña) e ‘Terra’ (Fisterra). Coas novas incorporacións, Galicia suma un total de 34 restaurantes galardoados: 2 con Tres Soles, 14 con Dous Soles e 18 cun Sol.
O asador ‘O’Pazo’ basea a súa oferta na excelente calidade do produto, que traballa principalmente á brasa. Sobre a súa grella póusase carne de vaca loura galega, tentación que en casa dos irmáns Manuel e Óscar Vidal (maître e cociñeiro) convive con outros manxares da horta padronesa e, sobre todo, peixes e mariscos das Rías Baixas e das lonxas de Ribeira, Rianxo e A Pobra do Caramiñal. A ampla adega permite maridar todo con referencias nacionais e internacionais, sen esquecer os viños galegos.
‘Omakase’ é unha barra xaponesa limitada a oito comensais e situada no centro da Coruña, que basea a experiencia nun único menú pechado e decidido polo chef, o cal vén ser precisamente o significado da palabra omakase. Mandan as preparacións sinxelas e efectivas, o sushi “purista” e o sushi edomae, amigo das maduracións de peixe. Para alcanzalas, o sushiman Adrián Figueroa conta cunha cámara específica onde transforma produto principalmente de Galicia. Non convén perderse as suxerencias extra de cada día e a proposta complétase cunha notable adega que reúne dous centenares de referencias.
Outros locais da cidade herculina con soles son Árbore da Veira (2 soles), Bido (2 soles), Nado (1 sol) e Salitre (1 sol).
En Compostela tamén contan con esta distinción A Tafona (2 soles) e Casa Marcelo (2 soles).
Soles Guía Repsol 2023
Baixo o lema “A cociña énchenos’, o Auditorio da Deputación de Alacante reuniu nunha emotiva e divertida gala aos mellores cociñeiros e cociñeiras do país. Coas novas incorporacións, un total de 712 restaurantes forman o universo de Soles Guía Repsol 2023 (43 Tres Soles, 164 Dous Soles e 505 Un Sol). Por comunidades autónomas, Cataluña (105), Comunidad de Madrid (98), Euskadi (68), Andalucía (65), Comunitat Valenciana (58) e Castela e León (58) son as rexións onde máis Soles brillan.